Guarda, A
Tipología o caracterización geográfica
Étimo
Resumen general
De orixe xermánica (probablemente o gótico *wardja 'gardián'), o substantivo garda significa "acción e efecto de gardar. 2. Grupo de soldados ou de xente armada que se encarga da protección ou da vixilancia de persoas ou lugares". Aquí fai referencia a un posto fronteirizo, pois está situado na estrema con Portugal. Presenta a forma dialectal Gua-, como corresponde a esta zona do Baixo Miño (DialectGal), fronte ao galego estándar (garda).
Aspectos geográficos, históricos, administrativos
A Guarda é un porto pesqueiro situado no extremo suroeste do territorio galego, na banda norte do esteiro do río Miño. Foi renomeada polo rei Afonso IX, probablemente en 1228, como A Garda, nome que se ve na documentación ata o séc. XIV. Neste século, a vila deixa de ser reguenga e no XIV pasa a ter por señor o bispo de Tui. Desde o XIV ata o XVII a forma habitual era A Guarda. A partir do séc. XVI comeza a aparecer nos textos a forma castelá, La Guardia, e pasa a ser forma escrita única desde finais do XVIII (Navaza_2017). Cando se constituíron os concellos en 1836 recibiu o nome Villa de la Guardia (FariñaJamardo_1990). Coa chegada da democracia, restitúeselle o nome que seguía vivo na lingua oral e pasa a chamarse oficialmente A Guarda en 1984.
Información específica de étimo para este topónimo
As referencias máis antigas deste topónimo son do ano 1233, como villa da Garda, seguindo o modelo francés que levou a Afonso IX a renomeala (La Garde) en 1228. Coma outros escollidos por este rei para renomear lugares, baséase na cultura francesa coetánea, neste caso un nome de repertorio empregado xa na península ibérica como nome de fortalezas e vilas amuralladas segundo o modelo francés, onde se levaba usando máis de dous séculos.
Como a solución nesta zona dos grupos GW- e KW- é gua-, cua-, respectivamente, finalmente o topónimo consolidouse coa forma Guarda. O nome anterior era Tarás, que aínda sobreviviu na documentación por varios séculos e aínda se mantén no Arciprestado de Tebra e Tarás. (Navaza_2017).
Documentación histórica
Antigua e medieval
- "villa da Garda" 1233 AHN, Clero (Oia), Carp. 1799, N. 1 [as atestacións do AHN están tiradas de Navaza_2017).
- "Joán Eanes, notario da Garda" AHN, Clero (Oia), Carp. 1803, n. 8.
- "Muito me tarda | o meu amigo na Guarda!" Afonso X o Sabio 1240-1284.
- "vizinos da Garda" 1287 AHN Clero (Oia), Car. 1807, N.17
- "Paulos Peres, notario yurado da Guarda de Taraes" 1321 AHN, Clero (Oia), Carp. 1808, N.7).
- "medietatem etiam de ecclesia de la Guarda” 1334 AHN, Clero (Oia), Carp. 1826, N. 16 [documento dado em Tui por Afonso VII em 1137, inserido na confirmação de Afonso XI].
Moderna
Cognados y topónimos relacionados
Amais deste concello pontevedrés, e unha parroquia A Aguarda (Pastoriza, Lu), portan esta voz A Garda (Taramundi), e A Guardia (Tapia de Casariego e Navia), estes tres na Asturias de fala galega.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org