Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptast

Pedrafita do Cebreiro

Pedrafita do Cebreiro

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Concello
Idioma do topónimo
Galego

Étimo

PĔTRA
Latino
Oronimia » Litonimia
FĪCTA, FĪCTU
Latino
Hábitat humano » Vías de comunicación

Derivado

ĔCĬFĔRU » -ARIA, -ARIU

Resumo xeral

Pedrafita do Cebreiro é un topónimo composto. A primeira compoñente é o resultado da conxunción de dous elementos: pedra e fita, procedentes respectivamente das formas latinas petra 'pedra' e ficta 'chantada, fixada' (Ares_TopGal II, p. 966). A forma ficta (REW§ 3280) é participio dun verbo figere 'cravar' que, se ben non deixa resultados directos nas linguas peninsulares, está na base da forma *figicare (REW §3290), étimo das formas iberorromances fincar, ficar e hincar (DCECH).

O segundo elemento é interpretado como un derivado da forma cebro ou cebra 'cabalo / egua salvaxe', procedente da forma *eciferus ou *ecifera do latín vulgar (DCELC; MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina, p. 146; PielZoonTopn, §18-19, pp. 175-176). Hai que ter en conta, no entanto, que as formas toponímicas Cebreiro e Cebreiros documentadas en Galicia poderían ser tamén resultado do fitónimo latino *acifolum 'acevo' (Navaza_Fitotop, pp. 36; Ares_TopGal II, p. 960).

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

Cebreiro era unha antiga xurisdición que orixinariamente comprendía as feligresías de Santa María do Cebreiro, Hospital, Liñares, Riocereixa, Veiga de Forcas e Zanfoga. Na freguesía de Santa María de Cebreiro situarase posteriormente a capital do concello, que ademais tomará o seu nome (Cebreiro). O concello de Cebreiro oficialízase primeiramente como Cebrero, mais pasa a chamarse Piedrafita no ano 1857. Tanto Cebrero e Piedrafita son formas castelanizadas (a primeira delas por adaptación do sufixo ao castelán, a segunda por tradución híbrida que afecta unicamente unha das partes do composto). Será aínda no ano 1985 cando se restitúa oficialmente o nome actual Pedrafita do Cebreiro (VariacionesMunicipios).

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "perducitur ad Meiceram et inde ad Zebrarium montem et ducitur ad Paturnello" 572 CDLugoCañizares, doc. 3, pp. 22-26.
  • "villa quam vocitant Ezebrario prope vocabulo sancto Stephano" 975 TCelanova, doc. 205, pp. 291-292.
  • "per terminos de Triacastella, per terminos de Zebrario, per terminos de sancto Andrea" 1068 TSamos, doc. 221, pp. 404-405.
  • "dicto monasterio de Cebrero cum omnibus pertinentiis" 1496 ZaragozaPascual_2012, doc. 1, pp. 175-176.
  • "abbatis Sancti Benedicti Vallisoletani et fratris Bernardini de la Torre, priore beate Marie del Zebrero, monasterirum dicti ordinis Sancti Benedicti" 1494/1500 ZaragozaPascual_2012, doc. 2, pp. 177-178.

Moderna

  • "Hospital dela Condesa, jurisdicion del Hospital de Nuestra Señora del Zebrero" 1752 CME.
  • "Nuestra Señora del Cebrero" 1752 ibid.
  • "CEBRERO: ayunt. en la prov. y dióc. de Lugo (10 leg.), aud. terr. y e. g. de la Coruña (25) y part. jud. Becerreá (4). (…) Se compone de las felig. Cebrero, Sta, Maria (cap.); Fonfria, San Juan; Hospital de Padornelo, San Juan; Linares, San Esteban; Lousada, San Vicente; Lousarela, Ecce-Homo; Pacios de Lasada, San Lorenzo; Padornelo, Sta. Maria; Riocereija, Sta. Maria; Vega de Forcas, Sta. Maria, y Zanfoga, San Martin" 1847 DicMadoz.
  • "PIEDRAFITA: L. en la prov. de Lugo, ayunt. y felig. de Sta. Maria de Cebrero" 1849 ibid.

Cognados e topónimos relacionados

Tanto en Galicia como en Portugal, hai varios lugares que presentan un topónimo procedente ou derivado de petra ficta. En Galicia, as formas toponímicas correspondentes son Pedrafita, Parafita e Pedrafitelas:

  • A forma Pedrafita, ademais de designar o lugar que lle dá nome á parroquia e concello de Pedrafita do Cebreiro, é topónimo doutros 11 lugares nos concellos de Abadín (LU), Baralla (LU), Castro de Rei (LU), O Corgo (LU), Lugo (LU), Ourol (LU), Outes (CO), As Pontes de García Rodríguez (CO), Tomiño (PO), Valga (PO) e Folgoso do Courel (LU), respectivamente. Tres destes lugares danlle nome ás respectivas parroquias: Pedrafita (San Miguel) no Corgo (LU), Pedrafita de Camporrendondo en Baralla (LU) e Pedrafita (San Martiño) na Teixeira (OU). Outras dúas parroquias son denominadas como Pedrafita: Pedrafita (Santa Baia) en Chantada (LU) e Pedrafita (San Mamede) en Guitiriz (LU).
  • Pola súa banda, a variante Parafita dálle nome a un lugar e parroquia en Chandrexa de Queixa (OU), así como a tres lugares en Melide (CO), A Estrada (PO) e A Teixeira (OU), respectivamente. Este último lugar, do concello da Teixeira, localízase, por certo, na propia parroquia de Pedrafita mencionada anteriormente.
  • Por último, Pedrafitelas designa un lugar na Fonsagrada (LU).

En Portugal, rexístranse cognados de Pedrafita baixo as formas Pedra Fita, Perafita e Parafita:

  • Pedra Fita: Lugar en Vila Nova de Famalicão (distr. Braga).
  • Perafita: Dous lugares en Penafiel (distr. Porto); un lugar en Alijó (distr. Vila Real) e un lugar en Matosinhos (distr. Porto) que lle dá nome á correspondente parroquia.
  • Parafita: Tres lugares con ese nome: un lugar en Monção (distr. Viana do Castelo), un lugar en Montalegre (distr. Vila Real) e un terceiro lugar en Lamego (distr. Viseu).

Con respecto aos cognados de Cebreiro, ademais do lugar que lle dá nome á parroquia de Pedrafita, documéntanse en Galicia un lugar denominado Cebreiro na Cañiza (OU) e un lugar denominado Cebreiros no Pereiro de Aguiar (OU). Ademais hai varias parroquias con ese nome, dúas delas en Pedrafita do Cebreiro (LU) e outra no Pino (CO). Estas formas poderían ser efectivamente derivados do zoónimo cebra / cebra, mais tamén derivados dun étimo fitonímico *acifolum 'acevo' (Navaza_Fitotop, pp. 35-39).

En Portugal tamén se rexistran cognados de Cebreiro (Zebreiros, Zebreira), sen que poidamos determinar tampouco neste caso se se trata de derivados zoonímicos (de cebra / cebro) ou fitonímicos (de *acifolum 'acevo'):

  • Zebreiros: Dous lugares con ese nome, un en Sever do Vouga (distr. Aveiro) e outro en Gondomar (distr. Porto).
  • Zebreira: Un lugar e parroquia en Idanha-a-Nova (distr. Castelo Branco). Ademais documéntase no mesmo distrito un lugar Casas da Zebreira, no concello de Oleiros.

 

 

Paula Bouzas:  "Pedrafita do Cebreiro", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 12-05-2025].
Data: 30/05/2024
2980
no-portugues

Coordenades:-7.022324 42.725834

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
[pɛðɾaˈfita̝ðoθeˈβɾejɾo̝]
Audio
Provincia
Lugo
Poboación (INE)
936 (2022)

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

cebreirega, cebreirego

Pseudoxentilicio(s)
Sen datos

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Cebreiro
713 ocurrencias
Fonte: CAG

A forma Cebreiro rexístrase en Galicia como apelido. No entanto, ningunha das zonas en que se concentra este antropónimo coincide co lugar designado polo topónimo Pedrafita do Cebreiro.

Cebreiro
Apelido
Cebreiros
130 ocurrencias
Fonte: CAG

Tamén se documenta como apelido a forma Cebreiros. O foco deste apelido debe ser o lugar homónimo no concello O Pereiro de Aguiar (OU).

Cebreiros
Apelido
Piedrahita
39 ocurrencias
Fonte: CAG

A forma galega Pedrafita non se rexistra en Galicia como apelido, mais a forma castelá correspondente, Piedrahita,documéntase en diversas zonas de maneira esporádica. O máis probable é que se trate, non dunha castelanización, senón da aplicación antroponímica dalgún dos numerosos cognados que existen nos territorios de fala castelá.

Piedrahita
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Non hai bibliografía

Sinaturas

Redacción: Paula Bouzas

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-