Covelo
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Derivado
Resume xeneral
É un diminutivo co sufixo procedente do latín -ellu, seguramente de covo (derivado de cova), referido a unha concavidade ou depresión no terreo.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Concello, parroquia e lugar da provincia de Pontevedra.
Información específica d'étimu pa esti topónimu
Na tradición escrita moderna anterior á reforma do NG (2003), este topónimo, bastante frecuente en Galicia, presentaba as formas gráficas Covelo e Cubelo (na lingua oral tamén se dá a alternancia vocálica). Estas grafías b/v non sempre aclaran a orixe do topónimo, pois tendíase a escribir sistematicamente con <b> cando a vogal o pecha en u, como se comproba no feito de que case non se rexistren as grafías *cuvela, *cuvelo. Casos semellantes desta pechazón danse en subela (< lat SŎBELLU) ou novelo/nuvelo (< lat. NŎVELLU) e outros, que Santamarina (2008: 613) atribúe á posible disimilación entre o /'ε/ e o /u/. O criterio da Comisión de Toponimia á hora de fixar a forma estándar destas formas foi o respecto das formas locais de cada topónimo, se ben se adaptou a ortografía ás correspondentes do vocabulario transparente. Así, as formas Coba pasaron a Cova. E no caso de Covelo, unificouse con esta forma gráfica, agás dous lugares de Carnota (Co).
A devandita alternancia fai que se poida pensar nun derivado de covo (derivado de cova) ou de cubo 'recipiente para líquidos', pero é máis probable que se trate do primeiro, por varias razóns. En primeiro lugar, cubo (derivado de cuba, do lat. cūpa) é moito menos rendible na toponimia (coa posible motivación toponímica de podería ser 'cano que leva a auga da presa ó muíño'); ademais, na maioría dos casos en que se rexistraba Cubel- hai no mesmo concello algunha Cova ou algún Covo, o que apunta a unha relación léxica entre eles. E, para máis abundamento, na documentación antiga (CODOLGA, TMILGa) hai moitas Cova(s), topónimos, Covo (subst.) e -covo (adx.: Vilarcovo, Fontecova, Riocovo, Vilacova...). No que toca ó derivado en -ELLA/U, son numerosos os formados con Covel- no CODOLGA (60) e no TMILGA (17), fronte a só 11 Cubel- no CODOLGA e 1 no TMILGa.
Con respecto ós posibles étimos, o sufixo -ellus pode indicar diminutivo ou replicante. En calquera dos casos, como se indicou antes, seríao probablemente de covo. Con todo, tense apuntado que puido ser tamén unha perduración do indeouropeo *kouos 'oco', que se usaría no norte peninsular. A motivación, en todo caso, parece clara: "Se unha terra é fonda ou ten covas ou ocos ou bóvedas é motivo suficiente para que se lle chame Cova, Covo, Covela, Covelo e unha manchea de derivados máis. Lembremos que a cova en galego non é só, entre outras cousas, a ‘espenuca’, o ‘tobo’ (cast. “madriguera”) senón tamén unha ‘depresión’ no terreo (cast. “hoya”)" (Santamarina 2008: 624). Por outra banda, covo tamén signica 'colmea feita nun tronco furado, trobo', acepción que se presta para nomear un sitio; mais neste caso o étimo sería distinto: o lat. CŎPHĬNU (< cast. cuévano); con todo, non se atopan apoios documentais antigos para esta posibilidade.
Estes topónimos documéntanse desde moi cedo; algún deles están presentes nos textos máis recuados. Pola súa abundancia, é difícil situalos con precisión. Incluímos a seguir algúns dos localizados (en certos casos con dúbidas) por Antón Santamarina no seu estudo sobre esta familia de topónimos:
- Covello 572 ESagrada
- Covello 945 TSobrado ?Palas/Covelo
- Covelo 1155 CDOseira Carballiño/Partovia
- Covelo 1164 TCelanova Taboadela/Taboadela
- Couello 1194 ?Cambre/Pravio
- Covelo 1207 DocAsadur Paderne de All./Coucieiro
- Covelo 1226 TSobrado ?Ortigueira/Couzadoiro
- Covelo 1282 DocCatOurense ?Irixo/Froufe
Documentación histórica
Vieya y medieval
- "prelatus de Sante Marine de Covello" a.1298 CDMelón
- "Sancta Maria de Covello" 1329 DocTui [parroquia de Covelo, hoxe coa advocación santa María)
- "leeram a dita carta en Sanctiago de Covelo" 1329 DocTui [parroquia de Covelo, hoxe coa mesma advocación]
- "Martín Pérez de Covello" a.1337 DocTui
- "Sancti Iacobi de Covelo" 1362 TuiConfirmações
Moderna
- "COBELO: ayunt. en la prov. de Pontevedra (6 leg.), part. jud. de Cañiza (1), dióc. de Tuy (5), aud. terr. y c. g. de la Coruña (26): sit. á las inmediaciones del r. Tea, en terreno montuoso, con buena ventilación y clima saludable. ... Pobl.: 1,512 vec., 5,530 almas." DicMadoz
Paisax toponímicu de la rodiada
Outros topónimos relacionados con 'concavidade' no mesmo concello (mencionados tamén nos cognados): dous Coveliño, un na parroquia de Prado e outro na de Santiago de Covelo e Covilloas (na parroquia de Godóns) é derivado de COVICŬLA co sufixo -ONAS.
Cognaos y topónimos rellacionaos
Ademais do concello pontevedrés de Covelo, e varias parroquias con estes nomes, hai lugares Covelo e O Covelo (Co17, Lu8, Ou10, Po11), Cubelo (Co1), Covelos e Os Covelos (Co1, Po2). E o composto Portocubelo (Carnota, Co). A pronuncia non sempre é a mesma, pois hai algúns topónimos que presentan metafonía (cerre da vogal tónica por influxo do -o final). Así, [koˈβɛlo̝] en Covelo e Palas de Rei; [koˈβelo̝] na Lama e Viana do Bolo.
O feminino pode ser derivado do adxectivo covo, en concordancia cun referente dese xénero, ou do substantivo cova: Covela e A Covela (Co3, Lu8, Ou1, Po1), Covelas e As Covelas (Co1, Lu3, Ou5).Nestes casos a pronuncia sempre é aberta, /ɛ/.
As formas femininas tamén deixaron apelidos: Covela, Cobela, Cubela, Covelas, Cobelas e Cubelas.
Derivados:
- (O) Coveliño (Ribeira, O Covelo, Boiro)
- (A) Coveliña (As Pontes de García Rodríguez, Co, Ramirás, Ou), Coveliñas (Ramirás, Ou).
- Covillón (Xermade, Lu), derivado de COVICŬLU co sufixo -ONE.
- Covilloas (Covelo), derivado de COVICŬLA co sufixo -ONAS.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org