PLANTATA
Procede do latín PLANTATA, participio verbal de PLANTARE, concertado cun substantivo feminino que descoñecemos
Para o caso da Chantada que dá nome ó concello, tense proposto que plantata foi adxectivo aplicado a petra, e así, petra plantata sería equivalente a petra ficta, pedra espetada ou cravada no chan, referida quizais a un miliario dos que marcaban a distancia na vía romana que ía de Lugo (Lucus-Augusti) a Braga (Brácara –Augusta). Esta hipótese vese apoiada polo feito de existiren en Galicia os topónimos A Pedrachantada, na parroquia dos Casás, en Cerdido (Co), e Pedra Chantada, en Frollais, no concello de Samos (Lu), equivalentes a Pedrafita.
Non obstante, dado que temos en galego o substantivo chanto ‘estaca seca que se crava no chan ó pé das cepas e dalgúns vexetais de horta’ ou ‘lousa que se emprega para facer valados ou chantados’, cabe a posibilidade de interpretar Chantada como participio de chantar ‘cerrar con chantos unha herdade’ ou ‘cubri-lo chan con chantos’.
Podemos pensar tamén no ámbito dos vexetais. Así, en contratos de foros medievais galegos, aparecen moi frecuentemente secuencias referidas a leiras con expresións coma: “chantada et por chantar, lavrada et por lavrar ”, “assí chantada como por chantar”, “estava chantada cabo o camiño”, “que a devedes dar chantada de vinna”, “marcada por marcos e chantada de vinna en Valiño”, “a dita leyra chantada de vinna alçada”, “leira de herdade chantada de vinna”, “huna leira derdade que ora he chantada de vinna que esta eno casal e outra leira de vinna”, “duas leiras d'erdade: unha chantada de vina et a outra de monte...” e outras parecidas. Como vemos, a voz chantada aparece maioritariamente aplicado a terreos dedicados ó cultivo de vides, pero tamén a atopamos aplicada a soutos de castiñeiros; por exemplo: “Asy conmo ora sta chantada con suas árvores", “poruada et chantada de rayt et de garfeo onde feser mester de castanas “, “a terçia parte de sete castineyras da chantada vella” a.1457, etc.
Vemos, pois, que chantada se aplicaba a terras con plantacións de vides (a maioría das veces) ou de castiñeiros. Calquera das dúas especies vexetais, as vides e os castiñeiros, abundan aínda hoxe no territorio do noso Chantada, e seguramente este foi o motivo polo que se lle chamou así á vila regada polo Asma.
Erredakzioa: Antón Palacio