*BORIU
Esta forma boriu pode ser antecedente de diversos topónimos: os galegos Boiro (parroquia e concello, lugar no Porto do Son, ambos na Provincia da Coruña, e lugar en Ibias, concello asturiano de fala galega), Buiro (Val do Dubra), Bourio (Castropol, na Asturias de fala galega); os portugueses Terras de Bouro, Vale de Bouro (Braga), Boiro (Guimarães) e Serra de Bouro (Leiria).
Son dúas as afilicacións etimolóxicas que se teñen proposto:
- Xermánica. Joseph Piel identifícao cunha forma latinizada burio, borio ‘alpendre, cuberto para os animais e os utensilios agrícolas’ (Du Cange), a partir do tema bûr ‘casa’, emparentado co alemán Bauer, que ocorre con frecuencia no léxico dialectal e na toponimia de Francia. En 1960 rexeita a orixe sueva proposta por Gamillscheg (Piel_TopGerm p.154, n.27), aínda que máís tarde, aínda tendo en conta o incoveniente de "atribuir uma voz galega de origem germânica a uma língua da qual praticamente nada sabemos", observou que a maior parte dos topónimos galegos Boiro se sitúan na área onde se achan catro lugares chamados Suevos (Piel_TopGerm p. 125).
- Hidrónimo paleoeuropeo, relacionado con Bora, Borela, Burela. Bascuas pensa que estas formas que presentan u ou o poden ser variantes fonéticas, procedentes dun tema *bhŭrā, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *bher- ‘brotar, fluír; brillar’. E supón que ha ser a mesma palabra o tema presente no epíteto teonímico [L]aribus [B]uricis (vid. GarciaReligiões_1991); formado co sufixo denominativo -ko-, pode traducirse como ‘Para os Lares de Bura’. Propón unha posible relación coa palabra buro ‘arxila’, usada no norte peninsular, ou coa base prerromana do galego burato, miñoto burgar ‘cavar terras’, cat. bora ‘cova, burato’ (BascuasHidron_2014).
Carlos Búa, en comunicación persoal, formula unha obxección para incluír Boiro (o concello da Coruña) en calquera destas dúas propostas: a variabilidade gráfica nas documentacións históricas, maioriataria con <u>, xunto co O-, parecen indicar un étimo distinto: Boyro 932, Vorio 1105, 1156, 1188, Voyro 1216, Ovorio 1123, 1227, 1244, o Voyro 1334, o Boyro 1456. Con todo, a vogal inicial podería interpretarse como un artigo que en documentos latinos se presentaba soldado (e deglutinado nos documentos romances, a partir do século XIV). Ademais disto, a variación b/v non permite ter seguridade sobre cal era a consoante etimolóxica (e por tanto, non autoriza a desbotar totalmente os étimos propostos).
Erredakzioa: Ana Boullón