Castrelo de Miño
Tipologia ou caracterização geográfica
Étimo
Derivado
Resumo geral
De CASTRELLU, diminutivo do latín castru co sufixo -ellu, e o nome do río Miño, este de Minei, de orixe prelatina, talvez da raíz indoeuropea *mei- 'andar, camiñar'.
Aspetos geográficos, históricos, administrativos
O actual municipio está constituído polos antigos coutos de Astariz e Prado do Miño e polas xurisdiccións de Vide de Miño, Macendo e parte da de Ponte Castrelo do Miño, en concreto dúas parroquias atestadas no Antigo Réxime como Castrelo ou coa forma castelanizada Puente Castrelo e que só se distinguían polas advocacións de Santa María (a que corresponde hoxe a Castrelo de Miño) e Santo Estevo (Ponte Castrelo). A actual parroquia de Barral é de creación recente e non figura nos nomenclátores ata o de 1960.
No século XVIII, no dicionario de Madoz, o concello e as dúas parroquias mencionadas figuran co nome de Castrelo de Miño, polo que os nomes destas debían alternar entre Castrelo de Miño e Ponte Castrelo. Sobre a ponte que lle deu nome á xurisdición e á actual parroquia de Ponte Castrelo, dise no dicionario de Madoz que foi construída na época de Pedro González Telmo (bispo de Tui no séc. XIII), "que vivió en sus inmediaciones",que constaba de oito arcos e que a destruíu unha nogueira que quedou atascada nun dos seus arcos durante unha enchente [DicMadoz, s.v. Castrelo de Miño (Sta. María)].
Informação específica de étimo para este topónimo
Nas atestacións máis temperás, en latín, o topónimo rexístrase como Castelo de Mineo ~ Castello de Mineo, co primeiro elemento na variante sen <r> castellu, de onde a voz común galega e portuguesa castelo, cast. castillo, cat. castell, ast. castiellu, le. castiello e arag. castiello e castell.
Documentação histórica
Antiga e medieval
- "hereditatem nostram quam habemus in Castelo de Mineo" a.1211 CDMelón
- "Castello de Mineo" a.1222 CDMelón
- "in cellario meo de Castrello et de Ripa Aviae" a.1213 CDLugoCañizares
Moderna
- "feligresía de Santa María de Castrelo, jurisdición del mismo nombre" a.1762 CCME-Castrelo de Miño
- "Libro personal de legos de la feligresía de Santa María de Puentecastrelo" a.1762 CCME-CastrelodeMiño
- "CASTRELO DE MIÑO; ayuntamiento en la prov. y dióc. de Orense" a.1847 DicMadoz
Cognatos e nomes de lugares relacionados
Ademais de localidades chamadas Castrelo e Castrelos, tamén hai en Galicia outros compostos como Castrelo do Val, Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, Castrelo de Arriba, Entrecastrelos, Penacastrelo, e os derivados Castreliños e Castrillón. O nomenclátor de Portugal recolle o lugar e parroquia de Castrelos e o lugar de Ponte Castrelos, no concello de Braganza.
No resto da Península encontramos Castrillo, máis frecuente en compostos, en Burgos, León, Palencia, Santander, Segovia, Valladolid e Zamora. Tamén os derivados Castrillino en León; Castrillejo en Palencia; e Castrillón en Asturias.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org