Serra do Faro
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Resumo xeral
De serra (lat. SERRAM), a preposición de e Faro (lat. PHARUM), o monte máis alto da dita serra.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
A Serra do Faro é limítrofe entre as provincias de Lugo e Pontevedra. O monte Faro, a elevación maior con 1187 m, está declarado zona de especial conservación, e divide os concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra); desde el divísase territorio das catro provincias de Galicia. Este monte Faro, que lle dá nome á serra, chamouse na Idade Media Navego, denominación tamén dun arciprestado ata finais do séc. XIX:
- "protenditur ad montem Navego" 572 RiscoESagrada40
- "subtus monte Navego, discurrente ribulo Arnego" 1152 FVianaDozón
- "Do mordemádego de Navego" 1473 LTPOseira
- "mitad de los frutos y rentas del arciprestazgo de Navego" 1541 AHUS
Co nome de Faro xa era coñecido polo menos desde Madoz (DicMadoz, vol. VIII, páx. 23).
Información específica de étimo para este topónimo
Faro é a denominación que reciben non só os farois que se colocan preto da costa para alertar os mariñeiros e navegantes, senón tamén os lugares altos onde se prendía lume para facer sinais de aviso visibles a distancias longas.
Paisaxe toponímica próxima
O Farelo é un monte na mesma serra e recibiu o seu nome como réplica do monte Faro. O monte Farelo chamábase na Idade Media Summio.
Cognados e topónimos relacionados
Hai en Galicia unha parroquia e oito localidades chamadas (O) Faro ou que conteñen a palabra (Montefaro, O Faro de Estaca de Bares) pero, polo concellos onde están localizadas, case todos na ribeira do mar (os coruñeses de Ares Mañón, Oleiros, Ortigueira, Ribeira, Valdoviño e o lugués de Viveiro), han ten como motivación os faros mariños e os microtopónimos Monte Faro de Domaio e Viveiro. Coma o topónimo desta entrada, lonxe do mar está o lugar chamado O Faro (Buxán, Rois, Co), do mesmo xeito que o microtopónimo O Faro de Avión, nome dun monte (e serra) pontevedrés, entre os concellos de Avión, Carballeda de Avia e Melón.
É diminutivo deste topónimo o xa mencionado monte Farelo.
Hai un lugar denominado Faro en Peranzais (oficialmente Peranzanes, León), zona de fala galega; tamén Faro de Arriba y Faro de Abajo (Limanes, Oviedo), El Faro (Las Palmas, Gran Canaria), Roque del Faro (Santa Cruz de Tenerife, Tenerife) e Faro (Cullera, Valencia). O mesmo étimo pero resultados distintos ofrecen Haro e Alfaro, en la Rioja.
O nome da cidade, o concello e o distrito portugués de Faro ten outra orixe.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org