Castela
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
O topónimo provén do nominativo plural neutro CASTĔLLA do latín castellu (un diminutivo de castrum) coas acepcións de 'os castelos', 'terra de castelos'. O significado de castelo neste topónimo seguramente sexa moi disinto ó actual de 'fortaleza defendida por murallas e residencia dun señor', e máis ben deberemos interpretar esta voz como 'unidade básica de agrupamento de comunidades da antiga Gallaecia' (FrutosFdezRibeiro, pp. 93-98) ou como 'villa fortificada, de menor entidade cá civitas e maior có vicus' (Isla_TerminologíaRural).
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Na Estoria de Espanna de Afonso o Nono (Afonso X o Sabio para a historiografía española moderna) cítase a Castela galega (rexistrada co exónimo Castiella no texto) como unha das terras do departimento "que el rey Theodemiro fizo" (EstoriaEspanna, p. 632). Teodomiro gobernou no reino suevo de Galicia entre os anos 559 e 570, polo cal se acepta que esta terra medieval da Gallaecia existía xa no século VI e é anterior á rexión histórica que naceu no norte de Burgos.
Castela abranguía terras dos concellos actuais do NO ourensán: O Irixo, Piñor, San Cristovo de Cea, Avión, Boborás, O Carballiño, Leiro, Melón e Ribadavia. O padre Sarmiento infórmanos de que foi un condado e un arcediagado que comprendía 68 parroquias orixinarias e que logo integrou 31 máis do territorio de Orcellón (parroquias do N dos actuais concellos de Boborás e O Carballiño). Como tamén recolle Sarmiento, a mediados do século XVIII xa debía ser pouco usual esa denominación para ese territorio, pois nin foráneos nin galegos entendían a expresión "castellanos de Orense" (Sarmiento_CastellanosOurense).
Documentación histórica
Antiga e medieval
- In Castella villa Trasarici, ad ecclesiola Pinzana, Dornellas, Cusanca a.887 TumboSobrado
- in territorio Castella, in ripa fluuii Auie, in uilla Reuordanos a.955 HistoriaCatedralSantiago
- episcopo in Auria domino Ioanne, tenente Castela de Bubal domino Nuno Gundisalvi a.1270 CDSClodioRibeiro
- Pedro de Meomaes, notario del rey en Orcellon, en Bubal, en Castela, no Bolo de Senda a.1272 CDOseira
Moderna
Cognados e topónimos relacionados
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org