Ribeira
Tipologia edo geografia karakterizazioa
Etimoa
Ámbito semántico
Derivado
Laburpen orokorra
A forma ribeira, que forma parte do léxico común, é unha forma derivada de ripa 'marxe, beira' (REW, §
Geografi, historia, administrazio alderdiak
O concello de Ribeira constituíuse no ano 1835 baixo o nome oficial de Santa Eugenia de Riveira, adaptación ao castelán que incluía a advocación. Agrupábanse así diferentes parroquias que pertenceran durante o Antigo Réxime ás xurisdiccións de Noia e do Caramiñal (na provincia de Santiago). A forma Rivéira muda a Ribeira en 1887 (VariacionesMunicipios) e a capital do concello, baixo o nome de Santa Eugenia de Ribeira, recibe no ano 1906 o título de cidade (TopRibeira, p. 5). A forma galega Santa Uxía de Ribeira foi restituída oficialmente no ano 2001 (VariacionesMunicipios).
Na documentación medieval, a vila era denominada a través da mención á advocación (Santa Uxía) ou a través da referencia á parroquia de Carreira (por exemplo: "in villa que uocatur Dayam in concurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomarchos" 1200 TToxosOutos, doc. 731). De feito, ata o século XX, o núcleo principal era a extensa parroquia de Carreira, da que a parroquia de Ribeira toma algúns territorios e tamén a advocación (TopRibeira, p. 5). Con todo, a advocación unida ao topónimo Ribeira documéntase xa a partir do século XIV (NavazaConcellosCor, p. 85): "It. mando a Sta. Ougea de Ribeira hua libra de cera en huun frolal et outra libra de azeite" 1387 CDGH, doc. 95).
Aínda que a grafía do topónimo presenta <b> nos nomenclátores oficiais dende 1887, ao longo do século XX domina na sinaléctica do concello a representación con <v>. No ano 2020, finalmente, o goberno municipal acata a decisión da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e asume a grafía oficial con <b>.
Leku izen honentzako informazio berezkoa
O topónimo presentou a partir da Idade Media dúas manifestacións gráficas (Ribeira e Riveira), aínda que a oficial é hoxe a primeira. A grafía con <v> non sería a esperada tendo en conta a etimoloxía (ripa), posto que o resultado da sonorización da oclusiva intervocálica [p] daría lugar en época medieval a outra oclusiva [b], representada naquela altura como <b>. A grafía <v>, pola súa banda, representaba daquela unha bilabial fricativa ou aproximante. Aínda que na actualidade non hai diferenza fonolóxica entre os correspondentes sons, o criterio gráfico aplicado no galego nestes casos é o mantemento da grafía etimolóxica.
Dokumentazio historikoa
Antzinatekoa eta Erdi Arokoa
- "friigresia de Sancta Ougenia de Dayam Mayor" 1215 TToxosOutos, doc. 729.
- "sub aula Sancte Eugenie et Sancti Iuliani de Artiis in villis scilicet de Dayam Minore" 1246 ib., doc. 733.
- "It. mando a Sta. Ougea de Ribeira hua libra de cera en huun frolal et outra libra de azeite" 1387 CDGH, doc. 95.
- "Sta. Ougea de Ribeira" 1438 LiberTenenHorro, p. 288.
- "Santa Eugia de Ribera, syete myll dozyentos mrs." 1500 LSubsidioSantiago, fol. 5r.
Garaikidea
kognatuak eta erlazionatutako leku izenak
- Galicia:
En Galicia rexístranse dous concellos co nome de Ribeira: Ribeira (CO) e Ribeira de Piquín (LU). Ademais, a forma dálle nome a quince parroquias e a máis de oitenta núcleos menores de poboación. Nestes casos a forma presenta artigo con frecuencia (A Ribeira, 53 casos). Así mesmo, pode formar parte de topónimos compostos como substantivo modificado (por ex.: A Ribeiratorta, Ribeira da Señora) ou como modificador introducido por preposición (por ex.: Eido de Ribeira, Souto da Ribeira).
A forma diminutiva Ribeiriña rexístrase como nome de lugar, sempre con artigo, en seis lugares (catro na provincia da Coruña e dous na provincia de Lugo).
- Portugal:
En Portugal hai tres concellos que conteñen o nome de Ribeira: Ribeira Brava (na Ilha da Madeira), Ribeira Grande (na Ilha de São Miguel) e Ribeira de Pena (en Vila Real). Ademais a forma Ribeira rexístrase como topónimo de 29 parroquias e arredor de 240 lugares. Como en Galicia, pode constituír topónimos simples (Ribeira) ou compostos (como substantivo modificado ou como elemento dentro dunha frase preposicional modificadora, por ex.: Ribeira Chã, Ribeira de Fráguas, Aldeia de Ribeira).
Ademais, documéntanse como topónimos a forma diminutiva Ribeirinha, que lle dá nome a catro parroquias e a 11 lugares, e a forma plural Ribeiras, que constitúe o topónimo doutras catro parroquias e oito lugares.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org