Leiro
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Parece corresponderse co substantivo leiro 'leira pequena', masculino de leira, esta probablemente con orixe no céltico *PLARIA > laria (DCECH s.v. Glera), coa caída do P- característica das linguas celtas, que debe conter a raíz indoeuropea pelǝ-, plā- 'ancho e plano' (IEW, pp.805-807).
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
No Antigo Réxime as actuais parroquias do concello pertenceron ás xurisdicións de Gomariz, San Clodio do Ribero, Veiga e Carballeda e Castro Cavadoso. A parroquia de Leiro (San Pedro) non se creou ata 1956; ata aquel momento os lugares de Leiro Grande e Leiro Pequeno pertencían á de Lebosende (San Miguel), aínda que Leiro Grande era a capital do concello chamado Leiro, constituído en 1836 (FrutosFdezRibeiro, 2013: 164).
Información específica de étimo para este topónimo
Carlos Búa cre que non hai certeza sobre o étimo, apoiándose en que na raíz indeuropea non está presente a idea de división ou parcelación, que considera fundamental na palabra leira. Por iso propón outras orixes coma que estea emparentado co alemán Gleis 'vía' (alemán med. geleise) ou co xermánico occidental *lairo,(<loisā́ 'marca, risco no chan, suco'), que non obstante non subsistiu en ningunha lingua xermánica. A esta hipótese hai que apoñer que leira é palabra temperá e moi frecuente en textos medievais e que non se teñen en conta outros posibles topónimos da mesma familia léxica coma os galegos Lareo (Vila de Cruces, Po) ou Laredo (Redondela, Po), para os que é difícil xustificar un ditongo no étimo.
Tampouco se pode descartar unha orixe hidronímica, tamén prerromana, e que este topónimo Leiro estea emparentado con hidrotopónimos como o río Leira, en Valdeorras, ou o Lérez, en Pontevedra (DAG, s.v. Leira).
Leiro parece unha forma de creación romance a partir de leira.
Non son cognados os topónimos Llera e derivados (Llerena, Llerana, Llerosa) que proveñen do latín glarea 'grava, cascallo', étimo que Corominas tamén apunta, cremos que incorrectamente, para o substantivo galego e portugués leira 'terra de labranza'.
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "Rodericus Fernandi, miles de Leiro" 1260 CDMelón
- "essas mías cassas da Fonte de Leyro con seu tarreo" 1284 CDSClodioRibeiro
- "Roy Gomes, clérigo, morador en Leyro" 1401 CDSClodioRibeiro
Moderna
Paisaxe toponímica próxima
Cognados e topónimos relacionados
Ademais do deste lugar, parroquia e concello, Leiro é nome de catro parroquias en Abegondo (Co), Miño (Co), Rianxo (Co) e Ribadumia (Po) e de dous lugares, un na devandita parroquia de Leiro (Miño, Co) e outra en Cervás, (Ares, Co). Tamén se rexistra en plural: Os Leiros (Dordaño, Cesuras, Co). O feminino (A) Leira e (As) Leiras, ás veces con aditamentos (de Abaixo, de Arriba, Longa, Chá...) é máis abundante e tamén o encontramos en Portugal.
En Galicia ten outros cognados que son formas derivadas ou compostas como Leiradiño, Leirado, A Leireta, A Leiriña, Leiromeán, O Leirón e Leirou e tamén en Portugal Leirada, Leiradas, Leiradela, Leiradelo, Leirados...
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org