Gudiña, A
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Derivado
Resumo xeral
Diminutivo do nome persoal feminino Goda, de orixe xermánica, co sufixo latino -INA.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
O actual concello está situado nunha zona de paso entre Galicia e a meseta (e tamén pasa a Vía da Prata do Camiño de Santiago), polo que existen por alí numerosos topónimos ou microtopónimos que indican esta circunstancia (Brea, Venda). De feito, Madoz propón como orixe do seu nome o dunha muller, Agudiña (DicMadoz), que fundó alí unha venda, arredor da cal se formaría a poboación. Outra etimoloxía popular indica que a dona desa venda era moi "agudiña", ou astuta, de forma que "dun pote de caldo sacaba trinta cuncas"; por tanto, o nome viría do alcume, non do nome propio. A reinterpretación é comprensible posto que este nome feminino deixou de utilizarse xa na Baixa Idade Media.
Foi tamén nome dunha antiga xurisdición, constituída por esta vila e mais as freguesías do Canizo, Pentes, San Lourenzo de Pentes e O Tameirón, todas elas no actual concello.
O concello constituíse coas parroquias da antiga xurisdición, máis as parroquias de Barxa, Carracedo da Serra e Parada da Serra. Nomeárono coa forma do artigo castelanizada, La Gudiña, ata que en 1985 recuperou a súa forma orixinal, A Gudiña (VariacionesMunicipios).
Información específica de étimo para este topónimo
Godiña ou Gudiña foi un dos nomes femininos máis frecuentes da Galicia altomedieval (BoullónAntrMedGal p.82), documentado desde o séc. X en textos escritos en latín:
- "Godina Adaulfiz" 957 TCelanova
- "Felix Citiz simul et coniux mea Gudina" 982 TSamos
- "domina Gudina" 1033 CDVisLugo
- "Godo genuit Godina" 1060-1065 CDLugoCañizares
- "hereditate de Gudina Servandiz" 1076 TCelanova
- " domna Godina de Avelanedo" 1253 CDMelón
Deixou de usarse a finais do séc. XII, de forma que apenas se documenta na Galicia baixomedieval.
Documentación histórica
Moderna
Cognados e topónimos relacionados
En Portugal hai varios topónimos procedentes deste nome persoal, tanto en masculino (Godinho en Aveiro e outros compostos) coma en feminino: Godinha (Portalegre), Godinhas (Santarém).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org