GUTA, GUTO
O nome persoal está formado polo elemento got-, god-, onde conflúen tres raíces do gótico: gôths ‘bo’, guth ‘deus’ e *guts, *guta ‘godo’ (HGN § 146). Coincide co etnónimo dos individuos procedentes dun dos pobos xermánicos que se introduciron na península ibérica a partir do séc. V. Con todo, a súa presenza nos nomes medievais medievais carece de valor étnico, posto que os nomes de persoa de orixe xermánica tiveron moita difusión e deron lugar a topónimos, maioritariamente a partir da súa forma en xenitivo, entre os séc. VII e XI. Este procedemento foi produtivo, grosso modo, na metade septentrional da península (véxase o mapa en HGN p. 39).
O nome feminino Guta e o correspondente masculino Guto, con distinta declinación (adaptado á segunda declinación latina ou coa xemántica en -o, -one) e con diversos sufixos, deixou numerosos descendentes toponímicos por toda a península: gal. Godoi, Gude, Vilagude, Aldegode, Godón, A Gudiña, Vilagudín, Castrogudín, Penagudín, port. Guda, Vila Godim, Godim, Godinho, port. e cast. Goda, leon. Valdegoda, Andelagodo, Cotagodina, Vitigudino, cast. Castrogoda, Almunia de doña Gudiña, cat. Bassegoda... (HGN 146.18, 33a, 33b, 33c, 36, 40, 41, 42).
Redacción: Ana Boullón