*CARĂMA
A planta caramiña (gal.), camarinha (port.) e camarina (cast.) designa a Corema album, "Planta arbustiva moi ramificada, con talos de ata un metro de altura, flores rosáceas e froito en drupa de cor branca ou rosada, propia das dunas e lugares areosos” (DRAG). É unha planta exclusiva de areais do litoral atlántico: Galicia, Portugal e Huelva. En galego deu lugar ao topónimo Camariñas e, co derivado -ale, a Caramiñal; en portugués, a Caraminha e, co sufixo -eira, a Caraminheira.
O étimo é controvertido. J. M. Piel_1968 revisou as propostas feitas ata o momento, comezando coa de Martín Sarmiento (OELG), quen propuxo Erica marina ‘brezo marino’ (“Carta sobre a orixe e formación da lingua galega”). O estudoso alemán recoñece o enxeño desta proposta, pero pon de relevo varias dificultades: por un lado, a planta non é ericácea, senón empetácea; por outro, a voz erĭca só se atestou ata o momento en calabrés (erga); e, finalmente, a contracción erica-> ca- parece algo forzada. Corominas rexeita tamén a proposta de Sarmiento, con argumentos similares: a rareza da palabra erice e as dificultades fonéticas desa evolución (DCECH s.v. cámara). Así e todo, Piel deixa aberta a posibilidade de que o froito da Corema xa fose coñecido en círculos boticarios en época romana, onde sería posible a forma *camarina a partir de erĭca marina. Ademais, marinus xa ten sido utilizado para identificar un froito, coma no romanés cerasa marina ‘froito do érbedo’. Outras posibilidades etimolóxicas que explora Piel son unha cidade chamada Camarina na costa suroeste de Sicila (pero parece difícil de xustificar una conexión entre esta illa mediterránea e o nome da planta do Atlántico occidental) e comarus, unha das designacións latinas para o Arbutus (pero é difícil de crer que se confundan dous froitos tan diferentes). Para J. M. Piel, a outra alternativa a estas propostas é a prerromana, dada a frecuencia desta orixe etimolóxica nos fitónimos (cf. o galego carballo, amieiro, etc.).
Corominas (1976) supúxolle nun principio orixe prerromana: unha formación cun prefixo kat-, variante de cant-, do ide. kṃta- ‘cara abaixo’: kat-mar-ī-na ‘a de abaixo, ao mar’ (hipótese rebatida por MoralejoLasso_1978). Non obstante, na última edición do seu dicionario (1980), Corominas inclúe a planta dentro dos derivados do latín vg. CAMĂRA, do clásico CAMĔRA, de procedencia grega, onde significaba 'bóveda', cuarto abovedado' “en el sentido de ‘lugar u objeto cerrado’” (DCECH s.v. cámara); con todo, en nota segue dando como "probable" a orixe céltica ou sorotáptica.
Aínda que foneticamente o latín CAMĂRA non presenta problemas para dar lugar a caramiña/caraminha/caramina (con metátese e sufixo -INU), non se explica como a partir deste significado pode orixinarse unha acepción fitonímica, porque a voz común designa inequivocamente a planta. Piel_1968 tamén lle encontraba a mesma obxección semántica. De maneira que, se ben os topónimos do interior si parecen remontar ao étimo latino, é máis difícil xustificalo no caso da planta mariña, que sen dúbida deu lugar a Caramiñal, e tal vez ao concello coruñés Camariñas, tamén situado no litoral.
Retomando a proposta de Piel_1968 dunha orixe prerromana, cómpre citar un traballo de Johannes Hubschmid_1959 onde estuda unha serie de formas con raíz similar en diferentes áreas da península ibérica e en certas pólas do céltico insular. Conclúe propoñendo unha raíz indoeuropea *kar(r)- 'cuncha dura' , que tería orixe nunha anterior *karr- 'pedra' (cf. *kar-3 IEW), e que daría lugar a grupos de formas das seguintes áreas semánticas: a) cunchas de animais, nomes de moluscos, embarcacións (entre as que se poderían encontrar gal. e cast. caracol, gal. caramecha, caramuxo, vasco karramarro 'caranguexo'), b) pel de froitos, brácteas, acios, escamas, costra (e aquí situaríase o gal. caramiña/port. camarinha/cast. camarina, gal. carabuña 'óso dalgunhas froitas') e, finalmente, c) xeo, xeada, pingueira (gal. carazo/carouxo 'xeada', esp. carámbano, gal.caramelo/carambelo 'xeo que colga ó conxelarse a auga que cae'. Aínda que Hubschmid acepta a proposta de Corominas sobre a orixe latina para esta voz, parece que o conxunto dos datos apunta a unha orixe prerromana.
Nesta liña abunda o estudo de Edelmiro Bascuas_amba, quen propón para cárama 'xiada' (Burgos, Palencia, citada por Corominas) o étimo proparoxítono *KARĂMA, coa raíz *kar- 'duro, pedra' (presente tamén en voces como carambo) e o mesmo sufixo intensivo ou superlativo recoñecido en Uxama > Osma. Nesta voz cárama pode subxacer unha idea de '(auga) petrificada', "pero quizá sea preferible la da 'duro, áspero', 'costra', presente en varios derivados de la raíz indoeuropea *kar-, como el címr. crach 'costra'. Cualquiera de estos matices semánticos es adecuado y no parece posible una precisión mucho mayor" (p. 95).
Por tanto, parece que a voz común caramiña e os seus derivados toponímicos se deben incluír dentro desta extensa familia de palabras de orixe prerromana indoeuropea, que contaría con sufixación romance (o diminutivo -INA e o colectivo -ALE).
Con esta mesma raíz, véxanse os étimos *CARAMBA, *CARNOTA.
Redacción: Ana Boullón