Caniza, A
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Feminino de canizo (< lat. CANNĪCIU) (véxase Os Caínzos); a motivación toponímica refírese a unha construción feita con canas e cuberta de palla, ben unha cabana ou un hórreo.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
A localidade actual estaba incluída no Couto das Achas, do mosteiro da Franqueira. Este vendeullo en 1568 a García Sarmiento de Soutomaior, conde de Salvaterra. Segundo Ávila y la Cueva (1852), as noticias máis antigas desta poboación son do ano 1583, nunha escritura do mosterio da Franqueira. Tamén se rexistra en plural (1663) como parte da parroquia de Valeixe, o que indica "que empezó por unas casetas o chozas hectas de ramas de árboles entretegidas y cubertas de paja", ou ben para nomear "los orrios en que los labradores recogen el maiz en espiga formados de bergas entretegidas" (HistoriaTui, pp. 283-284).
A parroquia fundouse en 1790, anexa á de Valeixe, ata que finalmente se desmembrou dela en 1815 como parroquia independente. No séc. XIX trasladouse alí a audiencia das Achas e erixiuse como cabeza e capital da súa xurisdición e partido, adquirindo a denominación da vila.
Nos textos posteriores ó séc. XV aparece co artigo castelanizado, pero coa forma Caniza conservada. Na documentación oficial consolidouse a partir da creación dos concellos, no séc. XIX, a forma castelanizada La Cañiza, que incluso se incorporou ao NG como A Cañiza, en 1984. Actualmente, dado que se comprobou o mantemento da forma orixinal, A Caniza, entre os seus habitantes, a Comisión de Toponimia propuxo a súa restauración como forma oficial.
Información específica de étimo para este topónimo
Documentación histórica
Antiga e medieval
Son poucos os rexistros medievais que atopamos destes topónimos. Constan no concello de Melón, o que demostra que na zona onde hoxe está o concello se usaba como norma toponímica:
- "outra nosa leyra e seve da Caniza” 1297 CDMelón
Tamén encontramos una forma en plural, referida a unha poboación, hoxe non identificada, próxima a Senón (concello da Peroxa, Ou):
- "unum casale in Sennon et aliud in nas Canizas" 1246 CDOseira
Moderna
- “En la villa de la Caniça, que es en el balle de las achas & reino de Galicia, a quinze dias del mes de março de mil & quinientos y ochenta y nuebe” (ES.41091.AGI//CONTRATACION,234,N.2,R.8, PARES).
- "feria que se celebra el día veinte de cada mes en la Caniza" 1753 CME
- "Antonio Vidal de la Caniza", "Antonio Fernández de la Caniza", "rregueiro da Caniza" 1764 CCME-ValeixeACaniza.
- "CAÑIZA: ayunt. en la prv. de Pontevedra (6 leg.),part. jud. de su nombre, aud. terr. y c.g. de la Coruña, dióc. de Tuy. ... Pobl.: 1.812 vec., 6.136 alm." 1846 DicMadoz.
Cognados e topónimos relacionados
Véxase a forma masculina Caínzos.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org