Belesar
Tipologia edo geografia karakterizazioa
Etimoa
Ámbito semántico
Laburpen orokorra
Belesar procede do xenitivo BELISARII, do nome persoal xermánico Belisarius, composto por bel-, talvez do xermánico *bili(z)- 'machada de guerra' e por -arius, do gót. harjis 'exército', que confluíu co lat. -arius. HGN 42/6.
Geografi, historia, administrazio alderdiak
Belesar é o nome dun lugar situado na beira do Miño, río que divide a aldea en dúas partes. Dá nome a unha parroquia do concello de Chantada (Lugo). A igrexa parroquial, que ten como patrón a San Bartolomeu, está situada na marxe dereita do río. Na marxe esquerda, está a parte da aldea de Belesar que pertence á parroquia de Diomondi (San Paio), integrada no concello do Saviñao (Lugo.). Unha vella ponte une as dúas partes da aldea, cruzada por unha antiga vía romana que foi na Idade Media importante ruta comercial e na actualidade constitúe un tramo do "Camiño de Inverno" a Compostela; continúa así sendo o importante nó de comunicación que foi no pasado, como punto de unión entre as comarcas de Lemos e Chantada. O Itinerario Descriptivo Militar de España (1866), dispoñible na rede, describe "el camino real que viene de la ciudad de Santiago para Monforte de Lemos [...] es de herradura [...] desciende con fuertes pendientes [...] al río Miño, que pasa a la salida de San Bartolomé de Belesar, por un antiguo y elevado puente de piedra". O trazado do camiño antigo formaba na subida a Chantada os popularmente chamados "codos de Belesar", denominación alusiva ás moitas e cerradas curvas do percorrrido, actualmente evitadas en boa parte pola moderna autovía.
A ponte medieval era do dominio do conde de Lemos e quedou arruinada por unha grande enchente do Miño no ano 1787. O ano seguinte estableceuse unha compañía explotadora dunha barca para a pasaxe de persoas e de cabalerías. A ponte continuou arruinada durante case todo o século XIX ata que en 1891, ó pasar a depender da Deputación de Lugo, esta procedeu a reparala.
En documentos pertencentes ó mosteiro de Chantada (CDChantada), e en contraste con outras pontes neles mencionadas ["ponte de Chantada"· (2 v.), "ponte do Rigi" (2 v.) e "ponte de Eyriz"], na de Belesar, o valor locativo aparece tres veces indicado pola preposición de, pero é máis frecuente que, para indicar a localización, o topónimo vaia precedido de a (ad): "en a ponte a Bellsar" 1430, "Roy Gomes da Ponte a Velsar" 1441, "a o pe da ponte a Belsar" 1442, "o camyno que vay para a ponte a Velsar" 1459, "morador a ponte a Velsar" 1477, "Alvaro Garçia et Grigorio Vasques, moradores a ponte a Belsar" 1480, "Gonçalbo Lamella, morador a ponte a Bellesar" 1494. Ademais: "outorgada esta carta de foro en a aldea de Velesar, a ponte, en casa de dito Vasco de Sobrado" 1504.
Augas arriba, a uns centos de metros da aldea de Belesar contruíuse o muro que corta o curso do río Miño e forma o encoro de Belesar, o máis grande de Galicia. A presa foi construída entre 1957 e 1963. O encoro ten unha superficie de 4000 km² e está situado entre os municipios de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín, na provincia de Lugo. A subida do nivel das augas supuxo o asolagamento de moitas terras fértiles e de varias aldeas, entre elas Portomarín, no camiño de Santiago, que se reedificou máis arriba.
Leku izen honentzako informazio berezkoa
Belesar procede de BELISARII, xentivo de Belisarius, antropónimo de orixe xermánica, composto por bel-(l), talvez do gót. *bili(z) 'machada ou arma de combate' e -arius, do gót. harjis 'exército' que confluíu co lat. -arius. HGN 42.6. O mesmo primeiro elemento vémolo en Belesende, lugar da parroquia de Valonga, no concello de Pol (Lugo) de *Belle-sindus HGN 42/7; o segundo elemento é *sinths 'viaxe, camiño'.
O antropónimo está ben atestado en Galicia e en Portugal desde o séc. IX: "Cresconius et Belesarius" 871 CDCatMondoñedo, "Belsarius pr." 904 TSamos, "Belesario in uilla Palatio" 914 DocCoruña, "Ego Belesarius presbiter tibi Gundesindus presbiter." 924 CartGuimarães, "Belsario", fillo de Rekaredo e pai de Emila 1067 TumboCelanova. O famoso xeneral de Xustiniano, o emperador do Imperio Romano de Oriente, aparece na Crónica Geral de Espanha de 1344 editada por Cintra coas formas Bellasario, Belasario e Belsario.
O topónimo de Chantada e do Saviñao aparece nos documentos medievais que consultamos coas grafías Velsar, Belsar, Bellesar, Belesar, Bellsar e Velesar.
O antropónimo deu orixe a varios topónimos galegos e portugueses (vid. en Cognados).
Dokumentazio historikoa
Antzinatekoa eta Erdi Arokoa
- "per Mineo flumine usque in Sile; & de alia parte ad illa Antafixa super Castro, quod dicitur Velsar" 572 RiscoESagrada doc. 6.
- "don Alfonso [...] rey de León, dou et outorgo a os homes do burgo de Belsar..." [... ] burgo de Belsar [...] Feita a carta en Chantada por Bellesar en era de mill et dusentos et quarenta et seys annos" 1208 CDChantada doc.6.
- "molendinis de Belesar contra Plantatam" 1264 NTMedDiocLugo 143.
- "Fernan Anes, fillo de Marina sirgo, que fuy de Belsar [...] mando a o moesteiro de Chantada çem moravedis purtugeses para pitança con todo o herdamento que ayo na iglesia de san Bertolameo de Belsar" 1309 CDOseira doc.1353.
- "no adreo da iglesia de San Bertolameu de Belsar" 1318, "vacante medietate ecclesie Sancti Bartollamei de Belsar, sine cura, per mortem Gundisalvi Iohanis" 1391, "o meu couto de Belsar, que he en terra d´Asma" 1394, "Affonso de Deus, notario publico en o couto de Belsar et em todo o condado" 1395, "el mi coto de Belsar con todas sus dere[churas]" 1405, "Afonso Gonçalves, veçino de la colaçion de San Vertolameu de Belsar [...] leyra et castineyros en vos Gomes Peres, morador en Belsar [...] feyta en a ponte a Bellsar" 1430, "a nosa casa que esta deste cabo a o pe da ponte a Belsar" 1442, "Ynes Fernandes de Belsar" 1454, "souto da Retorta que jaz en o camyno que vay para a ponte a Velsar sobre os moynnos de Velsar" 1459 CDChantada doc. 40, 131, 134, 137, 149, 165, 172, 188 e 198, respectiv.
- "que vos aforamos [...] o lugar de Cucos [...] viinte et seys tegas de centeo por tẽẽga dereita de Velesar, linpo de poo et palla" 1460 CDPombeiro doc.197.[Cucos é no Saviñao]
- "Ares Gomes, morador en Belsar" 1474 Maia_1986 doc. 47.
- "Ares Gomes, morador a ponte a Velsar" 1477, "a leyra de Saba de Laa [...] su o signo de San Bertolameo de Velsar" 1480, "a vyna [...] su o signo de San Bertolameu de Belsar, que se chama a vyna do Espital" 1494, "Gonçalbo Lamella, morador a ponte a Bellesar" 1494 CDChantada doc. 236, 245, 276 e 277, respectiv.
Garaikidea
Referidos a Belesar, lugar de Chantada:
- "Juan Visqueyno, morador en Belesar" 1504, "con el camino que ba de Gogeba para Belesar" 1516, "Afonso Rodriguez, vezino de la Ponte de Belesar" 1518, "Gomez Ares, vecino de Belesar" 1519, "Rodrigo do Monte, clerigo de la yglesia de Sam Vertolameu de Velesar" 1525, "en la congostra que bay de Gojeba para Belesar [...] San Vertolameu de Belesar" 1526 CDChantada doc. 296, 328, 332, 336, 343 e 346, respectiv.
- "San Bartolomé de Velesar" 1604 AHPLugo Galiciana.
- BELESAR: l. en la prov. de Lugo, ayunt. de Saviñao y felig. de San Pelagio de Diomonde. V. POBL.: 31 vec. 158 almas. DicMadoz vol 7, p. 127.
- BELESAR (SAN BARTOLOMÉ DE): felig. en la prov. y dióc. de Lugo (11 leg.), part. jud. y ayunt. de Chantada (1 1/2). SIT.: cerca de las márg. del r. Miño en la ant. jurisd. de Asma. [...] se compone de 11 CASAS y una igl. parr. [...] POBL.: 10 vec. 53 alm. DicMadoz vol. 7, p. 128.
Hurbileko leku izenak
É zona de concentración de nomes de lugar procedentes de antropónimos de orixe xermánica ou que os conteñen; só no concello de Chantada atopamos estes: Adá, Adaúlfe, Andemil, Ansemil, Ansoar, Asper (?), Axulfe, Bermún de Abaixo, Bermún de Arriba, Burgás, Casdemiro, A Elfe, Enviande, Eiriz, Esmeriz, Esmoriz, Formariz, Freán, Goimil, Gomesende, Guxeva, Lamasendín, Mariz, Merlán, Nande, Nandulfe, Nuxilde, Randolfe, Regoufe, Sandiás, Sernande, Soilán, Soutariz, Trasmariz, A Ulfe, Uriz, Usuriz e Vilar de Eiriz. (Vid. XentiliciosChantada).
kognatuak eta erlazionatutako leku izenak
- Belesar (San Lourenzo), parroquia do concello de Baiona (Po).
- Belesar (San Martiño), parroquia do concello de Vilalba (Lu).
- Belesar, lugar da parroquia de Melias, co concello de Coles (Ou). Figura coa grafía Velesar no DicMadoz vol. 31, p. 640.
- Belesar, lugar da parroquia de San Xoán de Campos, co concello de Lugo (Lu). No DicMadoz vol. 7, p. 128, a parroquia figura como "San Juan de Campo".
- Belesar, lugar da parroquia de Vilasouto, no concello do Incio (Lu). Figura como Belesar "l. en la prov. de Lugo, ayunt. de Rendar, felig. de San Mamed de Villasoto" DicMadoz vol. 7, p. 127.
Ademais, no DicMadoz vol. 7, p. 127 figuran dous lugares coruñeses non rexistrados no NG 2003:
- Belesar, lugar da parroquia de "Sta. Marina de Angeris" (hoxe Anxeriz), no concello de Tordoia.
- Belesar, lugar da parroquia de "San Roman de Encrobas", no concello de Cerceda.
Son formas sincopadas de Bel(e)sar os seguintes topónimos:
- Belsar, lugar da parroquia das Encrobas, no concello de Cerceda (Co). Figura como Belesar no DicMadoz vol. 7, p. 127.
- Belsar, lugar da parroquia de Torres, no concello de Vilarmaior (Co). Figura como Belesar no DicMadoz vol. 7, p. 127.
- Belsar, lugar da parroquia de Xerdiz, no concello de Ourol (Lu). Figura como Belsar, "ayunt. de Orol y felig. de Sta. Eulalia de Merille" no DicMadoz vol. 7, p. 147.
- Belsar, lugar da parroquia de Xesteda, no concello de Cerceda (Co).
En Portugal:
- Balazar, ás veces coa grafía moderna Balasar, lugar e freguesía do concello da Póvoa de Varzim.
- Balazar, lugar do concello de Guimarães, en Portugal. Foi sede dunha freguesía ata 213, en que pasou a formar parte da denominada "União das Freguesias de Sande São Lourenço e Balazar" con sede en Sande São Lourenço.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org