Santiso
Tipoloxía ou caracterización xeográfica
Étimo, evolución, motivación
Ámbito semántico
Resumen general
Santiso é un haxiotopónimo con base no haxiónimo Sanctu Thyrsu, forma latina que remite á figura de San Tirso de Apolonia (Piel_Santos, § 51).
Aspectos históricos e administrativos
O municipio constituíuse no ano 1836 con diversas parroquias que pertenceran no Antigo Réxime ás xurisdiccións de Abeancos, Boente, Melide e couto de Vilar de Ferreiros, todas elas na provincia de Santiago. O nome procede da parroquia na que, daquela, se estableceu a casa consistorial (NavazaConcellosCor, p. 91).
Información específica de étimo para este topónimo
Santiso é un haxiotopónimo que remite ao haxiónimo Sanctu Thyrsu, forma latina que remite á figura de San Tirso de Apolonia (Piel_Santos, § 51). Santo Tirso foi un mártir cristián de Cesarea, finado en Apolonia contra mediados do século III e venerado na Península Ibérica dende antes do século VIII. O nome Thyrsus era cognome romano e procedía do grego antigo Θύρσος
Documentación histórica
Antigua y medieval
- "nos damus tibi in prestimonium illud prestimonium quod de nobis tenet pater tuus in Linares et in Sancto Tirso" 1270 CDVilarDonas, doc. 44.
Moderna
Cognados
Ademais da parroquia que lle dá nome ao concello, hai en Galicia cinco parroquias que presentan o haxiotopónimo de Santiso:
- Santiso en Antas de Ulla (LU), Lalín (PO) e Maceda (OU)
- Vilanova de Santiso en Malpica de Bergantiños (CO)
- Santiso de Vuiturón en Muxía (CO)
O haxiotopónimo, baixo as variantes Santiso, San Tirso e Santo Tirso, designa tamén diversos núcleos menores de poboación:
- Santiso. Ademais dos cinco lugares que lle dan nome ás parroquias citadas máis arriba, hai en Galicia outros sete lugares chamados Santiso nos seguintes concellos, respectivamente: A Fonsagrada (LU), Muras (LU), Aranga (CO), O Pino (CO), Sandurniño (CO), Touro (CO) e O Irixo (OU).
- San Tirso. Dous lugares, un en Outes (CO) e outro en Silleda (PO)
- Santo Tirso. Lugar en Sober (LU).
En Portugal rexístrase como topónimo únicamente a forma Santo Tirso: unha vez como nome dun lugar no concello de Celorico de Basto (distr. Braga) e outra como nome dun lugar, parroquia e concello no distrito de Porto.
Por último, rexistramos Santiso como nome de lugar no concello de Ibias (Asturias), lindeiro coa Fonsagrada e Navia de Suarna.
en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org