*MŎRANIA
De orixe prerromana, parece o étimo do galego Moraña (Po), onde tamén se localiza o diminutivo Morañó (< *Moraniola) e talvez do castelán La Moraña.
A mesma forma reaparece en Ávila como nome da comarca de La Moraña, que abarca as chairas do norte da provincia en oposición ás serras que ocupan a área meridional, caracterizadas pola súa planicie e abundancia de lagoas esteparias (denominadas na zona laguna, lavajo, charca, bodón, hoya etc. en función do seu tamaño, forma e profundidade) de enorme valor ecolóxico, especialmente ornitolóxico. Mentres que a comarca se denomina La Moraña, a forma sen artigo aparece nos nomes de moitas poboacións locais (Aldeaneva de Moraña, Galindos de Moraña, Ortigosa de Moraña, Torralba de Moraña, Valverde de Moraña, Viñegra de Moraña etc.). Existe ademais o topónimo Morañuela no concello de San Pedro del Arroyo, no sur da comarca, próximo á serra.
Os rexistros medievais do primero autorizan unha reconstrución sen ditongo na primeira sílaba. Pode proceder en principio de *Mŏrania, *Mŭrania ou *Mōrania, cunha terminación *-ania ou *-ānia. Xa que na documentación antiga o topónimo máis similar é *Mŏro -onis (Μόρωνα acus. sg. en Estrabón 3,3,1), cerca de Santarém, esta conexión invita a propoñer *Mŏrania como principal hipótese de traballo, pero non a certifica en absoluto. Pola súa localización xeográfica debe tratarse dun nome hispanocéltico.
Outros nomes antigos con segmento radical Mor- son:
- *Morodo -onis (Morodon en Rav. 308, 11) na costa cántabra ou proximidades, que na súa terminación recorda ó celtibérico sanctum Buradonis ilicetum “sagrado aciñeiral de Buradon ” de Marcial (Epigr. 4.55.23), situado pola zona da súa Bilbilis natal, próxima á actual Calatayud, Zaragoza.
- *Moroeca (?) ou *Morica (?) (Μόροικα, con variante de transmisión textual Μόρικα en Ptol. 2,6,51) entre os cántabros, posiblemente na zona de Aguilar de Campoo (Palencia). A variante *Morica coincide formalmente coa parte inicial do nome familiar Moriciq(um) de Orgaz, Toledo, e do teónimo Moricilo de Casas de Millán, Cáceres.
- Morogi (Plin. 4,110) dos várdulos, topónimo (ou etnónimo), pola costa vasco-cantábrica.
A etimoloxía, e por tanto o significado etimolóxico de Moraña, son completamente descoñecidos. A reiterada asociación con montón, morouza etc. (Rivas 1990 435-436) non é máis ca unha aproximación formal, dificilmente xustificable no caso da Moraña avilesa. A terminación en -aña é moi común tanto na toponimia coma na hidronimia prelatina e non nos orienta por tanto por si mesma especialmente cara a ningunha destas arelas onomásticas. Sirvan de exemplo Bendaña (Touro, A Coruña) ou Moaña (Pontevedra) e os ríos Barbaña (afl. do Miño, Ourense) ou Bermaña (afl. do Umia, Caldas de Reis, Pontevedra) respectivamente; fóra de Galicia, por exemplo, Peña Ulaña (Humada, Burgos) e o río Omaña (xúntase co Luna para formar o Órbigo → Esla → Douro en León). Especialmente frecuente, aínda que (polo menos de momento) non documentado en Galicia, é Saldaña < *Saldania (1. en Burgos; 2. en Palencia; 3. Saldaña de Ayllón en Segovia; 4. en Siero, Asturias; 5. Saldanha en Bragança), topónimo para o que hai documentación antiga: en León temos L(ucio) Lollio Materni f(ilio) Lolliano Saldanie(n)si (dat.).
Jordán 2002 228 especula de forma pouco convincente coa posibilidade de que se trate de *Moramnia, que sería un primitivo hidrónimo composto cun segundo membro emparentado co lat. amnis "río".
Redacción: Ana Boullón
Elaboración: Carlos Búa