Ir o contido principal
inicio
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptast

*LAVALIU

*LAVALIU

Prerromano
Hidronimia

Posiblemente da raíz hidronímica lou-, lou̯ə- 'lavar' (IEW), que orixinou tamén o verbo latino lavare. A terminación está presente noutros topónimos prelatinos como Torallo, Briallo(s). Na toponimia peninsular hai varios nomes de lugar que poderían ter esta orixe: gal. Lavallo, Navallo, ast. Llavayos, Navayu, Navachos, arag. Navallo,  cat. Navall, cast. Sinlabajos; téñase en conta que varios dos topónimos que hoxe presentan N- rexistran L- na documentación histórica. A mesma raíz sería compartida con LAVANDARIA. Para algúns deses topónimos tamén se ten considerado un étimo prerromano NAVA.

Por outro lado, en diversas ocasións propúxose para estes topónimos un étimo romance. Para o catalán, Coromines propón o lat. cl. LAVACRUM 'rentador', 'safareig', 'bassa d'aigua”', a través da forma *LAVACLU do lat. vulgar. A variante con N- deberíase a unha disimilación “l-l > n-l quan allí encara sonava laval֢o”, apoiada pola contaminación co radical nava (OnCat s.v.). Para o topónimo cast. Sinlabajos tamén se ten proposto un étimo romance, derivado do latín lavar (vid. LAVAJO). Para o port. Lavajo do Alentejo, seguramente castelanismo, J. M. Piel propón o latín *LAVACŬLU ‘lugar onde se lava”, de formación semellante a cenacŭlum, pugnacŭlum, habitacŭlum, etc. (PielAguasTop).

Fronte a estas hipóteses, existen obxeccións desde o punto de vista semántico e morfolóxco. E. Tuttle_1975 (37-43), que considera o italiano lavacchio cognado do español (tamén significa 'lugar húmido, charco'), obxecta que este sufixo non indica normalmente lugares, nin é habitual o uso de derivación despectiva na toponimia. Por esa razón, no contexto da formación de palabras no latín tardío, *LAVAC'LUM non pode considerarse derivado directo de lavar. Se é un substituto tardío no latín falado de LAVACRUM, como propón Coromines, é rechamante porque -CRUM xurdiu precisamente pola reticencia dos falantes a que un -l- na raíz verbal precedese a outro -l- no sufixo (cf. ambulacrum 'lugar para camiñar', de ambulare). O procedemento máis habitual foi a utilización doutros sufixos instrumentais: coperculum > copertorium, ventilabrum < ventilatorium. De todos os xeitos, Tuttle considera posible que, dada a polisemia do sufixo  -CŬLU, si sería posible esa transformación. E a formación do esp. lavajo debeu propiciar navajo na voz semánticamente adxacente nava 'terra baixa', 'pantano'.

En todo caso, a estas obxeccións morfolóxicas súmaselle o feito de que as atestacións medievais galegas nunca se representan co sufixo -CŬLU, o que implica que os escribas, habituados a utilizalo como diminutivo (ribusculus, arbusculus, corpusculu…) non o recoñeceron nestas palabras. Estas dificultades solvéntanse se se considera unha forma de substrato, previa ó latín, con cruce semántico coas formas latinas.

Sinaturas

Redacción: Ana Boullón

Ana Boullón:
" *LAVALIU ",
en Toponomasticon Hispaniae, proxecto financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org
Data: 15/04/2025

Topónimos vinculados a este étimo

Galego

Lugo
Navallos
Ministerio de ciencia
Xunta de Galicia
Instituto da Lingua Galega
UPNA
UAM
Universidad de Zaragoza

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-