Monterroso
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Composto por monte, do lat. mons, e rosus, de orixe escura, quizais participio do verbo rodo ‘roer, rozar, desgastar’, isto é, ‘monte erosionado’.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Monterroso era nun principio o nome dun monte. Máis adiante (polo menos desde finais do séc. XI) pasou a designar un condado, o anteriormente chamado durriense, xentilicio correspondiente ó actual Dorra (Antas de Ulla). A principios do XIII xa nomea o núcleo de poboación que actualmente é o concello de Monterroso.
Información específica de étimo para este topónimo
A segunda parte deste composto tense identificado co latín RUSSUS, pero, por unha banda, esta voz latina non deixou descendentes nesta zona da Romania (vid. PatRom_IV.1, s.v. Russus), e, por outra, as atestacións medievais o desmenten, pois aparece de forma consistente con –s-.
Nicandro Ares (2000, TopGal) propuxo rosum, participio do verbo rodo 'roer, rozar, desgastar'. Máis tarde, Vázquez García (2002), no seu estudo sobre a toponimia deste concello, apoiou esta hipótese porque “o sustrato do termo municipal é de tipo granítico, cun potente recubrimento areoso, con escasa presenza de minerais de cor vermella ou roxa”; esta realidade extralingüística descarta tamén o étimo ROSSUS. Unha obxección a esta hipóteses é que desde o punto de vista lingüístico non é usual atopar un descendente léxico sen máis apoio ca un único topónimo. Con todo, existen varios posibles cognados, Ponterrosa (Palas de Rei, Lu) e Fontes Rosas (Touro), das que carecemos de documentacións medievais que permitan deitar luz sobre a súa orixe, se non é a mesma que propón Ares.
A posibilidade de que proceda dun adxectivo co sufixo -oso choca coa persistencia das formas medievais Monte Roso ou Monterroso. Por exemplo, non se documenta nunca un composto *Monte Terroso, do que podería proceder con haploloxía.
Sobre a identificación do nome que nomea o topónimo, Nicandro Ares cre que se debe identificar co actual pico de San Cristovo, cunha altitude de 825 m, posto que a localidade se sitúa na súa ladeira. Pero Carlos García (2002: 17) considera que debe ser o actual monte de Vacaloura, localizado entre os Picos de Narón e San Cristovo, baseándose nun doc de 1022 do TACSantiago que nomea Sampiri (actual Sampil), e que o sitúa xusto debaixo do Monte Roso.
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "ad montem de Meta, transiens Ferraria flumen venit ad Castrum Nesperarie et venit ad Deiroso Monte et protenditur ad Monte Navego ad Castrum veniens Arburisulie concludens per flumen Bubale" a.572 Costa_BragaLiberFidei. Este documento, de autenticidade discutida, é un dos máis antigos do noso territorio. Os editores presentaron varias lecturas diferentes deste topónimo; amais da indicada, Aeiroso (RiscoESagrada40, CDLugoCañizares), Eiroso Montem (TVelloLugo). Monterroso figura neste texto como límite occidental do comitatus pallarensis, o condado de Pallares.
- "in territorio Asma sub (...) ipso Monteroso” 922 CDCatMondoñedo, p. 14-15
- “ipsa villa Bene Vivere qui est scita subtus Monte Rosum” 937 TCelanova, p. 449
- “hereditatem in loco, cui dicunt Sendin, discurrente ad Aulam Sti. Cipriani inter duos Alpes Monte Roso et Sumio” 1063 TSobrado f.47v-48r
Pronto deu lugar a un condado medieval:
- "Sancius comes de Monterroso" 1098 DocUrraca
- “Monio Pelagiz dominans in Monterroso” 1112 CDOseira
- “in terra de Monterroso” 1278 DocCatLugo
E despois a un núcleo de poboación:
- "in villa illa de Monterroso" 1202 CDLugoCañizares
Moderna
- Monte Rozo 1653 AtlasTexeira
- Monterroso 1752 CME
- Monterroso 1806-1870 DicMadoz
Paisaxe toponímica próxima
No propio concello e nos próximos encóntranse varios lugares que conteñen na súa denominación a forma monte, como corresponde á orografía da zona, pouco accidentada pero con bastantes elevacións suaves, como consecuencia da erosión (GEG, s.v. Monterroso): Monte Alegre (lugar en Taboada, Lu), Montecalvo (lugar en Monterroso, Lu), Montecelo (lugar en Monterroso, Lu), Montecelos (lugar en Antas de Ulla, Lu; Taboada, Lu).
Cognados e topónimos relacionados
En Galicia existen numerosos lugares que conteñen a voz monte, tanto con artigo (O Monte), como en composición (Montefaro, en Ares e Valdoviño, Co), parroquias: Monteagudo (Arteixo, Co), Montecubeiro (Castroverde, Lu), Trasmonte (Ames, Co), etc. e concellos: Montederramo (Ou) e Monterrei (Ou).
En canto á segunda parte, poderían ser cognados Fontes Rosas (parroquia en Touro) e Ponterrosa (Palas de Rei); Nicandro Ares_TopGal propono para este último, e ademais considera como alternativa terrosa ‘ponte cuberta de terra’", pero isto parece pouco explicable semanticamente. En todo caso, sen coñecer atestacións antigas é difícil chegar a conclusións seguras. Deberían descartarse como cognados formas como Silvarosa, Silvadrosa, Arosa, pois son compostos con HEDEROSA.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org