Sobrado
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
Probablemente do latín SUPERATO, derivado de super 'arriba', para indicar a planta superior dunha casa. Na Idade Media designaba calquera edificio de máis dunha planta.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Hai moita documentación deste topónimo desde o séc. X, porque alí foi fundado un mosteiro nesa época, polo conde de Présaras. No séc. XII, a casa de Traba refundouno con monxes cistercienses.
O concello constituíuse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición de Sobrado e ao couto de Codesoso (antiga provincia de Betanzos), con dúas parroquias máis de Mesía (provincia de Santiago). Debido á importancia do mosteiro, é común escoitar a denominación Sobrado dos Monxes.
Información específica de étimo para este topónimo
O topónimo foi obxecto de varias interpretacións etimolóxicas. Meyer-Lübke considerouno derivado de sŭper, sŭpra (REW). Andrés Martínez Salazar (1922) detallou as diferentes grafías coas que aparece na documentación medieval: Superatu, Suberadu e Superaddo, fundamentalmente. Esta última parece unha grafía hiperculta "homólogo del pres. ind. del verbo latino que significa 'añado encima, sobrepongo', del inf. superaddire", Superato "alto, muy alto, aventajado, superior, excelso, sobresaliente, calificativos que no iban mal al monasterio ni a la villa", voz que tamén deu lugar á galega sobrado "piso alto dunha casa". O autor desbota a posible metáfora orográfica, pois o mosteiro está situado nunha chaira e, con retranca, engade: "y aun cuando la villa, en los diez siglos transcurridos desde el año 936 en que se le nombra villa ludosa (lodosa, llena de barro) haya mejorado su clima y saneado su suelo, no es creíble que el del monasterio haya podido hundirse, con los edificios, hasta ponerse al nivel del llano, ni hay noticia de que allí se sintiese en la Edad Media algún movimiento sísmico" (p. 135).
Amais desta posibilidade, Martínez Salazar menciona o cognome latino Superatus, pero el mesmo dá conta da estrañeza que supón non dar lugar a unha forma en xenitivo, como é usual nos nomes de posesores.
Finalmente, como fixera antes Sarmiento, considera a opción máis probable que sexa un derivado colectivo de suber 'sobreira', cun sufixo -atu, co significado 'plantación de sobreiras', tendo en conta a extensa familia toponímica deste fitónimo: Sobreira, Sobral, Sobreiral, Sobredo, Sobroso, Sobrosa (vid. Navaza_Fitotoponimia § 213).
Máis tarde, cando J. M. Piel (1952) revisou esta proposta, puxo de relevo a súa dificultade morfolóxica, posto que "o sufixo -ado é inconciliável com a função colectivo-local que implicitamente lhe atribuem, quer dizer que não pode exprimir, associado a um nome de planta ou árvore, a noção que lle dão -al, -oso e -edo" (p. 264). Ademais, a maioría das atestacións medievais, con p, apuntan a un derivado de super, non de suber. E a mesma documentación cita o cambio de nome: o nome antigo, Ludosa, "cedeu o passo a superatu / Sobrado em virtude de um edifício importante aí construído pelos fundadores" (p. 264). Por último, achega testemuños léxicos, tanto en galego coma en portugués, das acepcións de sobrado: "Para poder assumir uma função toponímica, o vocábulo tinha forçosamente de se referir a uma construção toda, e não apenas a parte dela", é dicir, 'casa cun andar superior', e non 'andar'.
Corominas propuxo "probablemente del latín SŬPERADDĬTUM 'añadido encima de otra cosa', de SUPERADDERE, compuesto de SUPER y ADDĔRE 'añadir'. ... Siptizer ... lo explica a partir de SUPERATUM, lo cual no conviene por el sentido ni ofrece ningunha ventaja fonética sobre SUPERADDITUM" (DCECH s.v. sobre). Agora ben, pensamos que desde o punto de vista semántico está plenamente xustificado a súa procedencia de SUPERATU e, ademais, como tamén dixo José Luis Pensado, aínda que as dúas propostas son perfectamente sostibles, a documentación medieval avoga máis ben por unha base superatum e as grafías que presentan -dd- son máis tardías (PensadoLexAsturiana), propias, como xa dixera Martínez Salazar, dunha intención hipercultista dos escribas. Esta tamén foi a proposta de García de Diego, que inclúe Sobrado entre os derivados de superare (DEEH, s.v.).
:
Documentación histórica
Antiga e medieval
- "villa Superaddo" 916 TSobrado
- "ipsa uilla in ualle Presares, iuxta fluuium Tamare, uocabulo Ludosa cognomento Superato" 936 TSobrado
- "in territorio Presares, uilla quod nuncupant Superato discurrente riuulo Tamare, ego nos Hermegildus et Paterna" 952 TSobrado (escritura de fundación do mosteiro)
- "Sancti Iacobi de Superado" 952 TSobrado
- " villa que vocitant Superaddo secus fluvium Tamare" 962 DocSobrado
- "monachi Suberadi" 1168 DocSobrado
- "dominio monasterio Sobradu" 1172 DocSobrado
- "Abbade de Sobrado" 1257 DocsMSalazar
- "Sancta Maria de Sobrado" 1262 CDVilarDonas
Moderna
Cognados e topónimos relacionados
Existen máis topónimos Sobrado: amais deste concello e outro homónimo no Bierzo (León), está presente no nome de 36 lugares das catro provincias galegas e 18 en Portugal, amais de Sobrados en Vila Real (Portugal). Tamén nos derivados Sobradelo (Co2, Ou2, Po5, e seis máis en Portugal) e a forma rematada en -a Sobrada (Cuntis, Po, Ponte de Lima, Portugal). Para esta última, Nicandro Ares propón o plural de (aedificia) superata ‘edificios altos’ ou (villa / ecclesia) superata: 'vila/igrexa en sitio alto, eminente' (Ares_2011). En Portugal tamén se rexistra o diminutivo Sobradinho (Faro, Viseu).
En asturiano, Sobráu; en castelán, Sobrado (Burgos), Soberado (Santander, citado por PensadoLexAsturiana) e o derivado Sobradillo (Zamora, Salamanca). No entanto, Sobradiel (Zaragoza) é un falso cognado de Sobradelo, posto que ten outra orixe.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org