Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptastan

Covelo

Covelo

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Lugar
Concello
Parroquia
Idioma do topónimo
Galego

Derivado

CŎVA » -ĔLLA, -ĔLLU

Resumo xeral

É un diminutivo co sufixo procedente do latín -ellu, seguramente de covo (derivado de cova), referido a unha concavidade ou depresión no terreo.

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

Concello, parroquia e lugar da provincia de Pontevedra.

Información específica de étimo para este topónimo

Na tradición escrita moderna anterior á reforma do NG (2003), este topónimo, bastante frecuente en Galicia, presentaba as formas gráficas Covelo e Cubelo (na lingua oral tamén se dá a alternancia vocálica). Estas grafías b/v non sempre aclaran a orixe do topónimo, pois tendíase a escribir sistematicamente con <b> cando a vogal o pecha en u, como se comproba no feito de que case non se rexistren as grafías *cuvela, *cuvelo. Casos semellantes desta pechazón danse en subela (< lat SŎBELLU) ou novelo/nuvelo (< lat. NŎVELLU) e outros, que Santamarina (2008: 613) atribúe á posible disimilación entre o /'ε/ e o /u/. O criterio da Comisión de Toponimia á hora de fixar a forma estándar destas formas foi o respecto das formas locais de cada topónimo, se ben se adaptou a ortografía ás correspondentes do vocabulario transparente. Así, as formas Coba pasaron a Cova. E no caso de Covelo, unificouse con esta forma gráfica, agás dous lugares de Carnota (Co).

A devandita alternancia fai que se poida pensar nun derivado de covo (derivado de cova) ou de cubo 'recipiente para líquidos', pero é máis probable que se trate do primeiro, por varias razóns. En primeiro lugar, cubo (derivado de cuba, do lat. cūpa) é moito menos rendible na toponimia (coa posible motivación toponímica de podería ser 'cano que leva a auga da presa ó muíño'); ademais, na maioría dos casos en que se rexistraba Cubel- hai no mesmo concello algunha Cova ou algún Covo, o que apunta a unha relación léxica entre eles. E, para máis abundamento, na documentación antiga (CODOLGA, TMILGa) hai moitas Cova(s), topónimos, Covo (subst.) e -covo (adx.: Vilarcovo, Fontecova, Riocovo, Vilacova...). No que toca ó derivado en -ELLA/U, son numerosos os formados con Covel- no CODOLGA (60) e no TMILGA (17), fronte a só 11 Cubel- no CODOLGA e 1 no TMILGa.

Con respecto ós posibles étimos, o sufixo -ellus pode indicar diminutivo ou replicante. En calquera dos casos, como se indicou antes, seríao probablemente de covo. Con todo, tense apuntado que puido ser tamén unha perduración do indeouropeo *kouos 'oco', que se usaría no norte peninsular. A motivación, en todo caso, parece clara: "Se unha terra é fonda ou ten covas ou ocos ou bóvedas é motivo suficiente para que se lle chame Cova, Covo, Covela, Covelo e unha manchea de derivados máis. Lembremos que a cova en galego non é só, entre outras cousas, a ‘espenuca’, o ‘tobo’ (cast. “madriguera”) senón tamén unha ‘depresión’ no terreo (cast. “hoya”)" (Santamarina 2008: 624). Por outra banda, covo tamén signica 'colmea feita nun tronco furado, trobo', acepción que se presta para nomear un sitio; mais neste caso o étimo sería distinto: o lat. CŎPHĬNU (< cast. cuévano); con todo, non se atopan apoios documentais antigos para esta posibilidade.

Estes topónimos documéntanse desde moi cedo; algún deles están presentes nos textos máis recuados. Pola súa abundancia, é difícil situalos con precisión. Incluímos a seguir algúns dos localizados (en certos casos con dúbidas) por Antón Santamarina no seu estudo sobre esta familia de topónimos:

  • Covello 572 ESagrada
  • Covello 945 TSobrado ?Palas/Covelo
  • Covelo 1155 CDOseira Carballiño/Partovia
  • Covelo 1164 TCelanova Taboadela/Taboadela 
  • Couello 1194 ?Cambre/Pravio 
  • Covelo 1207 DocAsadur Paderne de All./Coucieiro
  • Covelo 1226 TSobrado ?Ortigueira/Couzadoiro
  • Covelo 1282 DocCatOurense ?Irixo/Froufe 

 

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "prelatus de Sante Marine de Covello" a.1298 CDMelón
  • "Sancta Maria de Covello" 1329 DocTui [parroquia de Covelo, hoxe coa advocación santa María)
  • "leeram a dita carta en Sanctiago de Covelo" 1329 DocTui [parroquia de Covelo, hoxe coa mesma advocación]
  • "Martín Pérez de Covello" a.1337 DocTui
  • "Sancti Iacobi de Covelo" 1362 TuiConfirmações

Moderna

  • "COBELO: ayunt. en la prov. de Pontevedra (6 leg.), part. jud. de Cañiza (1), dióc. de Tuy (5), aud. terr. y c. g. de la Coruña (26): sit. á las inmediaciones del r. Tea, en terreno montuoso, con buena ventilación y clima saludable. ... Pobl.: 1,512 vec., 5,530 almas." DicMadoz

Paisaxe toponímica próxima

Outros topónimos relacionados con 'concavidade' no mesmo concello (mencionados tamén nos cognados): dous Coveliño, un na parroquia de Prado e outro na de Santiago de Covelo e Covilloas (na parroquia de Godóns) é derivado de COVICŬLA co sufixo -ONAS.

Cognados e topónimos relacionados

Ademais do concello pontevedrés de Covelo, e varias parroquias con estes nomes, hai lugares Covelo e O Covelo (Co17, Lu8, Ou10, Po11), Cubelo (Co1), Covelos e Os Covelos (Co1, Po2). E o composto Portocubelo (Carnota, Co). A pronuncia non sempre é a mesma, pois hai algúns topónimos que presentan metafonía (cerre da vogal tónica por influxo do -o final). Así, [koˈβɛlo̝] en Covelo e Palas de Rei; [koˈβelo̝] na Lama e Viana do Bolo.

O feminino pode ser derivado do adxectivo covo, en concordancia cun referente dese xénero, ou do substantivo cova: Covela e A Covela (Co3, Lu8, Ou1, Po1), Covelas e As Covelas (Co1, Lu3, Ou5).Nestes casos a pronuncia sempre é aberta, /ɛ/.

As formas femininas tamén deixaron apelidos: Covela, Cobela, Cubela, Covelas, Cobelas e Cubelas.

Derivados: 

  • (O) Coveliño (Ribeira, O Covelo, Boiro)
  • (A) Coveliña (As Pontes de García Rodríguez, Co, Ramirás, Ou), Coveliñas (Ramirás, Ou).
  • Covillón (Xermade, Lu), derivado de COVICŬLU co sufixo -ONE.
  • Covilloas (Covelo), derivado de COVICŬLA co sufixo -ONAS.
Ana Boullón:  "Covelo", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 25-06-2025].
Data: 24/06/2025
7233
no-portugues

Coordenades:-8.3632 42.2314

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
koˈβɛlo̝
Provincia
Pontevedra
Poboación (INE)
Sen datos

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

Covelán, covelá

Pseudoxentilicio(s)
Sen datos

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Covelo
1653 ocurrencias
Fonte: CAG

O concello pontevedrés foi posiblemente o foco máis produtivo do apelido Covelo, aínda que non se pode descartar que houbese outros focos, xa que hai máis dunha ducia de lugares así chamados.

Covelo
Apelido
Cobelo
615 ocurrencias
Fonte: CAG
Cobelo
Apelido
Cubelo
64 ocurrencias
Fonte: CAG

Pola distribución actual dos seus portadores, parece que o principal foco de expansión foi o lugar homónimo da parroquia de San Mamede de Carnota.

Cubelo
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Santamarina, Antón (2008): “Covelo, Covela, Cubelo, Cubela'. Un problema gráfico e etimolóxico”, en E. Corral Díaz / L. Fontoira Suris / E. Moscoso Mato (eds.), A mi dizen quantos amigos ey: Homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 609-629.

Sinaturas

Redacción: Ana Boullón

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-