Agolada
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimu
Derivado
Resume xeneral
Do latín āqua lāta 'auga conducida, levada', locución composta polo acusativo de āqua 'auga' e lāta, feminino do participio pasado do verbo fěro 'levar', en relación con canalizacións de auga.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
A pequena poboación que lle dá nome ao municipio, nacida nun cruzamento de camiños quizais non poboado ata o século xviii, empezou a medrar co traslado alí, en 1778, dunha feira que se celebraba a escasos quilómetros. O concello, bautizado coa forma castelanizada (La) Golada, constituíuse en 1835 coa unión dos concellos constitucionais (1812) de Ventosa-Borraxeiros e Basadre. O topónimo restituíuse á forma antiga documentada Agolada en 1985.
Información específica d'étimu pa esti topónimu
A etimoloxía proposta, que considera un segundo elemento lāta, feminino do participio pasado do verbo fĕro 'levar', vén sendo aceptada en Galicia desde MoralejoToponGallega (1976: 316, 335), aínda que contradí a teoría tradicionalmente admitida para os topónimos peninsulares atestados na Idade Media como Aqualata, Aqua Lata, Aqua Lada etc., isto é, os galegos (A) Agolada, Agualada, Augalada, A Golada e Aguada; os portugueses Aguada de Cima e de Baixo (EsboçosSilveira, 1914: 116) e o catalán Igualada (Oncat, 436-438), teoría que consideraba o segundo elemento o feminino do adxectivo latino latus, -a, -um 'ancho, extenso', coma no caso dos compostos con Pedra- (Pedrelada en Fontarón, Becerreá, Lugo; Perlada, en Merlán, Chantada, Lugo; Peralada, Xirona).
Os topónimos Aguada galegos e portugueses, rexistrados nos textos medievais con formas como Agualata, Aqualata, Aqualada e xa en romance Aguaada, entre outras, fannos pensar que, nunha etapa quizais máis antiga, o étimo AQUALATA se sentía como unha única palabra, de aí a caída do -L- intervocálico (cf. SALUTARE > gal. e pt. saudar; es. saludar). Esta idea dunha forma composta lexicalizada explicaría ademais a non palatalización do L- inicial catalán (cf, LUPU > cat. Llop) que xustifica a forma Igualada fronte a topónimos como Estany Llat (lago francés na actual rexión francesa de Occitania, nos Pireneos orientais).
A frecuencia do topónimo en Galicia sumando todas as variantes (nove entidades de poboación e preto de cincuenta paralelos na microtoponimia, aínda parcialmente recollida), a pouca proximidade dos lugares que designan a grandes cursos de auga que merezan a cualificación de 'anchos, abundantes' e a creación dun paralelo romance Auga/Agua Levada, lévannos a manter o étimo de Moralejo.
Tivéronse tamén en consideración outros topónimos da Romania, algúns atestados co mesmo étimo latino Aqualata, explicados como 'auga abundante', pero en que hai constancia de restos de conducións de auga ou acueductos, como os franceses Leis Aigaladas (fr. Les Aygalades; barrio de Marsella), Gualada (fr. Goualade, Gironde) ou os italianos canale Aqualada (Colecchio, Parma) e Fosso di Acqualata (Castiglione d'Orcia, Siena).
A motivación do étimo parece estar en relación con antigas canalizaciones de auga, quizais construídas para labores de minería en época romana, como parece demostrar a paisaxe toponímica.
Documentación histórica
Moderna
- "La feligresia de San Pedro de Ferreiroa tiene una taverna que se llama Agolada" 1752 CME
- "Tiene la feria de La Agolada el 12 de cada mes" 1831 DicGeoTorner (T. III, páx. 607)
- "...parroquia de Sta. María de Bentosa, distrito de Agolada, partido de Lalín" 1845 GalicianaB
- "Golada" 1847 DicMadoz (T. VIII, páx. 437)
Paisax toponímicu de la rodiada
Consonte a idea de que o topónimo podería estar motivado por conducións de auga para a minería, o nome da parroquia onde esta o lugar de Agolada é Ferreiroa (lat. FERRARIA 'mina de ferro' mais o sufixo diminutivo -OLA). A microtoponimia tamén reflicte a actividade de extracción de ferro: A Regueira do Ferro, A Quella do Ferro, O Prado das Escoiras, O Escouredo...
Cognaos y topónimos rellacionaos
O Nomenclátor de Galicia rexistra ademais localidades chamadas A Agolada, A Golada, Agualada, Aguada e, de construción paralela pero de creación xa romance, Augalevada e Agualevada. Tamén o catalán Igualada e, en Portugal, as parroquias de Aguada de Cima e Aguada de Baixo e o lugar de Agolada de Cima e polo menos oito entidades de poboación co nome de Água Levada.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org