Trabada
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Derivado
Resumo xeral
Do latín tabǔlāta, 'pequena construción feita con táboas'.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
A constitución de Trabada como concello enmárcase no primeiro terzo do século XIX. As oito parroquias que abrangue na actualidade (A Fórnea, A ría de Abre, Sante, Trabada, A Valboa, Vidal, Vilaformán e Vilapena) veñen de tres xurisdicións (Sante, Trabada e Vilaformán) e outros coutos da antiga provincia de Mondoñedo (Fórnea, Valboa e Vidal). A actual freguesía de Santa María de Trabada foi primeiro couto real e despois couto xurisdicional ata o ano 1840. O que se coñecía por Administración das Ribeiras de Sante englobaba un territorio vasto e rexía os territorios de Ribadeo (convento e colexiata de Santa Clara), Couxela, Vilausende, Covelas, Cedofeita, Piñeira e Vilaselán, así como as terras de Castropol e as citadas do concello de Trabada. A xurisdición de Vilaformán estaba composta polas parroquias de Vilaformán, A Vilapena e Vilaouruz (na actualidade do concello da Pontenova). Ao mesmo tempo, pertencen á antiga provincia de Mondoñedo os coutos de Valboa (en que exercía o Señorío don Carlos de Oia), Santo Estevo de Fórnea (da xurisdición de Vilanova de Lourenzá) e San Mateo de Vidal (MarquésValea_2004 e MarquésValea_2018).
Información específica de étimo para este topónimo
O topónimo rexístrase desde o séc. VIII coa forma Tabulata; de aí Tablata > Tabrada > Tavrada e finalmente Trabada. Constitúe unha evolución alternativa a Taboada (véxase). A atestación Triavada de 969 é posiblemente unha falsa latinización do copista, como apuntan o restos das documentacións; ademais, a evolución do latín tria vada é Triabá (Castro de Rei, Lu).
Documentación histórica
Antiga e medieval
- Diploma Silonis regis: "et per alia petra ficta qui stat in montem super Tabulata" 775 DocsMSalazar, pp. 784-799, CDCatedralLeón 1, pp. 3-5
- "In Triavada hereditata et ecclesia Sancta Maria integra" 969 TLourenzá, p. 23
- "Sancte Marie de Travada" 1038-1047 TVelloLugo, pp. 220-221
- "Sanctam Mariam de Tabulata subtus montis Capanella" 1085 TLourenzá, pp. 195-196
- "villar de Tablata " 1131 TLourenzá, pp.46-47
- "villa de Tablada" 1131 TLourenzá, pp.46-47
- "Eu, Roy Torto, natural do couto de Meira, morador que son en Taurada" 1381 CDVilourente, p. 175
- "Testemonyas que estavan presentes: Pero de Travada" 1406 CDVilourente
- "Diego Alvares de Trabada" 1421 CDSDomingosViveiro, p. 65
Moderna
Cognados e topónimos relacionados
En territorio galego existen cognados, algúns coa mesma evolución:
- Lugares: A Trabada (Alfoz, Lu)
- Son derivados: Trabadela (lugar na Estrada, Po; Trabada, Lu); Trabadelo (lugar en Navia de Suarna, Lu),
e outros con variacións evolutivas:
- A Taboada (lugar en Val do Dubra, Co), Taboada (concello en Taboada, Lu; e lugar en Carballo, Co; Cesuras, Co; Ferro, Co; Monfero, Co; O Pino, Co; Taboada, Lu; Silleda, Po; Vila de Cruces, Po), Taboada Vella (lugar en silleda, Po), Taboada dos Freires (Taboada, Lu),
- Derivados: Taboadela (lugar en Muíños, Paderne de Allariz e Taboadela, Ou), Taboadelo (lugar en Forcarei, A Lama, Ponte Caldelas, Po).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org