Oroso
Tipología o caracterización geográfica
Derivado
Resumen general
É un derivado de hedra co sufixo abundancial -oso, como confirman as atestacións históricas deste topónimo. Designa un lugar abundante nestas plantas rubideiras.
Aspectos geográficos, históricos, administrativos
O concello de Oroso constituíuse en 1836 con parroquias que pertenceran no Antigo Réxime ás xurisdicións de Folgoso e de Mesia e ó Couto do Deán, na provincia de Santiago. Tomou o nome da parroquia onde se estableceu a casa consistorial, que está no lugar de Sigüeiro (Navaza_Concellos). O nome inicialmente levaba a advocación, castelanizada (San Martín de Oroso), pero en 1836 suprimíuselle e quedou como Oroso (FariñaJamardo_1990).
Información específica de étimo para este topónimo
Os actuais topónimos galegos parecen ser descendentes dun derivado de hedra, tras unha asimilación da vogal pretónica, como parecen indicar as documentacións máis antigas, tamén os referidos á actual parroquia da Caniza (Po):
Documentación histórica
Antigua e medieval
- "villa de Heroso" 1167 TSobrado
- "Heeroso ... "que ... est inter caminum de Crunia et caminum de Superado et est in concurrentia Sancti Michaelis de Gandara" 1238 TCSantiago, f. 114v.
- "flegesía de San Martiño de Eroso" 1457 TBieitoSantiago
- "San Martino de Eroso [Arçiprestadgo de Berreo] 1500 LSubsidioSantiago
Moderna
- "San Martino d'Oroso" 1566 ACS
- "San Martiño de Oroso" 1607 MemoriasHoyo
- "Reino de Galicia. Provincia de Santiago. Feligresía de San Martín de Oroso" 1764 CME-Oroso
Cognados y topónimos relacionados
Amais deste concello, que tamén contén con este mesmo nome unha parroquia e dous lugares (Oroso de Abaixo e Oroso Pequeno), no NG consta outra parroquia na Caniza (Po). Outras variantes: Hedroso (Viana do Bolo, Ou), Hedrosa (Ortigueira, Co, e Castro de Rei), Herosa (A Gudiña, Ou, este consignado como Edrossa 1335, segundo transcribe Navaza na súa Fitotoponimia).
Sen rexistros históricos, non se pode garantir que as formas femininas Orosa (en Aranga, Co, O Irixo, Our, A Estrada, Po, Palas de Rei e Vilalba, Lu), (A) Arosa (Boimorto, Mesía e Santa Comba, Co, Meis, Caldas de Reis, Po) procedan tamén dun derivado de hedra (HEDEROSA) ou estean relacionados con topónimos prerromanos como Arousa ou Oroxo. Algúns rexistros históricos permiten establecer esa conexión: "Juan Orosa e a súa filla Juana Arosa" a.1865 AHUS. O actual Arosa de Santa Comba rexístrase no séc. XIII como Heerosa (TToxosoutos). Un dos actuais topónimos portugueses Arosa documéntase como Heerosa no ano 1091 (OnomMedPortugués) Tamén podemos supoñer A Silvarosa (Viveiro, Lu) como un composto de silva hedrosa, paralelo a Silvadrosa (Fonsagrada, Lu), e Pé de Arosa como pedra hedrosa (véxase Navaza_Fitotoponimia §129 para máis resultados)
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org