Pasar al contenido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta del diccionario
  • Resultados del proyecto
  • Bibliografía
  • Fuentes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptastan

Chantada

Chantada

Tipología o caracterización geográfica

Comarca
Lugar
Concello
Parroquia
Idioma del topónimo
Galego

Étimo

PLANTATA
Latino
Fitonimia

Ámbito semántico

Fitonimia

Derivado

Resumen general

Chantada procede do latín PLANTATA, participio de plantare, usado como adxectivo concertado cun substantivo feminino que descoñecemos. Non temos certeza sobre a etioloxía, é dicir, a “causa”, do uso desde participio ou adxectivo. No caso do nome da vila e concello que dá nome á comarca do sur de Lugo, cremos que a hipótese máis probable é que sexa un fitotopónimo, referido a unha terra plantada de castiñeiros ou, menos probablemente, de viñas.
 

Aspectos geográficos, históricos, administrativos

A vila de Chantada pertence á parroquia homónima, que ten como patroa a Santa Mariña. A vila dá nome a un concello e a unha comarca do sur da provincia de Lugo; a comarca está formada polos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada.

O concello de Chantada comprende 36 parroquias: Adá, Arcos, Argozón, Belesar, Bermún, Brigos, Camporramiro, Chantada, Esmeriz, Esmoriz, Fornas, A Grade, A Laxe, Líncora, Mariz, O Mato, Merlán, O Monte, Mouricios, Muradelle, Nogueira de Miño, Pedrafita, Pereira, Pesqueiras, Requeixo, Sabadelle, San Fiz de Asma, San Pedro de Viana, San Salvador de Asma, San Xurxo de Asma, Santa Cruz de Viana, Santa Uxía de Asma, Santiago de Arriba, A Sariña, Veiga e Vilaúxe.

Na documentación medieval, a comarca de Chantada denominábase Terra de Asma (cf. "Hoc apud domum supradictam de Chantada Dasma" 1237 DocSobrado). O río Asma (hidrónimo prerromano) baña Chantada e, como complemento, forma parte dos topónimos de catro parroquias chantadesas: San Fiz, San Salvador, San Xurxo e Santa Uxía (de Asma). Ó lindeiro concello de Carballedo pertence a parroquia de Santa Cristina de Asma.

A 1 km da vila de Chantada, a igrexa parroquial de San Salvador de Asma foi a dun antigo mosteiro medieval (San Salvador de Chantada) desaparecido coa desmortización de Mendizábal; está no lugar chamado O Convento. Na mesma parroquia hai outro lugar chamado O Priorato.

Información específica de étimo para este topónimo

Chantada procede do latín PLANTATA, participio de plantare, concertado cun substantivo feminino que descoñecemos. É dicir, no temos certeza sobre a etioloxía, é dicir, a “causa” do uso desde participio ou adxectivo. Podemos pensar, en primeiro lugar, no mundo mineral. Para o caso da Chantada que dá nome ó concello, tense proposto que plantata foi aplicado a petra, e así, petra plantata sería equivalente a petra ficta, pedra espetada ou cravada no chan, referida quizais a un miliario dos que marcaban a distancia na vía romana que ía de Lugo (Lucus Augusti) a Braga (Bracara Augusta). É a hipótese que defende X. Méndez Pérez. Ademais da situación de Chantada na antiga vía romana, esta hipótese vese apoiada polo feito de existiren en Galicia os topónimos A Pedrachantada e Pedra Chantada, equivalentes a Pedrafita, topónimo moi repetido en toda Galicia que tamén denomina unha parroquia chantadesa: Pedrafita (Santa Baia).

Non obstante, dado que temos en galego o substantivo chanto ‘estaca seca que se crava no chan ó pé das cepas e dalgúns vexetais de horta’ ou ‘lousa que se emprega para facer valados ou chantados’, cabe a posibilidade de interpretar Chantada como participio de chantar ‘cerrar con chantos unha herdade’ ou ‘cubri-lo chan con chantos’. En documentos medievais galegos abundan as secuencias en que chantados parecen referirse a construcións: "cassas e chantados", "casas e casares et árvores e chantados", "cos seus pââços, casas, casaes, chantados et moynos", etc. Nesta hipótese, Chantada explícaríase como '[terra] cercada, cerrada cun valo, muro ou cerca' (cf. "con sua cortina, assi como está cerchada e con nas árvores que y están" 1294 CDRocas doc. 43. No LNRianxo (a. 1457) rexístrase "Chantado, plantación rodeada dun valado". Esta explicación é a que mellor lle acae ó topónimo Chantado (Lourenzá, Lu). 

Ademais de co ámbito mineral, o adxectivo chantada pode estar relacionado co mundo vexetal. Así, en contratos de foros medievais galegos, aparecen frecuentemente secuencias referidas a leiras con expresións coma estas: “chantada et por chantar, lavrada et por lavrar”, “assí chantada como por chantar”, “estava chantada cabo o camiño”, “que a devedes dar chantada de vinna”, “marcada por marcos e chantada de vinna en Valiño”, “a dita leyra chantada de vinna alçada”, “leira de herdade chantada de vinna”, “huna leira derdade que ora he chantada de vinna que esta eno casal e outra leira de vinna”, “duas leiras d'erdade: unha chantada de vina et a outra de monte...", "que a ponades et plantedes de viña, et ela posta et plantada de viña", "e toda así plantada con la que está de byña, que la teñades labrada e reparada" e outras parecidas. Vemos que nestas secuencias o adxectivo chantada/plantada aparece maioritariamente aplicado a terreos dedicados ó cultivo de vides, pero tamén o atopamos referido a soutos de castiñeiros; por exemplo: “Asy conmo ora sta chantada con suas árvores", “poruada et chantada de rayt et de garfeo onde feser mester de castanas “, “a terçia parte de sete castineyras da chantada vella”, "estaquas chantadas et divisoes feytas et sebes deribadas",  etc.

Vemos, pois, que chantada se aplicaba a terras con plantacións de vides (a maioría das veces) ou de castiñeiros. Os dous cultivos quedaron ben reflectidos en topónimos do propio concello chantadés: Bacelares, Lagariza, Viñás son nomes relacionados co cultivo do viño mentres que Casteda, A Castiñeira, A Devesa, Soutariz, Souto e Sequeiras poden asociarse co das castañas. 

As dúas especies vexetais, as vides e os castiñeiros, abundan aínda hoxe no territorio do concello, polo que seguramente o nome da vila regada polo Asma foi en orixe un adxectivo aplicado a unha plantación dun dos dous cultivos mencionados. Dado que a vila chantadesa está situada a 491 metros de altitude nunha pequena chaira aberta, moito máis exposta ás xeadas cás parroquias do seu concello ribeiregas do Miño, máis protexidas e axeitadas para o cultivo da vide, decantámonos pola interpretación de Chantada como '(terra) plantada de castiñeiros'. Coincidimos así coa segunda das acepcións que o padre Viterbo recollía como antiga para chentados: 'plantações de árvores, que pegam de estaca' (EluViterbo s.v. chentados).

Esta explicación como fitotopónimo non obsta para que algún dos outros oito topónimos cognados puidese referirse a unha terra plantada de viñas, a unha pedra chantada ou a unha superficie de terra cerrada con chantos.

En todo caso, a vinculación do topónimo co verbo chantar 'cravar' está clara para os falantes e explica as lendas sobre a orixe do topónimo. A máis estendida conta que un día una muller chantadesa ía para o lugar de Belesar, situado ó sur da vila, transportando un gran penedo por toda a ribeira. Cansa polo enorme peso da pedra, exclamou: «Ala, aí vos queda, chantada no chan». [Wikipedia]. Outra lenda di que Chantada foi un nome posto polo demo, quen "pasou por alí levando a nai ó lombo e, canso de ir tan carregado, tiróu coela e dixo: "Aí quedas chantada". (V. Risco, Etnografía, p. 693). Unha terceira lenda explica o topónimo polo cansazo da Virxe María, quen viña con Xesucristo desde Lugo camiño de Ourense, e, tras tantas leguas percorridas, non daba andado. Esgotada, parou sen poder dar un paso máis e exclamou "Eu chántome eiquí, meu fillo. Quédome eiquí, chantada porque xa non podo máis". Ó que Xesús respondeu: "Pois queda, queda eiquí chantada, e descansa, que xa mañá chegaremos a Ourense". "E así foi como Chantada colléu o seu nome e se chama como se chama" (Men Figueiros do Ferradal, "O gaiteiro de Lugo" 1971). Tomadas de Celso de Baión, Os nomes da terra, Edicións Castrelos, Vigo 1976, p. 29.

 

 

 

Documentación histórica

Antigua e medieval

Dado que na parroquia de Beiro, do concello de Ourense, hai un lugar tamén chamado Chantada, nos documentos medievais non é doado discriminar as atestacións referidas á Chantada que dá nome ó concello e comarca lugueses das correspondentes á aldea ourensá.

Corresponden á vila e concello lugueses: 

  • "vico vocitato Plantata constructum cenobium in territorio Asve, prope fluvio Mineo", "Abbas domno Aloytus Plantata, cf." 1073; "veygam de Portutidi, que est de Iantada" 1188 CDChantada doc. 1 e 3.
  • "in Chantada de Asma" 1165 DocMoraime doc. 5.
  • "Sancto Salvatori de Chantada", "Facta karta apud Plantatam IIª die iunii, era Mª CCª XLVIª. Regnante refe domno Adefonso in Legione, Gallecia..." 1208, "monasterio Sancti Salvatoris de Plantata" 1231 CDChantada doc. 4 e 8.
  • "Franco, suo maiordomo in Plantata" 1238 DocChouzán doc. 28.
  • "Alffonsum Petri, Petrus Dominici, monachis de Plantata, testes", "Michaeli, hominem abbati de Plantata testis", "Iohannis monachus de Plantata qui notuit." 1260, "Iohannis monachus de Plantata, qui hanc cartam notavit in loco Arie Munionis notarii Montem Roso" 1268 CDOseira doc. 866. e 957, respectiv.
  • "Eu Pay Lopez notario publico del rey dado en lla Pobla de Chantada presente fuy" 1271, "Pedro Arias, alcalde de Chantada ts. [...] F. Eanes alcalde de Chantada ts" 1272, "Ego Rodericus Petri, notarius iuratus de Plantata escripsi et adposui signum meum" 1272, "Eu Pay Lopez, notario publico del Rey dado en a pobla de Chantada" 1273, "Joán Rúveo de Chantada" 1286,  "Ruy Perez, notario publico del rey en Terra de Chantada et no couto de sancto Tome" 1286, "Iohanni Iohanni de Plantata XXXVII solidos et medium" 1201-1300 CDOseira doc. 981, 1006,1014, 1036, 1182, 1185 e 1291, respectiv.
  • "Gõzalu Eanf, clerigo do moefteiro de Chãntada" 1286 Maia_1986 doc. 28.
  • "Arias Eanes de Cabreyros, monge de Chantada", "Johan Eanes monge de Chantada" 1286, "Roy Perez notario del rey en Chantada d Asma" 1288 DocChouzán pp. 206, 206 e 212, respectiv..
  • "frater Dominicus de Plantata monachus dicti monasterii" 1289, "Diego Martines, notario en a povra de Chantada et de seu alffoz pol-lo infante don Fillipe" 1315, "Domingo Martines, notario en a povra de Chantada et de seu alffos" 1321, "o conçello de Pobla de Chantada d ' Asma" 1331 CDOseira doc. 1208, 1393, 1427 e 1502, respectiv.
  • "monesterio de sant saluador de Chantada en nombre de doña eluira arias abbadesa del monesterio de sant esteuan de choçan" 1380 CDGH doc. 106.
  •  "Pedro Fernandeσ, notario ppublico na Proba de Chantada en ſſeu alfoz por Vaſco Gomez das Sſeygas" 1385 Maia_1986 doc. 15.
  • "Vasco Lopes de chantada allcalde ordenario ena dita vila" 1448 DocMonforteSécXIV doc. 1.
  • "don frey Aluaro da Pena, abbade do moſteyro de San Saluador de Chantada [...] su a porta da vyla de Chantada" 1474 Maia_1986 doc. 47.
  • ""Romeu Peres de Chantada" 1434, "Joanes, prior de Prantata, notario [...] frater Johannes, prior de Plantata, escrivy" 1488 CDChantada doc. 168 e 257, respectiv.

Poden referirse á Chantada ourensá ou á luguesa:

  • "Petrus Chantada, presbiter" 1202 TumbSobrado I p. 383.
  • "Martinus Chantada" 1233 OPNW p. 552.
  • "Gómez Rodríguez de Chantada" 1262 DocDevOurense doc. 11.
  • "frey Domingo Chantada" 1279, "Joán Rúveo de Chantada" 1286 CDOseira doc. 1086 e 1182, respectiv.
  • "Gonzalo Anes de Chantada" 1380  OPNW p. 552.
  • "Alvaro de Chantada" 1427 FVianaDozón doc. 203.
  • "Rui Vaasquez de Chantada, veziño d'Ourens" 1431 LPortovelloOurense doc. 25.
  • "Affonso de Chantada" 1433, "Gomes de Chantada" 1434 PadrónsOurenseXV p. 40 e 50, respectiv.
  • "Lionor de Chantada" 1454, "Gonçalvo de Chantada" 1483 DocDevOurense 2, p. 59 e 203, respectiv.
  • "Roy de Chantada" 1488 OPNW p. 552.

Moderna

Corresponden á vila luguesa:

  • "Afonso de Moure, escripvano [...] et notario pubrico en na vyla de Chantada et seu alfoz" 1500 CDChantada doc. 290.
  • "Fernán de Moure", veciño do "alfoz de Chantada" 1532, "Alonso de Moure, alcalde de Chantada" 1544, "cobrar a Fernando de Moure do Casal, veciño de Chantada, unha mula color baia parda" 1545,  "San Tomé de Merlán, junto a la villa de Chantada" 1652 ACS.
  • CHANTADA: ant. jurisd. en la prov de Lugo. Constaba de las feligr. de Adá, Agrade, Arcos Argozon, Asma San Félix, Asma San Jorge, Bucinos, Carballedo, Chantada, Esmeriz, Fornas, Frean, Lincora, Lobelle, Losada San Mamed, Losada Santiago, Maariz, Mato, Milleyrós, Monte, Nogueira de Miño, Pesqueiras, Pradeda, Requeijo, Sabadelle, Vermun, Viana, Villaesteva, Villauje Sa Salvador y Villauje San Vicente: el señ. lo ejercía el marqués de Astorga, quien nombraba alc. mayor, si bien en la de Sabadelle era partícipe Doña Josefa de Lemos y en la de Villauje San Vicente el cabildo de Lugo y D. Juan Javier Pardo en las que nombraban juez ordinario. DicMadoz vol. 13, p. 302.

Parecen referidos á aldea ourensá:

  • "Antonjo ~ Antonyo de Chantada [monxe de Celanova] 1547 CDStaCombaNaves p. 287 e 289.
  • "Alonso de Chantada", en Losón 1561 TerraDeza p. 203.
  • "Miguel Alonso de Chantada", en Leiro, "Mayor Ares de Chantada, muller de Rodrigo de Chantada" en Vilaverde, San Miguel de Lebosende, Leiro 1580 PadrónSClodioRibeiro p. 163 e 177, respectiv.

Paisaje toponímico próximo

  • No mesmo concello de Chantada hai unha parroquia chamada Pedrafita (Santa Baia), dato que apoia a interpretación ofrecida por X. Méndez Pérez. Cf. A Pedrachantada, lugar da parroquia dos Casás, no concello de Cerdido (Co) e Pedra Chantada, lugar da parroquia de Frollais, no concello de Samos (Lu). 

Cognados y topónimos relacionados

  • Chantada, lugar da parroquia de Alba, no concello de Vilalba (Lu). 
  • Chantada, lugar da parroquia de Beiro, no concello de Ourense (Ou).
  • Chantada, lugar da parroquia da Regueira, no concello de Oza dos Ríos (Co).
  • Chantada, lugar da parroquia de San Cibrán de Barcala, no concello da Baña (Co).
  • Chantada, lugar da parroquia de Souto, no concello de Paderne (Co).
  • A Chantada, lugar da parroquia de Castrelos, no concello de Vigo (Po).
  • A Chantada, lugar da parroquia de Parga, no concello de Guitiriz (Lu).
  • Chantado, lugar da parroquia de San Xurxo de Lourenzá, no concello de Lourenzá (Lu).

  • Chanteiro, lugar de parroquia de Cervás, no concello de Ares (Co).

  • Llantada, lugar do partido de Valmaseda, en Biscaia.
  • La Llantá (LLantada), aldea da parroquia de Suares, no concello de Bimenes (Asturias).
  • Llantadilla, nome dunha localidade da Terra de Campos, en  Palencia.

 

Antón Palacio:  "Chantada", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 08-10-2025].
Fecha: 07/10/2025
6464
no-portugues

Coordenadas: -7.77022 42.609146

Las coordenadas en el estado español proceden del IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcripción fonética
t͡ʃanˈtaða̝
Provincia
Lugo
Población (INE)
8.098 (2024)

Gentilicio y apodos colectivos

Gentilicio(s)

O DRAG rexistra chantadino, chantadina, forma ben documentada no TILGA: "comarca chantadina", "terra chantadina", "A desinencia -ino, -ina énos precisa e tan nosa como -iño, -iña; e de Chantada, Monforte, dise en galego chantadino e monfortino como de Xironda e Monterroso deveñen xirondina e monterrosina" 1936. O escritor e tradutor Avelino Gómez Ledo, nacido e enterrado en Chantada, fala do seu "curruncho chantadino".  Pero tamén no TILGA tamén se rexistran chantadés, chantadesa: Taboada Chivite cita "O médico chantadés Filgueira García " e no xornal A Nosa Terra (ano 1993) fálase de "María Villanueva (chantadesa tamén)". Máis recentes son os traballos de Alicerces, Revista de estudos sobre o Miño Medio, editada en Chantada, onde se usan ambas: "na vila chantadina", pero, con máis frecuencia, chantadesa: "realidade histórica chantadesa", "comarca chantadesa".

 

Seudogentilicio(s)
  • papeiros DTG.

Antropónimos originados por el topónimo

Apellido
Chantada
539 ocurrencias
Fuente: DAG

Este nome de lugar está presente nos textos galegos desde o séc. XI e rexistrámolo como complemento oomástico desde principios do XII: Petrus Chantada conf. 1173 TCascasBetanzos, Petrus Chantada, presbiter 1202 TumbSobrado, Martinus Iohannis Chantada, diaconus, ts 1229 CDACatOurense, Gómez Rodriguez de Chantada 1262 DocDevOurense, frey Domingo Chantada 1279, Joan Ruveo de Chantada ts. 1286 CDOseira. O foco de expansión puido ser calquera dos oitos lugares Chantada ou A Chantada existentes en Galicia, pero a distribución actual dos portadores parece indicar que non se pode relacionar co topónimo máis coñecido, o concello do sur de Lugo. Hoxe, os apelidados Chantada están concentrados na costa pontevedresa, arredor da ría de Vigo; no concello desta cidade, na parroquia de Castrelos, existe unha aldea chamada A Chantada, que puido ser o epicentro principal. O concello con máis portadores é Cambados.


 

Chantada
Nombre
No ha generado nombre personal

Bibliografía específica

  • MÉNDEZ PÉREZ, Xosé: "O topónimo Chantada: apuntes históricos e clarificación", en Alicerces. Revista de estudos sobre o Miño Medio, Chantada-Lugo, tomo II (2016), 221-270.
  • ARES VÁZQUEZ, Nicandro: "Toponimia do concello de Chantada", en Lucencia XI/22 (2001) 71-96. Recollido en Ares_TopGal, 785-812.

Firmas

Redacción: Antón Palacio

Ministerio de ciencia
Xunta de Galicia
Instituto da Lingua Galega
UPNA
UAM
Universidad de Zaragoza

El proyecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. La presente aplicación contó con una ayuda para la consolidación y estruturación de unidades de investigación competitivas de la Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidad
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-