*BANDE
Para o étimo do topónimo Bande lugués proponse a relación co deus Bandue, teónimo ben documentado na península (con nove inscricións en Galicia, coa forma Bandue fronte á lusitana Bandi; o u perderíase coma en aestuariu > esteiro, battualia > batalla ou ianuariu > gal. xaneiro). Bascuas_2014 (§ 51) apunta a "rareza de que o deus dun culto se perpetúe como topónimo", pero opina que debe proceder da mesma raíz. Este teónimo foi obxecto de diversas propostas etimolóxicas, expostas por Blanca Prósper_2000, quen se decanta pola raíz *gwem- 'ir, vir', de onde o lat. venio 'vir', al. kommen, ing. come, por medio dun nome de acción gwem-tu- 'paso'. O problema da sonorización de nt > nd , que non ocorre nas falas hispánicas, resólveo a autora defendendo este feito fonético "antes de la adopción del alfabeto, en vista de lo cual no tenemos documentada la alternancia Bandue / *Bantue. En cambio, más al S existe aún generalmente la secuencia de caracteres -nt". Bascuas_2014 discrepa e demostra con exemplos a constancia da conservación deste grupo na toponimia peninsular. Este autor decántase pola raíz indoeuropea hidronímica band- 'pingar' (IEW 158). Deste tema procederían tamén os topónimos galegos Bandoxa, Bandexa, Bandeixa (este co mesmo sufixo -ASIA/U ca en Arteixo).
Redacción: Ana Boullón