*ECLĒSIA
Os resultados hispánicos do latín clásico ECCLĒSIA ('reunión do pobo', 'asemblea dos primeiros cristiáns para celebrar o culto'), procedente do grego, descenden da variante vulgar *ECLESIA (DCECH s.v. iglesia). O ambiente cultural eclesiástico preservounos da deriva popular, de forma que os romances hispánicos mostran distintos graos de evolución, pero en ningún deles a esperable palatalización do grupo -CL-: gal. igrexa, port. igreja, ast. e arag. ilesia, cast. iglesia, cat. església (cat. ribagorzano illésia, esllésia); tamén está presente no eus. eliza. En orixe designaban as comunidades de crentes, e despois, por metonimia, os lugares consegrados onde se reunían. Con esta acepción concorreu coa palabra basilica, que na península ibérica apenas deixou os topónimos Baselgas en Asturias e dous Baselga en Portugal, en contraste con Francia, onde non é infrecuente (Santamarina_2008: 937).
Erredakzioa: Ana Boullón
Contribucións: Javier Giralt.