Camba
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
O étimo CAMBA provén do celta *cambos 'curvo' (DCECH, s.v. cama II), que na toponimia galega tanto pode designar unha altitude, un val ou a forma dun río.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
O río, de curso sinuoso e encaixado entre os montes da serra de San Mamede —onde ten a cabeceira—, do Invernadoiro e de Queixa, é afluente do Bibei.
Reciben tamén o nome de Camba a parroquia en que nace o río e o único lugar que a constitúe, no concello ourensán de Laza. Na Idade Media e polo menos ata o segunda parte do século XVIII o lugar da parroquia chamouse Camba do Carambo. Figura entre os lugares da parroquia de Cercedelo, xa só coa forma Camba, no Nomenclátor da década de 1860. Na actualidade o aditamento Carambo só se conserva na microtoponimia: Carambo, O Corgo de Carambo, A Curva do Corgo de Carambo (GaliciaNomeada).
Información específica de étimo para este topónimo
O aditamento Carambo que tivo o lugar da parroquia onde nace o río correspóndese coa voz común carambo 'carambelo, xeo que se forma sobre unha superficie líquida', 'xeo que queda colgando ao conxelarse auga que cae' (vid. Carambo).
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "basilica sita esta territorio Pinciae et inter flubios uocitandos Camba et Blue" 912 CDCatedralAstorga1
- "monasterio vocabulo sancti Johannis Baptista de Camba, flumine discurrente Camba" 962 CDCatedralAstorga1
- "Justa riuuolo Kambe" 1208 CDMontederramo
Moderna
" CAMBA : r. en la prov. de Orense , part. jud. de Viana del Bollo, el cual nace en los montes llamados del Invernadero" 1845-1850 DicMadoz
Cognados e topónimos relacionados
En Galicia sete parroquias chámanse Camba ou conteñen a palabra (Portocamba e Veigas de Camba), ademais de oito lugares (A) Camba e outros tres que conteñen no nome este topónimo (Río de Camba, San Xoán de Camba e Portocamba).
En Portugal tamén hai un lugar chamado Camba (Pampillosa da Serra), dous Cambas (Braga e Oleiros) e o composto Santana de Cambas (Mértola), que tamén é freguesía.
O río Cea, que discorre polas provincias de León, Valladolid e Zamora, ten un afluente chamado Camba que lle dá nome ó monte de Riocamba (León), o cal atravesa.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org