Pobra do Caramiñal, A
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo
Derivado
Resumo xeral
Composto de Pobra, derivado regresivo do verbo pobrar, procedente do latín populare, e de Caramiñal, derivado de caramiña (de orixe latina ou prerromana), co sufixo colectivo –al.
Aspectos xeográficos, históricos, administrativos
Durante a Idade Media A Pobra e O Caramiñal eran dous núcleos distintos. O máis importante, A Proba (ou Prova) do Daián (ou Deán), dependía do arzobispo compostelán, que exercía xurisdición civil e criminal. A diferenza das demais Pobras, de fundación real, a do Deán foi eclesiástica: segundo Carlos Baliñas, o deán de Santiago tiña interese en outorgar privilexios xurídicos e fiscais ó lugar para facer fronte ó desenvolemento comercial e pesqueiro dos veciños portos libres ou señoriais, como Muros e Noia: sería, pois, "unhas daquelas pobras serodias e e de iniciativa señorial que foron nacendo na costa na primeira metado do s. XIV" (Baliñas 1992: 20). A advocación da parroquia foi, consecuentemente, Santiago. O castelo que posuía o deán foi derrubado en 1467 polos Irmandiños: o lugar do seu asentamento deulle nome a toda a parroquia: O Castelo. O outro núcleo, O Caramiñal, adquiriu a categoría de vila en 1554 (RodríguezSantamaría 2002).
O concello constituíuse coa unión dos dous núcleos en 1836 con cinco parroquias, que no Antigo Réxime pertencían ás xurisdicións do Caramiñal, a Pobra do Deán e Noia, na provincia de Santiago. Asignóuselle un nome de nova creación, formando un composto, en castelán (NavazaConcellosCor).
Trala chegada da democracia, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o órgano encargado de revisar o Nomenclátor, emitiu en 1984 o seu dictame para os concellos que contiñan este derivado de pobrar (amais deste, A Pobra do Brollón e a Pobra de Trives) e escolleu Pobra entre as diversas variantes medievais: Pobla (a máis arcaica), Proba e Pobra (ou as variantes correspondentes con v ou u). Considerouse que a forma Proba entraba en colisión co seu homónimo, o substantivo común proba, e Pobla, ademais de ser arcaica, entraría en contradición coa solución estándar de formas como nobre o igrexa. Ademais, Pobra era a forma máis frecuente de tódalas variantes na Idade Media, como agora se pode comprobar facilmente cos recursos en liña (como o TMILGa). Así, con data de 03/02/1994, Puebla del Camariñal pasou a nomearse A Pobra do Caramiñal (VariacionesMunicipios).
Información específica de étimo para este topónimo
Pobra
A actual Pobra do Caramiñal aparece na Idade Media coas variantes Pobra e minoritariamente Prova, e co complemento do Dayán ou Deán. Foi castelanizado de forma temperá, pero hai noticias do uso de Proba ata principios do século XX, como testemuña Domínguez Fontán (1962: 83): véxase BoullónAgrelo_1991.
Caramiñal
Caramiñal deriva de caramiña, variante de camariña, co sufixo colectivo -al (< lat. -ale). A orixe era evidente para Sarmiento_Catálogo, quen informaba do seguinte: "La villa del Caramiñal tiene por armas una planta con frutilla, llamada caramiña, y de ahí vino el nombre Caramiñal, porque esta ribera marítima del Caramiñal abundaba en lo antiguo de esta planta. Ahí no es tan común, pero es muy común en la costa marítima del Priorato de la Merced, en el sitio Escarabote [lindando con la parte norte de A Pobra], y en Agoeyros, y en la Isla de Ons y sobre la caída del río Ézaro, y Islas de Bayona".
Máis ou menos na misma época, nas Comprobacións do Catastro de Ensenada (1763 CCME) referidas á parroquia de Palmeira (actual municipio de Ribeira, veciño do Caramiñal) cítase un agro chamado das Camarriñas (por das Camariñas), que pode indicar a existencia da planta chamada camariña nalgún lugar con dunas da costa palmeirá: a súa praia da Corna estrema coa praia da Illa do municipio pobrense (citado en TopRibeira, p. 100).
Documentación histórica
Antiga e medieval
Pobra (e variantes):
- "Gonçaluo Martís, jurado et esscosador por Fernand’Afonso, notario de Postomarquos e da Probra do Dayán” 1373 DocNoia, p. 20
- "Fernán Afonso, notario púbrico jurado em terra de Postomarquos et da Pobra do Dayã de Santiago" 1395 DocNoia p.33
- "su a oliveira da vila da Pobra” 1448 FMSantiago, p. 558
- "Afonso de Rriãjo, morador ẽna Proua do Deã", "Johán de Meljde, ferreyro da Proua” 1457 LNRianxo
Caramiñal
- "a nosa herdade do Caraminal" 1475 ARG (Fondo da Torre de Xunqueiras)
Moderna
- "yten en las alcabalas dela villa del Padron e la Puebla del Deán et Carril e Villagarcia con la Ria daroça" 1522 CDGH 566
- "don diego de las Mariñas, señor de la villa de Caramiñal" 1592 CDGH
- “Buelto este cauo [Punta Ostreira] al poniente están los lugares del Caramiñal y Proua, juntos en otra plaia” 1635 AtlasTexeira (p. 330); nos mapas figura A Proua e O Caraminhal (f. 52)
- "Santiago de la villa de la Puebla del Deán. ... Villa del Caramiñal" 1607 MemoriasHoyo, pp. 173-4.
- “Proba. Significa Puebla. Así dicen á Proba do Dean” [1754] Sarmiento, Catálogo , f. 65v. “Al río das Pedras- A la Puebla del Deán (A Pobra)-Legua al Caramiña1” SarmientoViaxe 1755
- “PUEBLA DEL DEÁN: jurisd. de la ant. prov. De Santiago: se componía de la v. de su nombre y de la felig. de Leson: el señ. lo ejercía el deán de Santiago, por quien se nombraba el juez ordinario”
- "PUEBLA DEL DEÁN (Santiago de la): v. en la prov. de la Coruña (19 leg.), dióc. de Santiago (9), part. Jud. de Noya (3) y ayunt. de Caramiñal (3/4), á cuyo distr. marit. pertenece su puerto". ...CARAMIÑAL: v. en la prov. de la Coruña (18 leg.), dióc. de Santiago (9), part. jud. de Noya (3), y ayunt. de la Puebla del Caramiñal: SIT en una ensenada que forma la ría de Arosa…. está unida hoy a la Puebla del Deán” 1808-1870 DicMadoz s.v.
- Proba 23/09/1888 Novo Galiciano (Galiciana)
- Pobla do Caramiñal (Fermín Bouza Brey, "Encol da voz 'magorrento” Nós, 1929)
- A Pobra do Deián (Otero Pedrayo, Xeografía, 1962) TILGA
- "Conocíase por Proba a un pequeño lugar" (Domínguez Fontán 1962)
Cognados e topónimos relacionados
Pobra
En territorio galego existen algúns cognados coa mesma evolución:
- Lugares: A Pobra de Parga (Guitiriz, Lu) e A Pobra (Mesía, Co).
- Parroquias: A Pobra de San Xiao (Láncara, Lu)
- Municipios: A Pobra de Trives (Ou) e A Pobra do Brollón (Lu).
Variantes con metátese do r:
- A Proba (parroquia do Barco de Valdeorras, Ou, lugares na Guarda, Po, Oleiros, Co), A Proba de Burón (parroquia da Fonsagrada, Lu), A Proba de Navia (parroquia de Navia de Suarna, Lu), Proba (parroquia de Navia de Suarna, Lu), así como os derivados Probaos (parroquia de Cesuras, Co) e Probeiros (Monforte de Lemos, Lu),
Variantes con desaparición do -l- ao quedar en posición intervocálicas:
- A Póboa (parroquia de Cacheiras, Teo, A Coruña); así tamén os derivados Poboeiros (parroquia de Castro Caldelas, Ourense), O Poboado (lugares na Capela, Co e Manzaneda, Ou) Poboado de Prada (Lugar na Veiga, Ou), Poboanza (parroquia de Pazos de Rei, Tui, Po), A Poboanza (lugares en Amoeiro, Ou y Tui, Po), Poboanza (parroquia de Pazos de Rei, en Tui, Pontevedra) e Pobanza (parroquia de Castenda, Tordoia, A Coruña)
Esta última serie de resultados é paralela ao portugués moderno, Póvoa, que, a pesar de que coñeceu tamén os resultados Pobra e Pobla na Idade Media, acabou regularizándoos todos como Póvoa (véxase a entrada Póvoa de Varzim).
En Pobadura (A Laracha, Co e Coles, Ou) pode haber tanto disimilación do r co da última sílaba ou crase da secuencia oa; isto é, pode ter calquera das dúas evolucións mencionadas. Ten o seu paralelo no port. Póvoa Dura (Vila Verde, Braga), onde parece que houbo unha reinterpretación da parte final do topónimo como adxectivo.
Caramiñal
É dubidosa a identificación deste significado co topónimo galego Camariñas (Co).
En Portugal, Piel (1968) adscribe ó nome da planta os topónimos Camarinha (Penela, Coimbra e Ferreira do Zêzere, Santarém), Casais das Caraminheiras (Soure, Coimbra), Cramarinhos (Felgueiras, Distr. Oporto). O estudoso alemán cita tamén un lugar abandonado Camarinhal (Santiago de Cacém, Setúbal), e inclúe outra serie de palabras en que a raíz se puido acortar como resultado do desprazamento do sufixo a camarn-: Camarneira (Cantanhede, Coimbra), Camarneiras (distr. Leiria), Camarnal (catro veces na zona costeira ó norte de Lisboa ata Aveiro), Camarnaes (3 veces ó norte de Lisboa; finalmente, Camarral puido basearse en Camarnal.
Nos actuais mapas portugueses consta tamén Caraminhal en Covas (Paredes de Coura, Viana do Castelo).
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org