BRAULIONE
Non hai total certeza sobre a orixe deste topónimo. O estudoso Nicandro Ares, tras examinar outras hipóteses, conclúe que Brollón procede do nome Braulio, a partir do acusativo Braulione (Ares_TopGal vol. I, p. 342). Apóiase para isto na documentación medieval ofrecida polo Tombo de Samos (cfr. infra). A evolución -au- > -ao > -oo- > -o- deuse noutros topónimos (SANCTU CLAUDIO > San Clodio, VILLA MAURI > Vilamor). Pensa que é de orixe prerromana, coma MzPidal_Patron (p. 414), que o considera indíxena. O nome Braulio tamén deu aos topónimos Broullón e Dombrollo (< DOMNU BRAULIUS Ares_TopGal vol. II p. 860).
Por outra parte, Palacio_TopPantón (p. 417) identifica Brollón coa forma común brollón 'ruído que fai a auga ao caer desde certa altura'. No DCELC, Corominas fai proceder brollar e borbollar de *bolbollar, derivado por reduplicación do latín *BŬLLA 'burbulla'. Non obstante, posteriormente, o mesmo autor no DCECH apunta que o verbo brollar se podería tratar dun celtismo, procedente do termo *BROGILOS 'bosque pequeno'. O étimo directo para o galego tería que incorporar o sufixo -ONE.
Redaición: Eduardo Louredo Rodríguez
Revisión: Ana Isabel Boullón Agrelo.