SALA
O nome común visigodo SALA difundiuse na península ibérica (fronte ó galorománico *SALLA). Corominas (DCECH s.v.) pensa que puido chegar ó castelán por conduto do catalán ou o galorrománico, proceder directamente do gótico, ou presentar confluencia dos dous factores. A perda do -L- no dominio galego e portugués demostra que a súa penetración no territorio occidental é moi antiga. Joseph M. Piel cre que debeu entrar na península no segundo período do reino tolosano, época da integración definitiva do reino visigodo, por volta de 585, e despois retraeuse perante sinonimos concorrentes (Piel_TopGerm p. 125). Parece que non deixou vestixios no léxico común (pois a voz moderna sala 'cuarto principal da casa , destinado ao lecer e a recibir visitas" é un préstamo francés recente, polo que se descoñece o significado orixinal concreto. O mesmo autor aventura que podería referirse a residencias particulares de godos libres e que, no decorrer da romanización, se perdería o seu uso, pola concorrencia de sinónimos románicos afíns, como villa, villar, casale, palatius, etc., subsistindo só como topónimo. De todas formas, ve un indicio do seu significado orixinal na voz galega sa 'niñada', 'rebento, gromo' (recollido por Eladio Rodríguez, no DdD), polo que podería estar en relación co verbo visigodo saian 'sementar'.
Difundiuse con especial abundancia no noroeste peninsular (Galicia e noroeste de Portugal), coas formas galegas Sa e Saa e a portuguesa Sá; con menos frecuencia, noutras zonas do norte peninsular: Sala (Asturias, Huesca, Castelló), La Sala (Asturias, Cataluña), Las Salas (León) e en distintos compostos.
Está presente tamén en varios compostos antroponímicos (Salamirus, Salamundus), que á súa vez tamén deron lugar a topónimos (no primeiro caso, gal. e port. Samil, gal. Saamil, Samir, ast. Salamir vid. HGN).
Redacción: Ana Boullón