Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptast

Cerceda

Cerceda

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Concello
Idioma do topónimo
Galego

Étimo

QUĔRQUĒTU, QUĔRCĒTU
Latino
Fitonimia

Ámbito semántico

Fitonimia

Resumo xeral

O topónimo Cerceda provén seguramente dunha forma feminina de *CerCētu, derivada á súa vez de *cercu (variante do latín clásico quercu 'carballo') a través dun sufixo -ētus, -ēta con carácter colectivo (TopQuercus, p. 324; Navaza_Fitotop, pp. 207-208).

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

O concello foi creado no ano 1836, a partir da unión de dúas xurisdicións (As Encrobas e Meirama) e parte dunha terceira (a freguesía de San  Martiño de Rodís, antiga xurisdición de Vilaprego). O nome do concello tómase do nome dunha das freguesías (San Martiño de Cerceda). O nome da súa capital (O Campo da Feira) oficialízase en galego no ano 2000 (NavazaConcellosCor, p. 35; VariacionesMunicipios).

Información específica de étimo para este topónimo

Aínda que probablemente provén dunha forma feminina de *querquētu, derivada á súa vez de *cercu (TopQuercus, p. 324; Navaza_Fitotop, pp. 207-208). Como alternatia, tense apuntado cer(e)sētu, cer(e)sēta, formas derivadas de cerasu 'cereixa; cerdeira', posto que os resultados de *cerCēta e cer(e)sēta puideron confluír a causa de diversos fenómenos de asimilación e disimilación de sibilantes xa en época temperá.

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "scm. Martinum de Serceda" 969 CDGH, doc. 69
  • "San Martino de Çerçeda" 1500 LSubsidioSantiago, doc. 38

Cognados e topónimos relacionados

Documéntanse en Galicia tres parroquias en Galicia con ese nome: 1) Cerceda (San Martiño) no propio concello de Cerceda (CO), Cerceda (San Miguel) no concello do Pino (CO) e Cerceda (San Pedro) no concello do Corgo (LU). A forma Cerceda designa, así mesmo, dous núcleos menores de poboación, un no Pino e outro no Corgo, nas parroquias do mesmo nome.

Ademais rexístranse en Galicia as seguintes variantes:

  • Cercedo. A variante Cercedo documéntase como topónimo de catro lugares. O topónimo sen artigo rexístrase como nome de lugar dúas veces en Ordes (CO) e unha en Guitiriz (LU). A variante con artigo (O Cercedo) rexístrase en Coristanco (CO).
  • Cercido. A variante Cercido documéntase como topónimo en dous lugares, nun deles sen artigo (Cercido, no concello da Laracha, na Coruña) e no outro con artigo (O Cercido, no concello da Estrada, en Pontevedra).

Ningunha destas formas se documenta en Portugal como topónimo.

Con todo, tanto en territorio galego como no noroeste de Portugal (sobre todo no distrito de Braga), documéntanse outros topónimos derivados de cercus, concretamente: cerqueira, cerqueiro, cerqueiral, cerqueda, cerquedo, cerquido, cerquides e cerquiño.

  • Cercosa. Rexístranse dous lugares con ese nome en Portugal, no distrito de Viseu: un deles no concello de Vouzela e o outro (que ademais lle dá nome á parroquia correspondente) no concello de Montágua.
  • Cerqueiro. A forma cerqueiro deriva igualmente de cercus e designa a especie tamén denominada rebolo ou carballo mouro, entre outras denominacións (Navaza_Fitotop, p. 212). Como topónimo designa catro lugares na provincia de Pontevedra, tanto con artigo como sen artigo: Cerqueiro (dous casos, en Vigo e Vilaboa respectivamente), O Cerqueiro (dous casos, en Vigo e Tui).
  • Cerqueira. A forma rexístrase como topónimo tanto en Galicia como en Portugal. En Galicia designa cinco lugares, todos nas provincias de Pontevedra e Coruña: A Cerqueira (A Estrada, PO), A Cerqueira (A Laracha, CO), As Cerqueiras (Cerceda, CO), As Cerqueiras (A Laracha, CO), Cerqueiras (Rianxo, CO). En Portugal rexistramos dous lugares con ese nome: Cerqueira (concello de Sever do Vouga, distr. Aveiro) e Cerqueiras (Barcelos, distr. Braga).
  • Cerqueiral. Documéntanse dous lugares denominados O Cerqueiral en Galicia, un en Salceda de Caselas (PO) e outro en Xermande (LU). Ademais documéntase a forma en plural como topónimo no concello de Coristanco (CO): Cerqueirás de Abaixo e Cerqueirás de Arriba. En Portugal, a forma (sen artigo) designa dous lugares nos concellos de Barcelos e Vila Verde, respectivamente, ámbolos dous no distrito de Braga.
  • Cerqueda. A forma cerqueda dálle nome a un lugar en Malpica de Bergantiños (CO) e mais á súa respectiva parroquia, así como a dous lugares en Portugal, nos concellos de Celorico de Basto e Vila Nova de Famalicão, respectivamente, ámbolos dous no distrito de Braga.
  • Cerquido. Documentamos en Galicia dous lugares denominados O Cerquido nos concellos do Porriño e Salceda de Caselas, respectivamente, ámbolos dous na provincia de Pontevedra. A forma sen artigo designa ademais dous lugares nos concellos de Barcelos (distr. Braga) e Ponte de Lima (distr. Viana do Castelo).
  • Cerquides. Hai un lugar denominado Cerquides no concello de Lousame, na provincia da Coruña. Esta forma presentaría, segundo Navaza, palatalización do [a] da sílaba final e sería, polo tanto, variante de cerquidas (Navaza_Fitop, p. 213).
  • Cerquiño. A forma Cerquiño designa tamén a especie tamén denominada cerqueiro, rebolo ou carballo mouro (Navaza_Fitotop, p. 212). Non hai núcleos de poboación con ese nome, mais se rexistra como microtopónimo (ib.).

Ademais, Piel (TopQuercus, p. 325) identifica como topónimos derivados de cercu dúas formas que se rexistran actualmente en Portugal: Serzedo e Serzedelo.

  • Serzedo. Este topónimo denomina unha freguesía en Guimarães (distrito de Braga), un lugar e a correspondente freguesía en Vila Nova de Gaia (distrito de Porto) e un lugar en Monção (distrito de Viana do Castelo).
  • Serzedelo. Esta forma rexístrase como topónimo dun lugar e da correspondente freguesía en Guimarães (distrito de Braga), así como dun lugar e da correspondente freguesía en Póvoa de Lanhoso (no mesmo distrito).

Alén diso, este mesmo autor (ib.), non descarta que algunhas das formas Sarzeda e Sarzedo rexistradas como topónimos presenten unha alteración serodia da vogal e procedan efectivamente de cercu, e non de saliceta / salicetum (cfr. Navaza_Fitotop, p. 493).

Por último debemos mencionar as formas Cerdeda, Cerdedo e Cerdido. Estas formas son de adscrición dubidosa, posto que nelas conflúen os resultados de dous étimos diferentes: cercetu / cerceta e cer(e)setu / cer(e)seta (TopQuercus, p. 325; Navaza_Fitotop, p. 207-208).

A forma Cerdido mantense como topónimo da parroquia que lle dá nome ao concello: San Martiño de Cerdido (Cerdido, CO). Ademais hai un lugar que leva o nome Cerdido en Ourol (LU). A variante Cerdedo, pola súa banda, dálle nome en Galicia a un concello en Pontevedra, así como á parroquia da que toma este concello a súa designación: San Xoán de Cerdedo (Cerdedo, PO). Ademais é topónimo de cinco localidades galegas: unha no mesmo concello de Cerdedo (PO) e catro en diferentes concellos de Ourense (Celanova, Coles,  Muíños e Ramirás). Por último, a variante Cerdeda dálle nome a unha parroquia no concello de Taboada (LU).

Destas formas, a única que se rexistra en Portugal é a variante Cerdedo, sempre no norte de Portugal. A forma dálle nome a tres lugares nos concellos de Vinhais (distr. de Bragança), Melgaço (distr. Viana do Castelo) e Boticas (distr. Vila Real), respectivamente, así como á parroquia de Boticas na que se atopa este último lugar.

No que respecta aos cognados desta forma presentes nas zonas centrais, meridionais e insulares do territorio hispánico, vid. Cerceda (Madrid).

 

Paula Bouzas:  "Cerceda", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 12-05-2025].
Data: 02/04/2025
1764
no-portugues

Coordenades:-8.476639 43.187606

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
[θeɾ'θeða̝]
Audio
Provincia
A Coruña
Poboación (INE)
5.019 (2022)

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

cercedense

Pseudoxentilicio(s)

berceiros, -as DTG

cercedán, -á DTG

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Cerceda
79 ocurrencias
Fonte: CAG
Cerceda
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Non hai bibliografía

Sinaturas

Redacción: Paula Bouzas

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-