ULIA
Derivado da raíz hidronímica indoeuropea *wel ‘facer xirar’, cunha terminación –ia habitual en nomes prerromanos de ríos (Avia, Navia, Limia, Umia, etc). A partir dunha forma Volia citada por Afonso III no ano 906 e tendo en conta Ulla citada por Pomponio Mela no séc. I e as moi abundantes Ulia medievais (desde o séc. VI), Bascuas_1999 reconstrúe un étimo *Wŭlia, cun tema wŭl correspondente coa raíz *wel de Pokorny, difundida en moitas linguas europeas (presente, por exemplo, no latín volvo 'dar voltas') e con diversas especializacións semánticas de carácter hidronímico, sobre todo en linguas xermánicas e balto-eslavas.
A partir desa forma etimolóxica produciuse a vocalización do V- inicial (con paralelos no navarro Ullate e no catalán Oluges), e a abertura esperable do /ǔ/ que se advirte en Volia sucédelle a pechazón en /u/ por inflexión do iode (coma no hidrónimo portugués Ul). Outros topónimos terían evolución diverxente desta raíz, con consonantización do W-: os galegos Bollo, Bullón/Bullor e os portugueses Bulha, Bulhas, Bulho, Bulhão, entre outros.
Pola súa parte, Búa_TopPrel (p. 218) considera que Ulla e os seus derivados (Ulloa, Ulló) son hidrónimos propios da costa occidental galega.
Redacció: Ana Boullón