Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptast

Pobra do Caramiñal, A

Pobra do Caramiñal, A

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Concello

Étimo

*PŎPŬLA
Romance
Hábitat humano » Población
*CARAMINA
Prerromano
Fitonimia

Resumo xeral

Composto de Pobra, derivado regresivo do verbo pobrar, procedente do latín populare, e de Caramiñal, derivado de caramiña (de orixe latina ou prerromana), co sufixo colectivo –al. 

 

 

Aspectos históricos e administrativos

Durante a Idade Media A Pobra e O Caramiñal eran dous núcleos distintos. O máis importante, A Proba (ou Prova) do Daián (ou Deán), dependía do arzobispo compostelán, que exercía xurisdición civil e criminal. A diferenza das demais Pobras, de fundación real, a do Deán foi eclesiástica: segundo Carlos Baliñas, o deán de Santiago tiña interese en outorgar privilexios xurídicos e fiscais ó lugar para facer fronte ó desenvolemento comercial e pesqueiro dos veciños portos libres ou señoriais, como Muros e Noia: sería, pois, "unhas daquelas pobras serodias e e de iniciativa señorial que foron nacendo na costa na primeira metado do s. XIV" (Baliñas 1992: 20). A advocación da parroquia foi, consecuentemente, Santiago. O castelo que posuía o deán foi derrubado en 1467 polos Irmandiños: o lugar do seu asentamento deulle nome a toda a parroquia: O Castelo. O outro núcleo, O Caramiñal, adquiriu a categoría de vila en 1554 (RodríguezSantamaría 2002). 

O concello constituíuse coa unión dos dous núcleos en 1836 con cinco parroquias, que no Antigo Réxime pertencían ás xurisdicións do Caramiñal, a Pobra do Deán e Noia, na provincia de Santiago. Asignóuselle un nome de nova creación, formando un composto, en castelán (NavazaConcellosCor).

Trala chegada da democracia, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o órgano encargado de revisar o Nomenclátor, emitiu en 1984 o seu dictame para os concellos que contiñan este derivado de pobrar (amais deste, A Pobra do Brollón e a Pobra de Trives) e escolleu Pobra entre as diversas variantes medievais: Pobla (a máis arcaica), Proba e Pobra (ou as variantes correspondentes con v ou u). Considerouse que a forma Proba entraba en colisión co seu homónimo, o substantivo común proba, e Pobla, ademais de ser arcaica, entraría en contradición coa solución estándar de formas como nobre o igrexa. Ademais, Pobra era a forma máis frecuente de tódalas variantes na Idade Media, como agora se pode comprobar facilmente cos recursos en liña (como o TMILGa). Así, con data de 03/02/1994, Puebla del Camariñal pasou a nomearse A Pobra do Caramiñal (VariacionesMunicipios). 

Información específica de étimo para este topónimo

Pobra

A actual Pobra do Caramiñal aparece na Idade Media coas variantes Pobra e minoritariamente Prova, e co complemento do Dayán ou Deán. Foi castelanizado de forma temperá, pero hai noticias do uso de Proba ata principios do século XX, como testemuña Domínguez Fontán (1962: 83): véxase BoullónAgrelo_1991.

Caramiñal

Caramiñal deriva de caramiña, variante de camariña, co sufixo colectivo -al (< lat. -ale). A orixe era evidente para Sarmiento_Catálogo, quen informaba do seguinte: "La villa del Caramiñal tiene por armas una planta con frutilla, llamada caramiña, y de ahí vino el nombre Caramiñal, porque esta ribera marítima del Caramiñal abundaba en lo antiguo de esta planta. Ahí no es tan común, pero es muy común en la costa marítima del Priorato de la Merced, en el sitio Escarabote [lindando con la parte norte de A Pobra], y en Agoeyros, y en la Isla de Ons y sobre la caída del río Ézaro, y Islas de Bayona".

Máis ou menos na misma época, nas Comprobacións do Catastro de Ensenada (1763 CCME) referidas á parroquia de Palmeira (actual municipio de Ribeira, veciño do Caramiñal) cítase un agro chamado das Camarriñas (por das Camariñas), que proba a existencia da planta chamada camariña nalgún lugar con dunas da costa palmeirá: a súa praia da Corna estrema coa praia da Illa do municipio pobrense (citado en TopRibeira, p. 100).

Documentación histórica

Antiga e medieval

Pobra (e variantes):

  • "Gonçaluo Martís, jurado et esscosador por Fernand’Afonso, notario de Postomarquos e da Probra do Dayán” 1373 DocNoia, p. 20
  • "Fernán Afonso, notario púbrico jurado em terra de Postomarquos et da Pobra do Dayã de Santiago" 1395 DocNoia p.33
  • "su a oliveira da vila da Pobra” 1448 FMSantiago, p. 558
  • "Afonso de Rriãjo, morador ẽna Proua do Deã", "Johán de Meljde, ferreyro da Proua” 1457 LNRianxo

Caramiñal

  • "a nosa herdade do Caraminal" 1475 ARG (Fondo da Torre de Xunqueiras)

 

Moderna

  • "yten en las alcabalas dela villa del Padron e la Puebla del Deán et Carril e Villagarcia con la Ria daroça" 1522 CDGH 566
  • "don diego de las Mariñas, señor de la villa de Caramiñal" 1592 CDGH
  • “Buelto este cauo [Punta Ostreira] al poniente están los lugares del Caramiñal y Proua, juntos en otra plaia” 1635 AtlasTexeira (p. 330); nos mapas figura A Proua e O Caraminhal (f. 52)
  • “Proba. Significa Puebla. Así dicen á Proba do Dean” [1754] Sarmiento, Catálogo , f. 65v. “Al río das Pedras- A la Puebla del Deán (A Pobra)-Legua al Caramiña1” SarmientoViaxe 1755
  • “PUEBLA DEL DEÁN: jurisd. de la ant. prov. De Santiago: se componía de la v. de su nombre y de la felig. de Leson: el señ. lo ejercía el deán de Santiago, por quien se nombraba el juez ordinario”
  • "PUEBLA DEL DEÁN (Santiago de la): v. en la prov. de la Coruña (19 leg.), dióc. de Santiago (9), part. Jud. de Noya (3) y ayunt. de Caramiñal (3/4), á cuyo distr. marit. pertenece su puerto".
  • "CARAMIÑAL: v. en la prov. de la Coruña (18 leg.), dióc. de Santiago (9), part. jud. de Noya (3), y ayunt. de la Puebla del Caramiñal: SIT en una ensenada que forma la ría de Arosa…. está unida hoy a la Puebla del Deán” 1808-1870 DicMadoz s.v.
  • Proba 23/09/1888 Novo Galiciano (Galiciana)
  • Pobla do Caramiñal (Fermín Bouza Brey, "Encol da voz 'magorrento” Nós, 1929)
  • A Pobra do Deián (Otero Pedrayo, Xeografía, 1962) TILGA
  • "Conocíase por Proba a un pequeño lugar" (Domínguez Fontán 1962)

Cognados na mesma área lingüística

Pobra

En territorio galego existen algúns cognados coa mesma evolución: 

  • Lugares: A Pobra de Parga (Guitiriz, Lu) e A Pobra (Mesía, Co).
  • Parroquias: A Pobra de San Xiao (Láncara, Lu)
  • Municipios: A Pobra de Trives (Ou) e A Pobra do Brollón (Lu).

e outros con metátese do r:  

  • A Proba (parroquia do Barco de Valdeorras, Ou, lugares na Guarda, Po, Oleiros, Co), A Proba de Burón (parroquia da Fonsagrada, Lu), A Proba de Navia (parroquia de Navia de Suarna, Lu), Proba (parroquia de Navia de Suarna, Lu), así como os derivados Probaos (parroquia de Cesuras, Co) e Probeiros (Monforte de Lemos, Lu), 

A partir do verbo poboar, con desaparición do -l- ao quedar en posición intervocálica, proceden os seguintes topónimos: 

  • A Póboa (parroquia de Cacheiras, Teo, A Coruña); así tamén os derivados Poboeiros (parroquia de Castro Caldelas, Ourense), O Poboado (lugares na Capela, Co e Manzaneda, Ou) Poboado de Prada (Lugar na Veiga, Ou), Poboanza (parroquia de Pazos de Rei, Tui, Po), A Poboanza (lugares en Amoeiro, Ou y Tui, Po), Poboanza (parroquia de Pazos de Rei, en Tui, Pontevedra) e Pobanza (parroquia de Castenda, Tordoia, A Coruña) 

Esta última serie de resultados é paralela ao portugués moderno, Póvoa, que, a pesar de que coñeceu tamén os resultados Pobra e Pobla na Idade Media, acabou regularizándoos todos como Póvoa (véxase a entrada Póvoa de Varzim). 

Caramiñal

É dubidosa a identificación deste significado co topónimo galego Camariñas (Co).

En Portugal, Piel (1968) adscribe ó nome da planta os topónimos Camarinha (Penela, Coimbra e Ferreira do Zêzere, Santarém), Casais das Caraminheiras (Soure, Coimbra), Cramarinhos (Felgueiras, Distr. Oporto). O estudoso alemán cita tamén un lugar abandonado Camarinhal (Santiago de Cacém, Setúbal), e inclúe outra serie de palabras en que a raíz se puido acortar como resultado do desprazamento do sufixo a camarn-: Camarneira (Cantanhede, Coimbra), Camarneiras (distr. Leiria), Camarnal (catro veces na zona costeira ó norte de Lisboa ata Aveiro), Camarnaes (3 veces ó norte de Lisboa; finalmente, Camarral puido basearse en Camarnal.

Ana Boullón:
" Pobra do Caramiñal, A ",

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 30-03-2023].
Data: 02/02/2023
9
no-portugues

Coordenadas: -8.939867 42.605672

Las coordenadas en el estado español proceden del IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Lema
A Pobra do Caramiñal
Transcripción fonética
aˈpɔβɾa̝ðokaɾamiˈɲal
Provincia
Sen provincia
Poboación (INE)
9.318

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

Pobrense

Pseudoxentilicio(s)

Maleteiro. Cando se chegaba á Pobra por barco (había un transporte regular, nun vapor, que cruzaba a ría ata Vilagarcía), o primeiro que se vía eran os homes que viñan con carretas para recoller as maletas dos pasaxeiros, de onde 'maleteros'.

Antropónimos orixinados polo topónimo

Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Baliñas Pérez, Carlos. 1992. “As Pobras e o seu contexto histórico. O caso da Pobra do Caramiñal”, en As razóns dun nome, Pobra do Caramiñal. Pobra do Caramiñal: Concello, 15-21.

Domínguez Fontán, Manuel. 1962. La Puebla del Caramiñal. Un mirador sobre la ría de Arosa. Vigo: Industrias Gráficas Noroeste.

Rodríguez Santamaría, Xoán Pastor. 2002. A Pobra do Caramiñal: cronoloxía histórica. A Pobra do Caramiñal: Asociación Cultural A Miserela. 

Sinaturas

Redacción: Ana Boullón

Revisión: -

Contribuciones puntuales: Luz Méndez, Paula Bouzas.

Corema album en el Coto de Doñana (foto de la autora)

Corema album en el Coto de Doñana (foto de la autora)

Atlas de Pedro Teixeira, 1634

Atlas de Pedro Teixeira, 1634

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-