CAMĂRA
Do lat. vg. CAMĂRA (lat. CAMĔRA) ‘bóveda’, e este do gr. καμάρα ‘bóveda’, ‘cuarto abovedado’ (DCECH s.v. cámara); despois adquiriu tamén o significado 'cuarto, dormitorio' (DDGM, s.v.). Deu lugar a varios topónimos peninsulares, como o gal. A Cámara (Boal, Asturias); con diversos sufixos diminutivos: esp. Camarillas (Teruel, Málaga), gal. A Camariña (Lugo), cat. Camaretas (Las Palmas), ast. El Camarón, La Camarina, Sucamarín (microtopónimos citados por GarcíaToponAst); en composición: cat. Camarasa (OnCat s.v. Camarasa). A existencia destes topónimos no interior fan pór en dúbida a relación de Camariñas (Coruña), situada na costa noroccidental de Galicia coa planta mariña, aínda que non pode descartarse totalmente (véxase CARAMINA).
Para diversos topónimos cataláns (Camarell, Camarelles, Camaró...) Corominas propón o árabe quamar 'lúa' como alternativa aos resultados mozárabes do lat. CAMĔRA (OnCat s.v. Cámara).
En español existiu un derivado popular cambra, hoxe "desusado" (DRAE), pero non parece que deixase mostras na toponimia maior. No Nomenclátor do INE só se recolle o galego e portugués A Cambra, que non ten nada que ver coa voz latina (como demostran as atestacións medievais dos distintos lugares: Calambria/Caambria... Cambar/Cambara...), senón que ten orixe prerromana (MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina).
Erredakzioa: Ana Boullón