Padrón
Tipología o caracterización geográfica
Étimo
Ámbito semántico
Derivado
Resumen general
O topónimo procede da forma latina *petrōne, derivada de petra 'pedra'. Posiblemente fai referencia a unha ara (ou pedra) romana dedicada a Neptuno e situada baixo o altar da igrexa de Santiago de Padrón (NavazaConcellosCor, p. 77).
Aspectos geográficos, históricos, administrativos
O concello de Padrón foi constituído en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Padrón, de Quinta e do Xiro da Rocha, da provincia de Santiago. Anteriormente o topónimo facía referencia á vila de Padrón e adoitaba incluír o artigo: O Padrón, vila do Padrón (NavazaConcellosCor 77).
Información específica de étimo para este topónimo
Como xa indicamos no resumo xeral, o topónimo procede da forma latina *petrōne, derivada de petra 'pedra', e fai referencia posiblemente a unha ara (ou pedra) romana dedicada a Neptuno e situada baixo o altar da igrexa de Santiago de Padrón (NavazaConcellosCor, p. 77).
A evolución do topónimo a partir da forma *petrōne non é totalmente regular, tendo en conta a mudanza da vogal pretónica. Con todo, esta mudanza tamén se produce noutros lugares co mesmo topónimo e noutras formas toponímicas derivadas do mesmo étimo e relacionadas orixinariamente coa presenza de miliarios ou marcos (Padróns, Padornelo, Padronelo) (MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina, p. 245).
Pola súa banda, Corominas non descarta que o topónimo proceda dunha forma prelatina de orixe posiblemente céltica (Corominas_1976, pp. 114-116). O autor, baseándose na distribución xeográfica do topónimo e dos seus cognados, así como no feito de que algún dos lugares correspondentes se atopen nunha encrucillada, ve plausible que, polo menos nalgúns casos, o étimo correspondente sexa unha forma céltica petruono ou petruno, constituída pola base numeral petru- 'catro' e a terminación -ono. O étimo faría referencia a un 'cruzamento de catro camiños'.
En calquera caso, a alteración da vogal da sílaba inicial motivou a lenda que vincula o topónimo coa forma patrono e, de aí, co suposto padroado do apóstolo Santiago (NavazaConcellosCor, p. 77).
Documentación histórica
Antigua e medieval
· "similiter damus uobis ipsam nostram cortem de uilla Patrono cautatam cum suis domibus et edificiis, cum sua cortina" 912 CDSMPinario, doc. 2
· "concedimus vobis vestram ecclesiam sancti Iacobi de Patrono" 1063 CDCidadeSant, doc. 11
· "cartulam venditionis de casa nostra propria qui habemus in villa Patrone teridorio Ilia" 1109 CDIrienses, doc. 4
· "hic in villa Patroni, territorio Ylia" 1129 CDIrienses, doc. 5
· "in burgo Patroni casas uestri monasterii cum sua pausa et cum sua cortina quomodo concludit per flumen Saris et cum sua quinta" CDSMPinario 1148, doc. 39
· "Beati Jacobi de Petrono X solidos" 1199 DocsSouto2012, doc. 24
· "et similiter totam meam hereditatem de Lestroue. cum omni populatione quam habeo in Petrono" 1204 CDGH, doc. 3
· "supportandis dictamque summam super decimis et alfoliis de Ponteuedra, de Noya et de Padron" 1410 CDPontificiaSant, doc. 194
Cognados y topónimos relacionados
En Galicia, a forma Padrón denomina tres parroquias: Padrón (Santiago), no mesmo concello de Padrón (CO); Padrón (San Xoán), no concello da Fonsagrada (LU); e Padróns (San Salvador), no concello de Ponteareas (PO).
Ademais rexístranse oito lugares con ese nome en Galicia, con e sen artigo: cinco lugares denominados Padrón, situados respectivamente nos concellos de Padrón (CO), Ames (CO), Val do Dubra (CO), Lalín (PO) e Redondela (PO); dous lugares denominados O Padrón, un deles na Fonsagrada (LU) e o outro en Santiso (CO); e un lugar denominado Os Padróns en Gondomar (PO).
En dúas ocasións a forma Padrón forma parte do topónimo composto que designa un lugar: Bouza de Padrón (no municipio de Cambados, PO) e Airapadrón (no municipio de Samos, LU).
Cognados da forma son pedrón, pedrós, padornelo e padronelo (MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina, p. 245). Estes topónimos designan os seguintes lugares e parroquias:
- Pedrón: dez lugares nos concellos, respectivamente, de Fene, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e Mañón (na provincia da Coruña), así como Begonte, Xermande Lourenzá, Castro de Rei, Castroverde e A Pastoriza (na provincia de Lugo).
- Pedrós: dous lugares, un no concello de Ares (CO) e outro no concello de Neda (CO). A este último concello pertence tamén o topónimo composto Camiño de Pedrós, relativo ao lugar xa citado.
- Padornelo: catro lugares en Lugo, nos concellos de Baleira, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro respectivamente, así como a parroquia á que pertence este último lugar.
- O Padornelo: un lugar no concello de Ortigueira (CO).
- Padronelo: dous lugares, un en Vilalba (LU) e outro na Laracha (CO).
En Portugal existen 34 lugares denominados Padrão, que se reparten entre os seguintes distritos:
- Distrito de Porto (16 lugares): tres no municipio de Penafiel (nas parroquias de Bustelo, Lagares e Duas Igrejas, respectivamente); outros tres en Vila do Conde (nas parroquias de Fornelo, Vilar e Canelas); dous no municipio de Amarante (nas parroquias de Mancelos e Travanca, respectivamente); dous en Paços de Ferreira (nas parroquias de Modelos e Penamaior, respectivamente); dous en Paredes (nas parroquias de Sobrosa e Vandoma); e un lugar nos municipios de Vila Nova de Gaia, Santo Tirso, Póvoa de Varzim e Matosinhos respectivamente.
- Distrito de Braga (6): catro no mesmo municipio de Braga (nas parroquias de Cabreiros, Crespos, Merelim e Panoias, respectivamente); un en Guimarães (na parroquia de Gandarela); e outro en Barcelos (na parroquia de Chorente).
- Distrito de Viana do Castelo (5): dous no municipio de Arco de Valdevez (nas freguesías de Miranda e Sistelo, respectivamente); e tres nos municipios de Ponte da Barca, Ponte de Lima e Viana do Castelo.
- Distrito de Castelo Branco (2): un no propio municipio de Castelo Branco e outro en Proença-a-Nova.
- Distrito de Leiria (2), no mesmo municipio de Leiria: un na parroquia de Arrabal e outro na parroquia de Pousos.
- Distrito de Aveiro (2), no municipio de Santa Maria de Feira, nas parroquias de Souto e Vila Maior respectivamente.
- Distrito de Coimbra (1), no municipio de Lousã.
Alén disto, rexístranse catro topónimos compostos: Alto de Padrão (no mesmo municipio de Lousã, posiblemente en relación co lugar xa citado), Padrão Novo (no distrito de Aveiro, no mesmo municipio de Santa Maria de Feira ca o lugar citado máis arriba e posiblemente relacionado con este), Padrão da Légua (no municipio de Matosinhos, no distrito de Porto) e Monte de Padrão (en Beja).
A forma en plural Padrões rexístrase en cinco casos. Como topónimo simple, esta forma designa cadanseu lugar nos municipios de Montalegre (distr. Vila Real), Fafe (distr. Braga) e Pampilhosa da Serra (distr. Coimbra). Como parte dun topónimo composto, rexístrase esta forma en dous lugares do distrito de Beja: Santa Bárbara de Padrões (Castro Verde) e Senhora da Graça de Padrões (Almodôvar). Estas formas dan nome ademais ás respectivas parroquias.
Por último, documentamos en Portugal os cognados padronelo, padornelo e padornelos:
- Padronelo: unha parroquia no municipio de Amarante, no distrito de Porto.
- Padornelo: unha parroquia no municipio de Paredes de Coura, no distrito de Viana do Castelo.
- Padornelos: dous lugares en Cabeceiras de Basto (distrito de Braga) e Montalegre (distrito de Vila Real), respectivamente, así como a parroquia na que se sitúa este último lugar.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org