Pena do Golpe, A
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Composto transparente da palabra pena (do latín PĬNNA) e golpe (do latín VŬLPE 'raposo').
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Aldea da parroquia do Pereiro, concello de Alfoz (Lu).
Información específica de étimo para este topónimo
Pena
O uso toponímico desta voz constátase desde os máis antigos documentos conservados do noroeste peninsular, moitos deles xa coa forma plenamente romance:
- "ubi intrat Sarria in Neira et uenit ad Aquilare Pena et extenditur ad Castrum Petrosum" 572 TVLugo, CDLugoCañizares
- "quartus comitatus Sarriensis dicitur, leva se in Penna Maiore et perge ad Pando et venit ad Montem Neironem" 572 Costa_BragaLiberFidei
- "ad cabeza do rego de Pena de Transtao" 714 TCaaveiro
- "deiin de ad Pena Alua" 791 CDPinoMonforte
- "e fonte de Busto vsque ad Pinnam Rubiam, de Pinna Rubia vsque ad Sanctum Christophorum" 804 DipAstur
- "de porto Untis usque in pena de Calelio" 952 CDCelanova
Pena é hoxe unha das voces toponímicas máis comúns na toponimia maior galega: está presente en 365 lugares do NG , tanto en singular coma en plural (Boullón_2021), iso sen contar as veces en que está graficamente soldada (Penamoura, Penaquente, Penarada, Penarredonda) ou en contraccións (Penouta, Penoubiña, Penerbosa), con sufixos (Penela(s), Penouzos, Penoucos) ou en derivados (Penedo, Penido).
Golpe
As formas máis antigas para designa-lo vulpes vulpes foron golpe e golpella (ou golpello). Estas últimas deixaron diversos derivados (véxase Golpilleira) pero foron finalmente substitúidas por raposo ou raposa. Golpe mantense como voz viva na zona mindoniense (zona máis septentrional das provincias da Coruña e Lugo) (véxase Boullón Agrelo 2002).
Encontramos documentacións na súa presenza en textos medievais, pola mesma zona, desde o séc. XII, en uso antroponímico:
- "Iohanne Golpe de Cabanas" a.1165-1175 TCaaveiro
- "Johannes Petri dictus Golpe" a.1256 CalendMondoñedo
- "Dominici Alfonsi dicti Golpe" 1338 CalendMondoñedo
- "Juan Afonso Golpe" a.1410, "Domingo Golpe" a.1427 CDVilourente
A forma en plural deu nome a unha parroquia que hoxe xa non existe como tal:
- "clericus de Sancto Martino de Golpes" 1264 CDFPallares.
- "ecclesia sancte Marie de Nouella. ecclesia sancti Martini de Golpes. ecclesia sancte Marie de Milide. ecclesia sancti Iacobi de Linares" 1285 CDLugoCañizares
- "Ena frigresia de Sam Martino de Golpes" 1380 DocSMBelvís
- "Sant Martino de Golpes" 1488 DocCatMondoñedo
Posiblemente se poida identificar con Golpes, un lugar do concello de Frades (Co), que hoxe tampouco se rexistra no NG, pero que citaba aínda Madoz na freguesía de san Martiño de Ledoira (dicMadoz).
Cognados e topónimos relacionados
Con esta palabra en Galicia, ademais do topónimo tratado, consígnanse no NG O Carreiro do Golpe (Ortigueira, Co) e Rego do Golpe (Viveiro, Lu). En Portugal hai tamén Golpe en Coímbra.
Tamén se rexistra un feminino A Golpa (Cariño, Co). E o derivado Golpeiras (O Vicedo, Lu).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org