Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptastan

Posmarcos

Posmarcos

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Parroquia
Idioma do topónimo
Galego

Resumo xeral

De *prais-tamari-iko, composto por *prais- 'diante' (cognado do lat. prae) e un xentilicio derivado do nome do actual río Tambre: Prestamarcos > Pres(t)marcos > Pesmarcos > Posmarcos (BascuasHidron_2006, 25-28, Búa_ToponimiaPrelatina: 55). O significado sería 'os de diante do río Tambre'. Opúñase á tribo dos Super-tamarci, situados ó outro lado do río, "os de riba" (nome este que non perdurou).

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

Na época romana Plinio e Mera identificaron os Celtici Praestamarici como unha das civitates celtas noroccidentais.

É recoñecido como territorio no Parroquial Suevo (séc. VI) e despois é mencionado como condado (commisum, a.934). Segundo Carlos Baliñas_1998, posiblemente contiña todas as terras alén dos marcos dos xiros urbanos de Iria e Santiago, en dirección oeste; desde comezos do séc. X, o uso do termo restrínxese ás terras abranguidas entre a Maía ó leste, o curso inferior do Tambre e a ría de Noia ó norte, o Atlántico ó oeste e o tramo final do Ulla e a ría de Arousa ó sur, coincidindo máis ou menos cos actuais arciprestados eclesiásticos (pp. 283-284).

Na administración eclesiástica de Galicia figura no nome de dous arciprestados, adscritos á diocese de Santiago, situados na península do Barbanza: Posmarcos de Arriba e Posmarcos de Abaixo. Consérvase no nome dunha parroquia da Pobra do Caramiñal.

Na documentación histórica as atestacións pasaron de Postomarcos a Postmarcos, grafía que se consolidou ata o séc. XX, seguramente con intención cultista e con falsa identificación coa preposición latina post. Dado que esa forma é contraria á fonotáctica do galego, a Comisión de Toponimia escolleu a forma oral, Posmarcos, para o NG.

Información específica de étimo para este topónimo

Existiron outras explicacións deste topónimo: J. Pokorny propoñía que tal vez fose un composto dun derivado verbal da raíz *prāi- ‘estar contento con algo’, ‘amar’, co nome celta e xermánico do ‘cabalo’: Praesta-marci; serían os ‘amantes de los caballos’, coma o gr. Phil-ippos. Pero, como afirma BascuasHidron_2006, "Aunque fonética y morfológicamente posible, suele desecharse esta opinión, a pesar de la gran autoridad de Pokorny. A la verdad, no parece razonable cerrar los ojos a la obvia relación con el paralelo Super-tamarci y con el río Tamaris" (p. 25).

Corominas_1971 analiza as dúas formas como Super-tamar-ci e Praes-tamar-ci; con respecto ós prefixos, como o s- de super non é etimolóxica, senón que é exclusiva das linguas itálicas, fronte ó ide. *úper, pensa que a forma autóctona sería *Upertamarici, e o S- explícase por latinizacion, da mesma forma que o orixinal *Prestamarci se latinizaría en Praestamarci por confusión do prefixo *pres- co lat. prae 'diante'. En canto ó significado, considera que *Uper-tamar-ci deberon de ser as «xentes da parte baixa do río» e os *Pres-tamar-ci, as «xentes da parte alta do Tamaris». Pero este signficado desménteo a situación dos prestamarici ó sur da desembocadura do Tambre na península do Barbanza.

Untermann_1992 interpreta praes 'diante' e super 'por riba de'. Admite que super pode ser unha latinización, pero praes ten "correspondencia etimológica exacta del lat y osco-umbro prai ‘delante’ al que se ha añadido una s, tal vez el sufijo del comparativo -is-, tal vez un aumento debido a segmentaciones erróneas, tal como aparece en latín abs al lado de ab" (p. 372). Tamén considera que os dous prefixos son celtas, posto que el discrepa da crenza de que a perda de p- non é celta.

Bascuas concorda coa opinión de Untermann: "Si no tuviéramos más que Super-tamarci, podría pensarse en un compuesto simplemente latino, pero esto no es posible para Praes-tamarci". O p-, que non se conserva en celta, remóntase, segundo este autor, ó estrato paleoeuropeo; estes prefixos puideron entrar na lingua celta como préstamos.

 

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "Ad Iriense. Morracio, Saliniense, Centenos, Celenos, Meridiensis, Pestamarcos/Prestamarcos" (Parochiale Suevum) 569 TVLugo
  • "in Pistomarcos. ecclesia sce. Xpistine. in Lestone" 830 HistoriaCatedralSantiago
  • "commissum Pistomarcos" 934 TBSantiago [concedido á Igrexa de Santiago por Ramiro II]
  • "in territorio Pistomarcos, uillam cui dicitur Uernimes" 961 TSobrado
  • "villam de Auna, quae est in Pistomarcos in ripa Tamaris" 1028 TBSantiago
  • "in territorio Pistomarcos" 113 ARG
  • "in terra de Pestomarchos in filigresia Sancti Vincencii de Sespoon" 1140, "in territorio Pistomarchis in loco certo vocitato Finibus Terre sub monte Ceume" 1142, "in ualle Pestomarcos sub aula Sancte Christine de Noya iuxta fluuium Tamar in certo loco ubi dicent Geluir" 1154, "in terra de Pestromarchos" 1156 TToxosoutos
  • "Postomarcos" 1188 TBSantiago
  • "Olueyra de Pestomarcos" 1289 TToxosoutos
  • "Diago Peres notario jurado de Postomarcos et de Valeyron" 1343 DocUnivSantiago
  • ""Fernán Afonso, notario púbrico jurado em terra de Postomarquos et da Pobra do Dayã de Santiago" 1395 DocNoia p.33
  • "Áluar Peres de Pontevedra, escriuano del rrey e notario de terra de Postomarcos" 1457 LNRianxo

Moderna

  • "Felegresia de Santo Hesidro de Postomarcos" (Apeo da xurisidición de Goiáns) ATOPO 1586
  • "Feligresía de San Ysidro de Postomarcos" 1753 CME-PosmarcosPobra
  • "Arçiprestazgo de Postmarcos de Arriba" 1607 MemoriasHoyo p.172, "Arçiprestazgo de Postmarcos de Abajo", MemoriasHoyo p.183
  • "San Isidro de Postomarcos" MemoriasHoyo 1607 p.181
  • "POSTMARCOS (San Isidro de): felig." 1840 DicMadoz
Ana Boullón:  "Posmarcos", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 25-06-2025].
Data: 24/06/2025
5957
no-portugues

Coordenades:-8.93436788 42.62859387

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
posˈmaɾko̝s
Audio
Provincia
A Coruña
Poboación (INE)
1.830 (2023)

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)
Sen datos
Pseudoxentilicio(s)
Sen datos

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Non xerou apelido
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Non hai bibliografía

Sinaturas

Redacción: Ana Boullón

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-