Melide
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimu
Resume xeneral
Do xenitivo MELLĪTI do nome persoal latino Mellītus. O antropónimo latino Mellitus provén do adx. mellitus, -a, -um 'de mel', 'doce como a mel', 'querido', derivado do latín mĕl, mellis 'mel'. Nos repertorios de nomes latinos (KajantoCognomina, p. 284) clasifícano como un nome laudatorio.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
O topónimo designa a localidade e a parroquia que lle dan nome ó municipio e tamén á parroquia veciña de Santa María de Melide. O crecemento do burgo de Melide está ligado ao camiño de Santiago. O concello constituíuse en 1836 con parroquias que pertenceran ás xurisdicións de Abeancos, Boente e Toques, e á da vila de Melide, unha das dezasete vilas da provincia de Santiago no Antigo Réxime (NavazaConcellosCor, páx. 57), baixo a forma castelanizada Mellid. O nome orixinal, Melide, resitituíuse no nomenclátor en 1984.
Información específica d'étimu pa esti topónimu
Joseph Piel (NotasTopGal, páx. 6) afirmaba que "não conhecemos exemplos medievais de MELLĪTUS", polo que consideraba que "se deve explicar como genitivo de BELLĪTUS" e que "Melide está por un antigo Belide, com troca de b- em m-". Pero o certo é que en Galicia está ben atestado, polo menos desde o séc. X ("Militus confirmat" 916, "Melitus confirmat predicti loci" 922 CalendMondoñedo; "terra nostra propria quam habemus de patre nostro Mellitu" 931 TumbSobrado; "Mellitus presbiter" 976 CDLugoCañizares).
Documentación histórica
Vieya y medieval
- "hoc fuit por concilium de uilla Milide factum" s.d. TumbSobrado
- "et venimus inde in sinodum in loco predicto in Melliti" 1074 TSamos
- "metum unam casam in Melide" 1152 DocSobrado
- "casa mea propria quam habemus in burgo que uocatur Melide" 1189 TumbSobrado
- "Dada enna nosa villa de Melide" 1331 DocSMBelv
Moderna
Cognaos y topónimos rellacionaos
Teñen este mesmo nome un lugar na parroquia de San Salvador de Camba (Rodeiro) e outro na de Camporramiro (Chantada).
Na microtoponimia, ademais doutros xerados polas entidades de poboación mencionadas, temos que destacar na parroquia do Hío, en Cangas, unha zona da beiramar chamada Melide, que dá nome á Praia de Melide, O Río de Melide e moitos outros talasónimos como Os Secos do Sinal de Melide, As Laxes do Sinal de Melide e tamén formas cun plural secundario como un baixío chamado As Melides e outras marcas de orientación para os mariñeiros: O Banco das Melides, Suroeste das Melides e Avante das Melides.
Meilide (parroquia de Cerdedo no concello homónimo) podería ser unha variante, por analoxía con outros antropotopónimos de varias orixes que empezan por Mei-: Meilán, Méixome, Meixomín, Meitriz, Meitufe. Outro topónimo Mellide (en Ons, Bueu), recollido como parte de aldea no proxecto Galicia Nomeada, podería ser unha alteración castelanizante de Melide, como sucedeu co topónimo de Rodeiro anteriormente citado, que figurou ata finais do século XX nos Nomenclátores coa forma errada *Mellide.
Non sabemos se Melides, freguesía de Grândola, en Portugal, tamén é un plural secundario de Melide e ten a súa orixe nun antropónimo. Galmés de Fuentes (PluFemMozarabes, páx. 62) considérao un plural feminino en -es, propio dalgunhas voces mozárabes, e remite a uns inexistentes topónimos Melida en Valladolid e Navarra, que en realidade son Mélida. Sobre a etimoloxía do Mélida navarro véxase Mikel Belasko. Toponimia [última consulta: 15/10/23]. Con todo, hai tamén en Portugal unha Capela da Nossa Senhora de Milides (ou Melides), na parroquia de Colares (Sintra), documentada desde o século XII, nos textos máis antigos con formas singulares (Melida, Meljda, Melijda, Mellide, Melide, Melyda), e aínda no século XIV como Melide, como consta nesta transcrición dunha Carta de doação da Quinta de Melides, do Arquivo Municipal de Sintra. Consta para este Melides ou Milides unha etimoloxía popular: Despois da conquista de Lisboa, o rei enviou a Sintra vinte cabaleiros para espiar os mouros, que se retiraran. Ao chegar a Colares, a Virxe aparecéuselles a estes homes e animounos coas súas palabras: "Ide, que mil ides". No lugar erixiuse unha capela para celebrar a posterior vitoria militar.
En última instancia, é moi probable que os topónimos mencionados no anterior parágrafo teñan, coma o noso, orixe remota no latín mĕl, mellis 'mel'.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org