Campo Lameiro
Tipologia ou caracterização geográfica
Étimo
Derivado
Resumo geral
O nome do concello formouse unindo ao topónimo O Campo (latín CAMPU 'campo') o nome Lameiro (de LAMA 'lodo' e o sufixo derivativo -ARIU > -eiro, co significado de 'lugar húmido de pastos').
Aspetos geográficos, históricos, administrativos
Do poboamento do territorio do actual concello tense noticia sobrada pola existencia de innumerables petróglifos que levaron á creación do Parque Arqueolóxico de Arte Ruprestre na primeira década do século XXI.
O concello, que se chamou inicialmente Campo, constituíuse coas parroquias da xurisdición do Antigo Réxime de Campo e Fragas (integrada polas freguesías homónimas O Campo e Fragas) e outras da xurisdición de Baños (as de Couso, Moimenta, Montes e Morillas). A instancias da Real Sociedad Geográfica de Madrid e para evitar a homonimia con outros concellos de España (en Cáceres e Huesca), por un real decreto de 1916 (Méndez_2016, páx.379), cambióuselle o nome a Campo Lameiro, creado coa fusión do nome da parroquia do Campo, sen artigo, e o do lugar de Lameiro, nesa mesma parroquia. Aínda que o cambio se oficializa en 1916, a comunicación fixérase uns anos antes e a partir de 1907 é cando se empeza a usar o novo nome (GalicianaB, El Diario de Pontevedra, 06/04/1907).
Documentação histórica
Moderna
- "Martiño d'Alendee, cérigo vezino de San Miguel do Campo" a.1562 AHUS
- "Juan Dalende, vecino de San Miguel do Campo" a.1601 ARG
- "Coto de Moraño, feligresía de San Miguel do Campo" a.1761 CCME-OCampoCampoLameiro
- "Interesar informe de los alcaldes de Campo [...] indicando la procedencia de que tales localidades se denominen en lo sucesivo, respectivamente, Campo Lameiro..." a.1907, El Diario de Pontevedra, 06/04/1907, GalicianaB
- "... construcción de la carretera de Pontevedra por Geve á Campo Lameiro" a.1908, El Diario de Pontevedra, 27/04/1908 GalicianaB
Cognatos e nomes de lugares relacionados
A voz campo —xunto cos seus derivados e compostos— ocupa o oitavo lugar en frecuencia na formación de topónimos en Galicia e é tamén moi frecuente en Portugal e noutras partes de España. No ámbito castelán temos, por exemplo, os topónimos Campo de Criptana (Cidade Real), Mayorga de Campos (Valladolid) e Medina del Campo (Valladolid), entre outros moitos, e, no catalán, Camporrels (Huesca) ou Campos (Illas Baleares).
(O) Lameiro e (A) Lameira e os seus plurais (con máis de 50 ocorrencias) son dos derivados máis produtivos de Lama e tamén teñen descendentes en Portugal (Lameira, Lameiras, Lameirinha, Lameiro, Lameirinho, Lameiros), en Asturias (Llamera / L.lamera, Llameres) e en León (Llamera).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org