*ECLĒSIA
Os resultados hispánicos do latín clásico ECCLĒSIA ('reunión do pobo', 'asemblea dos primeiros cristiáns para celebrar o culto'), procedente do grego, descenden da variante vulgar *ECLESIA (DCECH s.v. iglesia). O ambiente cultural eclesiástico preservounos da deriva popular, de forma que os romances hispánicos mostran distintos graos de evolución, pero en ningún deles a esperable palatalización do grupo -CL-: gal. igrexa, port. igreja, ast. e arag. ilesia, cast. iglesia, cat. església (cat. ribagorzano illésia, esllésia); tamén está presente no eus. eliza. Na toponimia encóntranse diversas variantes da voz común.
En orixe designaban as comunidades de crentes, e despois, por metonimia, os lugares consagrados onde se reunían. Con esta acepción concorreu coa palabra latina basilica, procedente do grego, que na península ibérica deixou algunhas mostras toponímicas: port. Baselga, ast. Baselgas , Selga, Selgas, arag. Baselga, Baselgas, cat. Beselga, aínda que non todos subsisten como topónimos maiores.
Redacción: Ana Boullón
Contribucións: Javier Giralt.