*CARAMINA
A planta caramiña ou camariña (gal.), camarinha (port.) e camarina (cast.) designa a Corema album, "Planta arbustiva moi ramificada, con talos de ata un metro de altura, flores rosáceas e froito en drupa de cor branca ou rosada, propia das dunas e lugares areosos” (DRAG), exclusiva de areais do litoral atlántico: Galicia, Portugal e Huelva, actualmente en regresión en Galicia. En galego deu lugar ao topónimo Caramiñal (co sufixo -ale) e en portugués, a Caraminha e, co sufixo -eira, a Caraminheira (é máis dubidoso o gal. Camariñas).
O étimo foi controvertido. J. M. Piel_1968 revisou as propostas feitas ata o momento, comezando coa de Martín Sarmiento (OELG), quen propuxo Erica marina ‘brezo marino’ (“Carta sobre a orixe e formación da lingua galega”). O estudoso alemán recoñece o enxeño desta proposta, pero pon de relevo varias dificultades: por un lado, a planta non é ericácea, senón empetácea; por outro, a voz erĭca só se atestou ata o momento en calabrés (erga); e, finalmente, a contracción erica-> ca- parece algo forzada. Así e todo, Piel deixa aberta a posibilidade de que o froito da Corema xa fose coñecido en círculos boticarios en época romana, onde sería posible a forma *camarina a partir de erĭca marina. Ademais, marinus xa ten sido utilizado para identificar un froito, coma no romanés cerasa marina ‘froito do érbedo’. Corominas tamén lle formulou diversas obxeccións fonéticas e semánticas (DCECH s.v. cámara). Outras hipóteses citadas por Piel son igualmente rexeitadas: unha cidade chamada Camarina na costa suroeste de Sicila (pero parece difícil de xustificar una conexión entre esta illa mediterránea e o nome da planta do Atlántico occidental) ou comarus, unha das designacións latinas para o Arbutus (pero é difícil de crer que se confundan dous froitos tan diferentes). Para J. M. Piel, a outra alternativa a estas hipóteses é a prerromana, dada a frecuencia desta orixe etimolóxica nos fitónimos (cf. o galego carballo, amieiro, etc.). Máis adiante retomaremos esta idea.
Corominas (1976) supúxolle nun principio orixe prerromana: unha formación cun prefixo kat-, variante de cant-, do ide. kṃta- ‘cara abaixo’: kat-mar-ī-na ‘a de abaixo, ao mar’. Non obstante, na última edición do seu dicionario (1980) inclúe esta voz entre os derivados de cámara “en el sentido de ‘lugar u objeto cerrado’”, do latín vg. CAMĂRA, do clásico CAMĔRA, de procedencia grega, onde significaba 'bóveda', cuarto abovedado' (DCECH s.v. cámara); con todo, en nota a pé segue dado como "probable" a orixe céltica ou sorotapto.
Se foneticamente o latín CAMĂRA non presenta problemas para dar lugar a caramiña/caraminha/caramina (con metátese e sufixo -INU), non se explica como deste significado pode orixinarse unha acepción fitonímica, porque a voz común designa inequivocamente a planta. Piel_1968 tamén lle encontraba a mesma obxección semántica. De maneira que, se ben os topónimos do interior si parecen remontar ao étimo latino, é máis difícil xustificalo no caso da planta mariña, que sen dúbida deu lugar a Caramiñal, e talvez ao concello coruñés Camariñas, ambos e dous situados no litoral.
Retomando a proposta de Piel_1968 dunha orixe prerromana, cómpre citar un traballo de Johannes Hubschmid_1959 onde estuda unha serie de formas con raíz similar en diferentes áreas da península ibérica e en certas pólas do céltico insular. Conclúe propoñendo unha raíz *kar(r)- 'cuncha dura' indoeuropea, que tería orixe nunha anterior *karr- 'pedra', e que daría lugar a grupos de formas das seguintes áreas semánticas: a) cunchas de animais, nomes de moluscos, embarcacións (entre as que se poderían encontrar gal. e cast. caracol, gal. caramecha, caramuxo, vasco karramarro 'caranguexo'), b) pel de froitos, brácteas, acios, escamas, costra (e aquí situaríase gal. caramiña/port. camarinha/cast. camarina, gal. carabuña 'óso dalgunhas froitas') e, finalmente, c) xeo, xeada, pingueira (gal. carazo/carouxo 'xeada', esp. carámbano, gal.caramelo/carambelo 'xeo que colga ó conxelarse a auga que cae' [aínda que Hubschimd acepta a proposta de Corominas sobre unha orixe latina desta voz, parece que debe incluírse aquí, segundo demostra o estudo específico de Edelmiro Bascuas_amba]). Equivalería ó tema kar-3 'duro' de Pokorny.
Por tanto, parece que a voz común caramiña e os seus derivados toponímicos se deben incluír dentro desta extensa familia de palabras de orixe prerromana indoeuropea. Carlos Búa, en comunicación persoal, propón unha formación car-am-ina, isto é, a devandita raíz co sufixo átono prerromano -'amo. Este sufixo xa fora mencionado por MzPidal_SufijosÁtonos, por MoralejoÁlvarez_CallaicaNomina (p. 39) y por Bascuas_2002, quen lle atribúe un valor intensivo ou superlativo: "en realidad *-ºmo con vocal de apoyo que al hacerse plena toma el timbre /a/ u /o/, es frecuente en formaciones prerromanas hispanas" (pp. 333-4), como Uxama > Osma (Soria), med. Osama > Osmo (Cenlle, Ou), med. Uisama > Visma (Co) ou nalgunas palabras comúns (como o gal. árgoma 'tipo de toxo'). Esta base proposta, cárama, rexístrouna ó norte de Palencia e Terra de Campos González Ollé_Bureba, coa acepción "rocío, escarcha" (como este autor advirte, no DRAE rexístrase, coa mesma acepción, unha forma grave carama); se ben esta base parece lonxe semanticamente do nome da planta, encaixa ben na rede de relacións propostas por Hubschmid antes citadas. No que toca ó sufixo latino, -INA, non está empregado aquí como diminutivo, senón co significado inicial que tiña en latín, indicando unha relación de pertenza ou semellanza, como en columbina ou diamantino (vid. Amado Alonso_1982, p. 162), de onde vén probablemente o seu valor patronímico, como en Palumbina filia Pelagii Palumbo 1190 TSobrado (BoullónAntrMedGal 88-89); o valor diminutivo adquiriuno máis tarde, como demostrou Diego Catalán_1989 ó comparar diacronicamente os resultados de -INU/A e -ĚLLU/A na toponimia peninsular (ós que habería que engadir -ŎLU/A, os tres moi presentes na toponimia).
Para otros resultados hispánicos formalmente semellantes, como gal. Cámara, Camariñas, cat. Camareta, ast. Cámaras, Camarinas, Camarón, esp. Camarilla, véxase o étimo CAMARA. Con respecto a Camarena, segundo Emili Casanova (en comunicación persoal), debe ter outra orixe: considérao derivado do nome persoal latino Camarus ou Cammarus (KajantoCognomina p. 333) co sufixo -ANA: Cam(m)arana, 'vila de Camarus', que daría lugar a Camarena por influencia da imela árabe.
Redacción: Ana Boullón
Contribucións: Carlos Búa, Jairo García, Emili Casanova.