Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptast

Ribeira

Ribeira

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Concello
Idioma do topónimo
Galego ou portugués

Étimo

*RIPARIA
Latino
Oronimia

Ámbito semántico

Oronimia

Derivado

RĪPA » -ARIA

Resumo xeral

A forma ribeira, que forma parte do léxico común, é unha forma derivada de ripa 'marxe, beira' (REW, § 7328) e mais o sufixo -aria. Como topónimo, é moi frecuente no territorio galaicoportugués e aplícase co seu significado orixinal para designar un territorio situado na beira dun río ou do mar (REW § 7328, TopRibeira, p. 128; NavazaConcellosCor, p. 85). 

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

O concello de Ribeira constituíuse no ano 1835 baixo o nome oficial de Santa Eugenia de Riveira, adaptación ao castelán que incluía a advocación. Agrupábanse así diferentes parroquias que pertenceran durante o Antigo Réxime ás xurisdiccións de Noia e do Caramiñal (na provincia de Santiago). A forma Rivéira muda a Ribeira en 1887 (VariacionesMunicipios) e a capital do concello, baixo o nome de Santa Eugenia de Ribeira, recibe no ano 1906 o título de cidade (TopRibeira, p. 5). A forma galega Santa Uxía de Ribeira foi restituída oficialmente no ano 2001 (VariacionesMunicipios).

Na documentación medieval, a vila era denominada a través da mención á advocación (Santa Uxía) ou a través da referencia á parroquia de Carreira (por exemplo: "in villa que uocatur Dayam in concurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomarchos" 1200 TToxosOutos, doc. 731). De feito, ata o século XX, o núcleo principal era a extensa parroquia de Carreira, da que a parroquia de Ribeira toma algúns territorios e tamén a advocación (TopRibeira, p. 5). Con todo, a advocación unida ao topónimo Ribeira documéntase xa a partir do século XIV (NavazaConcellosCor, p. 85): "It. mando a Sta. Ougea de Ribeira hua libra de cera en huun frolal et outra libra de azeite" 1387 CDGH, doc. 95).

Aínda que a grafía do topónimo presenta <b> nos nomenclátores oficiais dende 1887, ao longo do século XX domina na sinaléctica do concello a representación con <v>. No ano 2020, finalmente, o goberno municipal acata a decisión da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e asume a grafía oficial con <b>.

 

Información específica de étimo para este topónimo

O topónimo presentou a partir da Idade Media dúas manifestacións gráficas (Ribeira e Riveira), aínda que a oficial é hoxe a primeira. A grafía con <v> non sería a esperada tendo en conta a etimoloxía (ripa), posto que o resultado da sonorización da oclusiva intervocálica [p] daría lugar en época medieval a outra oclusiva [b], representada naquela altura como <b>. A grafía <v>, pola súa banda, representaba daquela unha bilabial fricativa ou aproximante. Aínda que na actualidade non hai diferenza fonolóxica entre os correspondentes sons, o criterio gráfico aplicado no galego nestes casos é o mantemento da grafía etimolóxica.

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "friigresia de Sancta Ougenia de Dayam Mayor" 1215 TToxosOutos, doc. 729.
  • "sub aula Sancte Eugenie et Sancti Iuliani de Artiis in villis scilicet de Dayam Minore" 1246 ib., doc. 733.
  • "It. mando a Sta. Ougea de Ribeira hua libra de cera en huun frolal et outra libra de azeite" 1387 CDGH, doc. 95.
  • "Sta. Ougea de Ribeira" 1438 LiberTenenHorro, p. 288.
  • "Santa Eugia de Ribera, syete myll dozyentos mrs." 1500 LSubsidioSantiago, fol. 5r.

 

Moderna

  • "Enla feligresía de Santa Eugenia de Riueira, jurisdicion dela Uilla de Noya" 1753 CME, p. 529.
  • "Riveira: ayunt. en la prov., aud. terr. y c. g. de la Coruña" 1849 DicMadoz.

Cognados e topónimos relacionados

-          Galicia:

En Galicia rexístranse dous concellos co nome de Ribeira: Ribeira (CO) e Ribeira de Piquín (LU). Ademais, a forma dálle nome a quince parroquias e a máis de oitenta núcleos menores de poboación. Nestes casos a forma presenta artigo con frecuencia (A Ribeira, 53 casos). Así mesmo, pode formar parte de topónimos compostos como substantivo modificado (por ex.: A Ribeiratorta, Ribeira da Señora) ou como modificador introducido por preposición (por ex.: Eido de Ribeira, Souto da Ribeira). 

A forma diminutiva Ribeiriña rexístrase como nome de lugar, sempre con artigo, en seis lugares (catro na provincia da Coruña e dous na provincia de Lugo).

-          Portugal:

En Portugal hai tres concellos que conteñen o nome de Ribeira: Ribeira Brava (na Ilha da Madeira), Ribeira Grande (na Ilha de São Miguel) e Ribeira de Pena (en Vila Real). Ademais a forma Ribeira rexístrase como topónimo de 29 parroquias e arredor de 240 lugares. Como en Galicia, pode constituír topónimos simples (Ribeira) ou compostos (como substantivo modificado ou como elemento dentro dunha frase preposicional  modificadora, por ex.: Ribeira Chã, Ribeira de Fráguas, Aldeia de Ribeira).

Ademais, documéntanse como topónimos a forma diminutiva Ribeirinha, que lle dá nome a catro parroquias e a 11 lugares, e a forma plural Ribeiras, que constitúe o topónimo doutras catro parroquias e oito lugares.

Paula Bouzas:  "Ribeira", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 12-05-2025].
Data: 16/09/2024
1779
portugues

Coordenades:(-8.991795 42.554712

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
[riˈβejɾa̝]
Audio
Provincia
A Coruña
Poboación (INE)
26.343 (2022)

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

ribeirense

Pseudoxentilicio(s)
Sen datos

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Rivera
8294 ocurrencias
Fonte: CAG

Como moitos topónimos de carácter xeográfico e procedentes do léxico común, a forma ribeira, coas súas variantes castelanizadas e con diferentes grafías, ten presencia antroponímica como apelido frecuente e documéntase ao longo de todo o territorio galego. A forma máis frecuente, con diferenza, é a variante castelanizada Rivera, escrita ademais con grafía <v>. A segunda variante máis frecuente é a autóctona Riveira, que presenta igualmente a grafía <v>. As variantes gráficas con <b> (Ribeira e a castelanizada Ribera) son menos frecuentes (vid. infra).

As variantes con <v> e as variantes con <b> conviven como apelido nos mesmos territorios, polo que a súa distribución non parece responder a ningún factor dialectal ou xeográfico.

Rivera
Apelido
Riveira
1017 ocurrencias
Fonte: CAG
Riveira
Apelido
Ribera
48 ocurrencias
Fonte: CAG
Ribera
Apelido
Ribeira
16 ocurrencias
Fonte: CAG
Ribeira
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Non hai bibliografía

Sinaturas

Redacción: Paula Bouzas

Panorámica de Santa Uxía de Ribeira (Turismo de Galicia)

Panorámica de Santa Uxía de Ribeira (Turismo de Galicia)

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-