*TAURU
Dun tema oronímico *Tauro-, moi difundido desde Asia Menor ata o atlántico, derivado da raíz indoeuropea *teu 'incharse' (Pokorny), usada a miúdo como nomes de picos escarpados ou vértices xeodésicos. Está presente nun grupo de topónimos galegos e portugueses: Touro, cast. Toro (Zamora) e nos derivados gal. Tourón, port. Tourão, Touroa co mesmo sufixo ca en Avión, Narón, etc. (BascuasHidron_2006). Nalgúns casos é moi difícil discernir entre esta raíz prelatina e o lat. taurus, que ten resultados foneticamente idénticos e tamén deu lugar a topónimos, pero sobre todo en derivados (Toural).
En Galicia e Portugal os derivados do radical oronímico e do hidronímico *Tur- diferéncianse nidiamente dos do tema oronímico *Taur-. Pero no resto da Península, ao reducirse o ditongo au > o, a forma actual non permite distiguir entre ambas as orixes (BascuasHidron_2006 241-250).
Erredakzioa: Ana Boullón