Iria Flavia
Tipologia ou caracterização geográfica
Étimo
Resumo geral
Posiblemente é un derivado da raíz hidronímica indoeuropea *er- 'moverse'.
Aspetos geográficos, históricos, administrativos
Iria é un dos topónimos con documentación máis recuada, pois atéstase xa en época romana, onde aparece mencionada por Ptolomeu como Iria Flavia, en honra do emperador Vespasiano (9-79), membro desa dinastía. Era unha das mansións da vía XIX do Itinerario de Antonino. Despois atéstase no Parroquial suevo (séc. VI), como unha das dioceses do que hoxe é a provincia da Coruña. Foi sé episcopal, pero, tras a invención do sepulcro do apóstolo, Afonso II (760-842) mandou trasladar a sé a Compostela e no séc. XI o papa Urbano II declarouna extinta en favor de Compostela. A partir de aí obtivo o rango de Colexiada e actualmente é parroquia do concello de Padrón.
Aínda que nas fontes aparece sempre nomeada como Iria, recuperouse en época moderna o apelido romano (aparece así nomeada en textos históricos desde o séc. XVI) e hoxe o seu nome oficial é Iria Flavia.
Informação específica de étimo para este topónimo
Tense posto en relación co vasco iri 'cidade', pero esta hipótese debe desbotarse porque esta forma é o resultado medieval do antigo ibérico ili- ou -ilti 'cidade', mentres que a forma Iria se atesta como tal desde o séc. II.
Para BascuasHidron_2002:141-142 pode interpretarse como un dos derivados preceltas da raíz hidronímica *er- 'moverse', o que vén apoiado pola existencia doutros ríos Iria/Ira na Liguria, cunha alternancia comparable á de Nava/Navia, Lima/Limia, etc. Así, non sería unha formación illada, senón probablemente relacionada con Irias , na beira do río Miera (Santander), os ríos Irián (León) e Iro (Cádiz) e o topónimo galego Ribadil, segmentable como *Ripa de Iri > *Riba d'Iri > Ribadil.
Por estar moi ligado á historia xacobea, o topónimo foi obxecto de interpretacións etimolóxicas desde moi cedo. No séc. XI, asociouse con Ilion (o nome grego de Troia) e unha ficticia princisa Ilia, filla dun ficticio rei Troiano, a cal escapou da destrución de Troia co seu marido Teucro. Esta idea, procedente do Cronicón Iriense, transmitiuse na Crónica de Iria (séc. XV) e foi reproducida en varias ocasións posteriormente, como explica MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina: 67-71.
Documentação histórica
Antiga e medieval
Fontes clásicas:
- Ίρία Φλαουία (Ptolomeu, 2, 6, 23), Pria (Itin. de Antonino, 430, 4), con P- corrupta en vez de Iria; Iria (Ravenn. 321, 7 e Itin. de Astorga II); For(o) Irie(n)s(is) en diversas inscripcións (apud BascuasHidron_2002: 140)
Fontes medievais:
- Iria 818 TSobrado
- "domni Sisnandi episcopi maiorini Loci Sancti de Iria" a.1010 TASantiago
- "sancte Marie de Yria" 1199 TCSantiago2
- "in terra de Iria" a.1209 TToxosoutos
- "igleja de Santa Maria d'Iria de Padrón" 1417 LCSantiago
Moderna
- "IRIA FLAVIA (Santa Maria de): felig. colegiata en la prov. de la Coruña (13 1/2 leg.), dióc. de Santiago (3), part. jud. y ayunt. de Padrón, de cuya v. es parr." 1847 DicMadoz
Cognatos e nomes de lugares relacionados
Aínda que se escribe igual, o portugués Iria ten distinta pronuncia, pois o acento de intensidade recae no segundo i. Este topónimo portugués foi identificado tradicionalmente (DOELP s.v.) co nome feminino homógrafo Iria, do grego Eirḗnē ('paz', 'deusa da paz'), adaptado ao latín da idade imperial como Irene (tamén co significado de 'paz' (vid. GNG s.v. Irea). Con todo, BascuasHidron_2002: 137-138 considérao un hidrónimo prerromano, pois está atestado como nome de río coa forma Heirenam desde o séc. XII; este autor propón un étimo *Eri-ēna ou *Ari-ēna, derivados en última instancia da raíz indoeuropea *er- 'moverse, a partir do grao pleno er-; sería, pois, unha variante morfolóxica da mesma raíz có galego Iria.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org