*LAVALIU
Posiblemente da raíz hidronímica lou-, lou̯ə- 'lavar' (IEW), que orixinou tamén o verbo latino lavare. A terminación está presente noutros topónimos prelatinos como Torallo, Briallo(s). Na toponimia peninsular hai varios nomes de lugar que poderían ter esta orixe: gal. Lavallo, Navallo, ast. Llavayos, Navayu, Navachos, arag. Navallo, cat. Navall, cast. Sinlabajos; téñase en conta que varios dos topónimos que hoxe presentan N- rexistran L- na documentación histórica. A mesma raíz sería compartida con LAVANDARIA. Para algúns deses topónimos tamén se ten considerado un étimo prerromano NAVA.
Por outro lado, en diversas ocasións propúxose para estes topónimos un étimo romance. Para o catalán, Coromines propón o lat. cl. LAVACRUM 'rentador', 'safareig', 'bassa d'aigua”', a través da forma *LAVACLU do lat. vulgar. A variante con N- deberíase a unha disimilación “l-l > n-l quan allí encara sonava laval֢o”, apoiada pola contaminación co radical nava (OnCat s.v.). Para o topónimo cast. Sinlabajos tamén se ten proposto un étimo romance, derivado do latín lavar (vid. LAVAJO). Para o port. Lavajo do Alentejo, seguramente castelanismo, J. M. Piel propón o latín *lavacŭlu ‘lugar donde se lava”, de formación semellante a cenacŭlum, pugnacŭlum, habitacŭlum, etc. (PielAguasTop).
Fronte a estas hipóteses, existen obxeccións desde o punto de vista semántico e morfolóxco. E. Tuttle_1975 (37-43), que considera o italiano lavacchio cognado do español (tamén significa 'lugar húmido, charco'), obxecta que este sufijo non indica normalmente lugares, nin é habitual o uso de derivación despectiva na toponimia. Por esa razón, no contexto da formación de palabras no latín tardío, *LAVAC'LUM non pode considerarse derivado directo de lavar. Se é un substituto tardío no latín falado de LAVACRUM, como propón Coromines, é rechamante porque -CRUM xurdiu precisamente pola reticencia dos falantes a que un -l- na raíz verbal precedese a outro -l- no sufijo (cf. ambulacrum 'lugar para camiñar', de ambulare). O procedemento máis habitual foi a utilización doutros sufijos instrumentais: coperculum > copertorium, ventilabrum < ventilatorium. De todos os xeitos, Tuttle considera posible que, dada a polisemia do sufijo -CŬLU, si sería posible esa transformación. E a formación do esp. lavajo debeu propiciar navajo na voz semánticamente adxacente nava 'terra baixa', 'pantano'.
En todo caso, a estas obxección morfolóxicas súmaselle o feito de que as atestacións medievais galegas nunca se representan co sufixo -CŬLU, o que implica que os escribas, habituados a utilizalo como diminutivo (ribusculus, arbusculus, corpusculu…) non o recoñeceron nestas palabras. Estas dificultades solvéntanse se se considera unha forma de sustrato, previa ó latín, con cruce semántico coas formas latinas.
Redaición: Ana Boullón