Bande 1
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimu
Resume xeneral
Probablemente procede dunha forma prerromana, quizais da raíz hidronímica indoeuropea *aw(e)-, ‘humedecer, mollar, fluír’.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
O nome do concello de Bande procede do da parroquia; tamén o é da vila, do arciprestado da diocese de Ourense, que coincide co municipio de Bande e Lobeira. Conta con augas termais e foi sede dun campamento romano, chamado Aquis Querquennis, do que se conservan restos, hoxe medio asulagados polo encoro das Conchas (1944).
Información específica d'étimu pa esti topónimu
A etimoloxía de Bande foi posta en relación co teónimo Bandi, Bandue, amplamente documentado en inscricións galaico-lusitanas. E a orixe deste relacionouse coa raíz indoeuropea *Bhendh- «atar» ou a raíz *band-, emparentada, entre outras, co irlandés banna / bainne «gota» e buinne «manancial» ou por un composto do celta ban 'muller' e dia 'deusa' (Pedrero_1999).
A principal obxección a esta proposta é que as formas medievais do topónimo ourensá presentan consistemente a forma Vanate, o que obriga a descartala. Dado que está amplamente documentado como hidrónimo antes de designar un núcleo de poboación e territorio, Bascuas_2014 propón un derivado da raíz hidronímica indoeuropea *aw(e)- ‘humedecer, mollar, fluír’, a través dun tema *Wanăti- "emparentado co lit. vanduõ, vándenį ‘auga’. A raíz destas formas lituanas é *wa-n-d con -n infixo coma no ai. undáti ‘brotar, mollar’ ou no lat. unda ‘onda’, en alternancia con ai. udán ‘auga’, gót. watō (de *wod ) ‘auga’, ingl. water, rus. voda (vodka, propiamente ‘auguiña’, §29). Á vista destes feitos, o noso hidrónimo pode explicarse como un tema en i *Wa-n-ă-ti , con /a/ na raíz correspondente a /o/ en linguas de cinco vogais, -n- infixo, -ă- anaptíctico e -t- novamente en alternancia coa sonora do lit. vanduõ e demais correspondencias aducidas" (§50.1).
Por outro lado, a súa terminación en -e fai pensar nunha posible orixe nun nome persoal, a partir dun xenitivo da segunda declinación. Pero non documentamos ningún antropónimo *Vanatus (ou forma semellante).
Documentación histórica
Vieya y medieval
- "Sorica [río Sorga] et Vanate" 949 TCelanova
- "discurrente rivulo Vanate" 998, 1025 TCelanova
- "in territorio Limie secus fluvium Limie, inter Vanate et Sallare [río Salas]" 1062
- "fmonasterio de Porcaria in villa de Ruivales iusta fluvio Vanate 1074 TCelanova
- "Sancto Petro de Vanade" 1031 TCelanova
- "territorio de Vanate circa ecclesiam Sancto Petro" 1036 CDCelanova
- "ecclesia sancto Petro de Vanate" 1065 TCelanova
- "eclesie sancto Iacobo discurrente rivulo Vanade" 1067 TCelanova
- "terra de Vanate" 1077 TCelanova
- "territorio Vanade" 1104 TCelanova
- "Gil Fernández da Vande" 1437 DocDevOurense
- "ena aldea de Coruelle, en terra de Vaande" 1451 DocDevOurense
- "Diego do Ribeyro, juez de terra de Vaande" 1488 DocDevOurense
Moderna
- "felegresía de San Pedro de Vade" 1553 (Archivo de la Real Chancelería de Valladolid) PARES
- "la tierra de Bande" 1589 (Archivo de la Real Chancelería de Valladolid) PARES
- "Vande y Celanoba. ... concejo y vezinos de Vande" 1610 (Archivo de la Real Chancelería de Valladolid) PARES
- "partido y juriscdcción de Vande" (Archivo de la Real Chancelería de Valladolid) 1613(1614) PARES
- "Feligresía de san Pedro de Vande. ... En el lugar de Villameá, feligresía de san Pedro de Bande" 1753 CME-Bande
- "BANDE: ayunt. en la prov. y dióc. de Orense (6 leg.) de la aud. terr. y c.g. de la Coruña (24). ... Pobl.: 1.343 vec., 6.715 alm. BANDE.: ant. jurisd. en la prov. de Orense. ... BANDE: part. jud. de entrada en la prov. y dióc. de Orense. ... comprende 6 ayunt. ... BANDE (San Pedro de): felig. en la prov. y dióc. de Orense (6 leg.), part. jud. y ayunt. de Bande, de los que es cap." 1847 DicMadoz
Cognaos y topónimos rellacionaos
Pese a homonimia actual, os topónimos Bande de Láncara (Lu) e o seu composto Bande Susaos non ten que ver co ourensán, pois atéstase con B- etimolóxico:
Hai un lugar chamado Bandebó en Cambre (Co), que posiblemente é un composto de Bande co adx. bo. E tamén os derivados Bandelo (Lugo e Outeiro de Rei, Lu), que portan o sufixo diminutivo -ELLU. Pero, ao carecermos de atestacións medievais destas formas, non podemos saber a cal das raíces mencionadas se deben adscribir.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org