Castroverde
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
De CASTRU 'castro' e VĬRĬDE 'verde', seguramente en referencia á fertilidade da terra ou ó vizoso da paisaxe que o rodeaba.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
O actual concello está constituído por parroquias das antigas xurisdicións de Neira de Rei, Adai, Castroverde e Lugo, xunto cos coutos de Mirandela, Montecubeiro e Riomol. Castroverde pertenceu ó conde de Lemos e posteriormente ó de Altamira. A capital municipal, que lle dá o nome a todo o municipio, pertence á parroquia de Vilariño, que nalgúns textos da documentación antiga tamén figura como de Castroverde.
Información específica de étimo para este topónimo
Aínda que Nicandro Ares (Ares_TopGal, II, 693) considera que en Castroverde, e tamén en Vilaverde, o segundo elemento do topónimo seguramente se corresponda co xenititivo V(I)RIDII do nome latino de posuidor Virdius ou Viridius, crémolo pouco probable. Por un lado, porque, a pesar de existir máis de trinta lugares chamados Vilaverde, non rexistramos o antropónimo na documentación medieval galega, nin en latín nin en romance, e Verde só aparece como sobrenome (cf. Fernán Verde, carniçeiro a.1377 DocSMBelv); por outro, porque verde forma parte de varios topónimos compostos en que a primeira voz non se explica acompañada dun antropónimo, pois designa elementos pouco susceptibles de ser posuídos: Valverde, O Pico Verde, Pena Verde, Fonteverde.... En opinión de Emilio Nieto Ballester (vid. étimo VĬRĬDE), a frecuencia da palabra nas linguas romances, fronte a outros nomes de cor, débese ó seu uso agrícola.
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "Petrus Vitatus Burgensis de Castroviridi" a.1222 CDLugoCañizares
- "Data in Castro Uerde XVIIª die Agusti" a.1188 TVelloLugo
- "ffaso sseellar do [sseell]o do conçello de Castroverde esta carta" a.1260 Doc_Sponer
- "Pero Afonso, pelitero, morador enna dita vila de Castroverde" a.1409 CDFPantón
- "casa que jas enna dita vila de Castroverde, enna rúa da Crus" a.1409 CDFPantón
Moderna
Cognados e topónimos relacionados
Hai un lugar chamado Castroverde na parroquia de Noalla, en San Cibrao das Viñas (Ou); en Zamora, o municipio e localidade de Castroverde de Campos e, en Valladolid, Castroverde de Cerrato; e o concello, parroquia e lugar de Castro Verde, no Baixo Alentexo, en Portugal.
Son moitos os topónimos Castro e compostos en Galicia e no NO da Península. En Portugal son característicos do norte.
O adxectivo verde tamén é frecuente na toponimia penínsular con nomes como Brañas Verdes, Vilaverde, Campo Verde, Pena Verde, entre outros, en Galicia; Valverde e Vila Verde, Praia Verde etcétera, en Portugal; e Villaverde, Pumalverde ou Cruz Verde no resto de España.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org


