Celeiro
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Do lat. CĔLLĀRIUM, 'despensa', almacén de provisións', 'lugar para o gran'. Na Idade Media adquiriu basicamente os valores de construción, exenta ou adherida á vivenda, para almacenamento de cereais e de viño (Varela Sieiro 2008).
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Celeiro é unha parroquia do concello de Viveiro. A partir do séc. XVI apareceu castelanizado nos documentos oficiais como Cillero (da mesma forma ca a parroquia próxima Celeiro dos Mariñaos, no concello de Barreiro), aínda que na lingua oral se seguiu usando a forma orixinal. Finalmente, foi restaurada no NG de 2003.
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "villa que uocitant Cellario" 787 TVLugo
- "per termino de Cellario" 1005 TVLugo
- "sanctus Iacobus de Cellario" 1124 CDCatMondoñedo
- "S. Jacobus de Cellario" 1128 ESagrada.
- "na frygesía de Çelleiro cabo Viueiro" 1309 CDCatMondoñedo
- "Arçidianadgo de Vyueiro. ... Santiago de Çeleyro" 1488 CDCatMondoñedo
Moderna
- "Bibero villa: Celeiro SAN CEBRIÁN 3 leguas, van por Celeiro por orilla de la mar, que queda la mar a la mano izquierda" 1517-1523 Vocabulario_Colón
- "Feligresía de Santiago de Cillero. En la villa de Vivero" 1753 CME-Celeiro.
- "CILLERO (Satigo de): felig. en la prov. de Lugo (12 1/2 leg.), dióc. de Mondoñedo (7), part. jud., ayunt. y distr. marít. de Vivero (1/4). ... Pobl.: 230 vec., 1.200 almas" 1847 DicMadoz.
- "A man zurda, intrando por la ría, o burgo de Celeiro paresce que debera chamar se vila por lo que medrou" (Carta a Bastián de Pallarega en Boston, Justo Pico de Coaña, en La Ilustración Gallega y Asturiana) 1881 DdD
Cognados e topónimos relacionados
Amais da parroquia e lugar que nos ocupa, en Galicia hai outra parroquia que contén este nome, Celeiro de Mariñaos, en Barreiro (Lu), outros dous lugares (O) Celeiro (outro en Viveiro e un en Sarria), o composto Vilaceleiro (O Corgo, Lu), o plural Celeiros (cinco en Ourense) e os derivados (O) Celeirote (en Cospeito e Abadín, Lu), Celeiró (co sufixo -OLU, en Pedrafita do Cebreiro, Lu), co plural Celeirós (Ribadeo, Lu e A Teixeira, Ou), (O) Celeirón (que pode ter orixe nun derivado en -ONE ou en -OLU; en Sober, Lu, Maceda, Parada de Sil e Toén, Ou e A Estrada, Po) e Celeiróns (A Estrada, Po).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org