Nabal
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Derivado
Resumo xeral
Derivado de nabo (lat. NAPU) co sufixo abundancial -al. É o representante desta familia que ten máis presenza na toponimia. Non designa exclusivamente 'terreo dedidaco ao cultivo de navos', senón que ten un significado máis xenérico de 'terreo para diferentes hortalizas" (Navaza_Fitotoponimia).
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Lugar da parroquia de San Tomé de Ancorados no concello da Estrada (Po).
Documentación histórica
Antiga e medieval
Dado que as localidades que portan esta voz son poboacións menores, é difícil localizalas na documentación antiga. En todo caso, a súa presenza é abundante como voz común nos repositorios. Referida a distintos lugares, atopámola tanto na forma singular como plural e tamén en usos antroponímicos, como complemento toponímico en nomes persoais:
- "riuulum de Naual", "sicut diuidit a Pontibus de Gatin usque ad Riuum de Nabal" 1172 TVLugo
- "Joan do Naval" 1473 TOseira
- "Petrus Pelagii dictus Nabaes a.1256, Martinus Iohannis de Outeyro, dictus Nabaes a.1258 CDOseira
- "don Fernan Paes Nabaes, thesoureyro de Santiago" 1353 DocUnivSantiago.
- "Hun marco está ontre as Deuessas, ao Penedo do Rio dos Nabaes" 1473 DocDevOurense.
Cognados e topónimos relacionados
No NG documentamos tamén Nabal (Lousame, Co), os compostos O Nabal Vello (Tordoia, Co), Trasdonabal (Cotobade, Po), oito localidades co plural (Os) Nabás (Co2, Lu3, Ou2, Po1), cunha variante dialectal no composto O Chao dos Nabais (Trabada, Lu) e o derivado Nabaleira (A Caniza, Po).
Tamén se rexistra O Nabalexo (Pontevedra), pero é dubidoso que sexa derivado de nabo ou, máis probablemente, que teña que ver cun topónimo prerromano. Este documéntase como monte e río no séc. X:
- "e illo monte de Nabalelio ata in termino de Visandi IIIa integra; et des illo arrogio de Nabalelio" 982 TSamos
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org